domingo, 3 de julio de 2022

CRUCEIRO DE LOIMAR - BEALO - BOIRO

 CRUCEIRO DE LOIMAR

LOIMAR

BEALO

BOIRO

  Cruceiro de capela
     Unha tipoloxía particular de cruceiro é o denominado cruceiro de capela, chamados así porque o fuste remata nunha pequena capeliña aberta ó fronte, que leva no interior a imaxe da Virxe. Sobre o teito desta capeliña érguese a cruz característica dos cruceiros.

     A maioría dos que se puideron datar corresponden ó século XVII, aínda que hai exemplares datados entre o XVI e o XVIII. Suxeriuse que están relacionados cos rollos ou picotas castelás, pelourinhos en Portugal, dos que xa non queda ningún en Galicia.

Estrutura
     Son todos eles menos esveltos cós cruceiros clásicos, cun fuste máis curto e groso, adoito de sección octogonal ou cadrada achafranada. Por veces, o fuste presenta algunha decoración, como pode se-los instrumentos da Paixón, imaxes de santos (San Francisco de Asís, San Antón de Padua, San Bieito, San Bernardo ou o apóstolo Santiago). Tamén poden verse cunchas de vieiras ou outros elementos.

     A base está formada por unha plataforma de planta cadrada con varios chanzos de pedra. En ocasións, é octogonal pero, en calquera caso, a plataforma é normalmente baixa. A columna carece de pedestal e remata nun capitel plano, coa única función de servir de base á capela. Por veces pode ter un anxo con ás esculpido na parte anterior e, ocasionalmente, tamén nos bordos laterais.

     A capela está formada por tres pedras cuadrangulares que abren polo frontal, formando unha estrutura prismática aberta. As paredes son lisas e sen ornamentar, aínda que ás veces presenta baixorrelevos nas caras externas –máis frecuentes nos cruceiros máis antigos- ou decoración de bólas nos bordos. Cando existe, esta decoración exterior pode representa-la Virxe, Santiago ou outra imaxe relixiosa (Cristo, San Francisco, o papa San Clemente ou San Gregorio). En Rois hai un que tamén presenta imaxes esculpidas nas caras interiores.

     A capela pecha por riba por un teito de base plana e coa parte superior a modo de telladiño a catro augas. Hai cruceiros, coma o de Loreto, en Porto do Son, nos que o teito remeda unha bóveda de canón.

     En case tódolos casos, a capeliña está ocupada pola imaxe dunha Virxe co meniño no colo; en exemplares máis modernos pode estar representada a Inmaculada ou a Virxe Dolorosa. É precisamente a Virxe de Loreto, frecuente nestas capeliñas, a que lle dá o nome de cruceiros de Loreto co que tamén se designan. Non son infrecuentes os cruceiros baleiros por roubo da imaxe, que nalgún caso foi substituída por outra moderna.

     Sobre a capela, érguese unha cruz coma nos cruceiros clásicos, co Cristo esculpido na cara anterior e só ocasionalmente unha Piedade na posterior, coma no Cruceiro das Neves de Ourolo, Taragoña, ou no de Pastoriza, tamén en Taragoña.

     Só se ten constancia dun dos escultores deste tipo de cruceiros, Xohán de Vilasoa, de Comoxo (Boiro). Castelao recolle de Pérez Constanti un documento datado en 1589 polo que se lle contrata a construción por nove ducados do cruceiro de Teaño (Boiro), "con su caja donde se ponga la imagen de Ntra. Sra. y con tres escaleras al pié, de buena piedra (...) y las imágenes muy buenas...". Deste cruceiro xa só quedan algúns restos.

     Descoñécese se orixinalmente estiveron pintados ou non, pero hai constancia nalgúns casos de que os veciños pintan as imaxes, sobre todo a da Virxe, con vivas cores. 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

CRUCEIRO DO AVELÁN - SAN XOÁN DE LAIÑO - DODRO

 CRUCEIRO DO AVELÁN

SAN XOÁN DE LAIÑO

DODRO

 Tamén chamado Cruceiro do Avelán ou Abelán.

     Queda no “camiño sacramental”, tanto para ir á igrexa de San Xoán, que é actualmente a parroquial, como antes para a de San Xiao, por onde había que pasar cos defuntos das aldeas da Devesa, Bustelo e Teaio.

     Consta de tres chanzos sobre o que se asenta un fuste voluminoso de sección cadrada no que se fixo unha especie de fornela que puido acoller algún tipo de imaxe.

     Neste fuste figura a data de construción -1672- xunto con unha longa inscrición que quedou partida pola pequena fornela.

     Sobre o capitel aséntase a capeliña ou fornela. O monumento remata coa cruz, asentada no teito da capela, sobre unha pequena base cúbica con adorno nas catro caras en zigzag.

     É un dos cruceiros máis antigos de Galicia e actualmente celébrase unha romaría para celebrar o Día da Santa Cruz  

MAPA

 

Fuente: Paxina de Cruceiros de Galicia

XOAN ARCO DA VELLA 

PETO DE OUTEIRO - TARAGOÑA - RIANXO

PETO DE OUTEIRO

TARAGOÑA

RIANXO

 Peto de ánimas
   Chámanse petos de ánimas a unha das manifestacións materiais do culto aos mortos e son, xeneralmente, sinxelos monumentos de piedade popular asociados á idea do purgatorio.

    En Galicia é frecuente atopalos en camiños, encrucilladas, atrios de igrexas, etc.

     Os historiadores e etnógrafos sitúan a súa aparición a partir da Contrarreforma, datándose os máis antigos no século XVII, aínda que non sería ata o século XVIII cando se constrúan con máis profusión.

     A súa finalidade é a de ofrecer esmolas de todo tipo ás ánimