CHOZOS DO CORRAL DO PORTO
SERRA DO SUIDO
LAXE
FORNELOS DE MONTES
A Laxe
San Xosé da Laxe é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Fornelos de Montes. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 116 habitantes (63 mulleres e 53 homes), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 137 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 86 habitantes, sendo 42 homes e 44 mulleres.
Lugares da parroquia da Laxe
A Airoa, O Casal, O Couso, Entrerríos
Fornelos de Montes
Fornelos de Montes é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo. Segundo o IGE, no ano 2018 a súa poboación era de 1.640 persoas. O seu xentilicio é "fornelán/fornelá" ou "fornelense".
Xeografía
O concello sitúase no centro-leste da provincia de Pontevedra. Está formado por sete parroquias con 24 núcleos de poboación. Limita ao norte coa Lama e Ponte Caldelas, ao oeste con Soutomaior e Pazos de Borbén, ao sur con Mondariz e Covelo e ao leste con Covelo e Avión (provincia de Ourense).
A zona montañosa da franxa leste pertence á serra do Suído. Nela están os cumios de Couto Minuto (1.059 m) e Outeiro Vello (1.007 m). Cara ao oeste as altitudes van diminuíndo, pasando a un territorio caracterizado polos vales fluviais.
Os río máis importante é o río Oitavén, no que se sitúa o encoro de Eiras, que abastece a Vigo e parte da súa comarca. O río Parada, que nace na serra do Suído, aflúe na marxe esquerda do Oitavén.
O río Barragán, tamén afluente do Oitavén pola marxe esquerda, ten no tramo final, antes do encoro de Eirás, un estreito val cun bosque de ribeira ben conservado.
Climaticamente caracterízase polas fortes choivas, sendo un dos concellos galegos con maiores precipitacións (até 2.862 mm anuais). Isto causa frecuentes correntes de auga, que co paso do tempo conformaron pequenos fervenzas de curso inestable. As temperaturas adoitan ser suaves nos meses de maior calor (17 °C en xullo) e frías en inverno (5 °C en febreiro).
Patrimonio
A fortaleza de Alemparte foi asolada polos irmandiños na Gran Guerra Irmandiña (1467). En 1482 foi cercada polo bispo de Tui e os seus cabaleiros, apoderándose dela posteriormente Pedro Madruga. Os restos que quedaban da fortaleza foron desfeitos definitivamente en 1893.
O poboado castrexo da Cidadela do monte da Cidade conserva restos das pequenas edificacións, feitas en granito. A maioría delas conservan erguida parte da súa estrutura externa, consistente nunha parede de pedra de granito, podendo adiviñarse algúns elementos como as portas de entrada ou detalles do interior das vivendas. As edificacións atópanse, en liñas xerais, agrupadas nun único núcleo agás no comezo da Cidadela onde as primeiras casas aparecen diseminadas respecto ás do resto.
Bordeando a Cidadela hai un camiño cuberto con pedras de formas irregulares e que unha vez deixadas atrás as vivendas nos conduce cara a un acueduto do último terzo do século XVIII, en perfecto estado de conservación malia estar cuberto por vexetación autóctona. A edificación está realizada en pedra e na súa parte central presenta un arco de tipo oxival, a través do que cruza o sendeiro, que ben puido servir antigamente como entrada á cidade.
Debido á grande presenza de cursos fluviais, hai numerosos muíños de auga por todo o territorio, destacando a parroquia de Fornelos de Montes con nove e a de Traspielas con seis. As parroquias de Laxe e Ventín son as que presentan un menor número de muíños con dous e un respectivamente.
Así mesmo, co fin de salvar o paso dos ríos existentes, destaca tamén a presenza de pontes de pedra, destacando as pontes de Laxe, de Verducido, a Ponte Grande, a de Portorrío ou a do Barbado. Non todas elas están ben conservadas debido ao abandono. Existen máis de 30 fontes de auga e 15 lavadoiros repartidos por todo o concello.
Hai dúas casas grandes: a de Marrán, en Vilán, e a dos Alemparte. A primeira, ben conservada, ten planta con forma de L, destacando a balconada corrida no interior e unha notable cheminea. A casa dos Alemparte, do século XV, presenta un estado bastante malo de conservación, destacando no seu conxunto a gran balconada sobre pilastras rústicas orientada cara a solaina, que é o que se atopa mellor conservado de toda a edificación, así como a robusta escaleira e un arco nunha porta con forma semicircular e que contén un escudo de armas.
Ademais das igrexas parroquiais hai tres capelas, a de San Caetano en Estacas, a de San Amaro en Traspielas e a de Santa Cruz en Fornelos de Montes. Tamén conta con diversos cruceiros, destacando o de San Xosé de Laxe, e 5 petos de ánimas: dous en Ventín e un en Fornelos, Estacas e Laxe.
Outro tipo de patrimonio etnográfico son as construcións vinculadas ao uso do monte, como os chozos (construción menor de pedra que daba acubillo aos pastores da serra ao longo do ano), parideiras (construcións en pedra en forma de cercado e para gardar o gando, e foxos de lobos, recintos moi elementais e primitivos destinados á caza do lobo. Todas elas están na parroquia de Laxe, ao pé da serra do Suído.
Parroquias de Fornelos de Montes
Calvos (Santo Adrián), As Estacas (Santa María), Fornelos de Montes (San Lourenzo), A Laxe (San Xosé), Oitavén (San Vicente), Traspielas (Santa María), Ventín (San Miguel)
Serra do Suído
A serra e o home
Intúense refuxios do paleolítico, e cóntase con presenza de mámoas do período megalítico. A serra do Suído tivo e ten unha grande importancia para os labregos que viven ás súas beiras. Aínda hoxe se poden ver os chozos do Suído, que durante séculos foron usados polos poboadores de case todas as parroquias do concello de Avión.
Alá levaban o gando nos veráns, aos sitios que os labregos chaman sesteiros: unhas zonas case que reservadas para o gando de cada aldea.
Aínda hoxe existen o sesteiro da Abelenda, do Rodeiro, dos Boeixos, e de case que todas as vilas do arredor. Pódense ver os chozos subindo por unha estrada que se atopa en Neva, ou por outra que hai no lugar de Mangüeiro ou indo do Espiñeiro, na parroquia da Amiudal cara á Hedreira. Existen tamén foxos de lobo.
No alto da serra, vindo de Beariz cara a Pontevedra, está a Portela da Cruz. Nela pódense atopar vestixios dun camiño moi antigo, chamado a Verea, que era unha vía de comunicación moi importante para toda a zona, xa que atravesa todo o Suído e chega ou chegaba cando menos á Graña, xa en Pontevedra. Suponse que foi parte dun camiño real que se enlazaba con outros que unían Castela e o País Vasco, rematando na Coruña.
Xeoloxía
Predominan as rochas de orixe metamórfica, especialmente o granito herciniano ben visible nos afloramentos froito da perda dos sedimentos que os cubrían, aínda que tamén se atopan rochas estratificadas como os xistos. As formas son dondas e suaves con numerosos chans nas elevacións (Chan do Libro, Chan de Valdohome, Campo Largo...).
Solos ácidos e húmidos onde nacen os ríos Tea, Oitavén e Verdugo cara ao oeste, e o río Avia cara ao Leste. Todos eles baixan en rápidos e fervenzas de gran beleza como a fervenza de Mouriscados ou Abelenda, a freixa do Xesta ou alto Oitavén e a fervenza de Verducido.
O punto máis elevado é a Sesta Cerrada con 1059 metros de altitude. Existen outros puntos que sobardan os mil metros de altitude como o Coto dos Xarotos ou o Portiño Escuro. Albíscanse uns certos efectos periglaciais como as turbeiras e a degradación das rochas por cuña de xeo. Estamos ante a zona máis chuviosa de Galicia onde as precipitacións chegan aos 2862 mm de media.
Hábitats
A media ladeira consérvanse fragas autóctonas de gran valor con carballos, cerquiños e bidueiros, rascacús, loureiros, sobreiras e acivros. Máis arriba, aparecen interesantes formacións herbosas, pasteiros, matogueiras, poulas, queirugas, uces, piornos e, sobre todo, toxo cuxas chumusas tinguen de amarelo os seus chans e as súas abas.
Nas turbeiras encóntranse musgos como o esfagno e tamén as curiosas orballiñas, diminutas plantas carnívoras que nas súas pegañentas follas atrapan pequenos insectos.
Existe unha gran riqueza floral: amarelle, paxariños, xunca de algodón, dente de can, abrótega, xacinto bravo, violeta e quitamerendas (ou tollemerendas, Merendera bulbocodium). Entre os mamíferos ademais da raposa, a lontra, o teixugo, a xeneta, o xabarín e o gato bravo, salienta o dominio do lobo. Existe unha gran variedade de morcegos. A avifauna é dunha enorme variedade (miñatos, tartarañas, falcóns, bubelas, merlo rubio, lavandeiras, aguia albela...) chegando a encontrarse exemplares de aguia real e bufo real. Entre os anfibios e réptiles débese citar o sapiño pinto, a estroza, a ra vermella, a víbora de seoane, o tritón, a píntega, a salamántiga rabilonga ou a cobra viperina.
Chozos do Suído
Os chozos do Suído son unhas construcións tradicionais senlleiras que se atopan na Serra do Suído e nas serras achegadas coma a Serra do Faro de Avión e que consisten nunha especie de pequenos e sólidos cabaneis de pedra de gneis que usaban os pastores coma vivenda na alta montaña nos meses de estío dende a Idade Media até o século pasado. Seica teñen a súa orixe no século XII e constitúen en conxunto unha unidade de explotación gandeira de montaña.
Arquitectura
Os chozos son pequenos alpendres dunha peza, de planta xeralmente cadrada (uns 20 m²), sen sollado, e con muros e cuberta en fábrica de cachotaría de gneis (semellante ao granito). O espesor dos muros é considerábel (de 0,6 a 0,8 metros) por mor da grande carga que soportan.
Malia seren construcións vernáculas erguéronse nos séculos do románico, e teñen unha clara e singular influencia da arquitectura culta reflectida no uso de rústicos arcos de medio punto (poden ser dende un até tres) para soster unha pesada cuberta a dúas augas arranxada con grandes laxes de gneis recuberta dunha camada de terra e brións para asegurar un illamento no habitáculo. O arco adoita formarse de sete doelas (únicos elementos algo traballados). O saimel fica integrado na parede e arrinca a uns 60 centímetros do chan.
As máis das veces os grosos muros de granito teñen contrafortes exteriores para aturar as fortes cargas que xeran os arcos co peso do teito. A porta de entrada é un pequeno oco no muro pinche, e debido ao pesado da construción os vans adoitan reducirse. Non existe referencia da existencia de portas de madeira ou outro elemento que pechara o chozo, aínda que sería o lóxico para manter a calor no interior e protexerse dos posíbeis ataques de lobos. Tamén existe normalmente nos muros laterais unha pequena bufarda que serve de tiro do fume da lareira e deixa entrar as primeiras raiolas de sol ao abrente.
No interior é común atopar unha lareira, un forno e fornelas e lacenas. Atópanse a uns 900 metros sobre o nivel do mar, nos lugares máis abeirados das montañas, aproveitando as abas nas vertentes sur para se gorecer dos ventos fríos e húmidos do norte. Arredor dos chozos existen os cortellos (hoxe medio derruídos), cerrumes feitos con valados de pedra para gardar os becerros de cadansúa familia. Preto dos chozos existía tamén un curro ou sobeira non moi grande, feito de cachotería, lousas e grandes bloques pétreos. Xa que están construídos coa pedra do lugar e cunha cuberta vexetal, están totalmente integrados na paisaxe da serra.
Uso
Os chozos do Suído construíronos e eran usados polos pastores dos concellos de Avión, Beariz, A Lama, Fornelos de Montes, Ribadavia e Covelo de xuño a setembro cando se subía o gado para o aproveitamento dos pasteiros (sesteiros) de alta montaña durante o estío. O pastoreo foi nesta zona unha das técnicas de supervivencia máis empregadas. Segundo a época cumpría procurar bos pastos, mais a escaseza de vías de comunicación e as grandes distancias que os pastores percorrían facían que pasaran longas tempadas lonxe do fogar.
Cada aldea tiña a súa coutada para o pasto. Os chozos servían de acubillo para facer noite no monte, abeiraban das neves, as treboadas e a choivas; tiñan ademais todo tipo de instalacións como lavadoiros, fontenlas e lareiras formando un grupo humano de varios moradores cunha grande actividade.
Na lareira facíase lume para se quentaren e para facer o xantar, tiñan ademais bancos corridos, lacenas e fornelas onde gardar a roupa. O leito arranxábase no chan feito con xestas, toxos e fentos.
A temperatura no interior é fresca e agradábel polo illamento das grosas paredes de cachotes e a cuberta de lousas recuberta de carrizas e mofos. Nas lousas exteriores ou nos bloques do interior adoita haber inscricións cos nomes dos pastores que facían gardas no verán.
VIDEO
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901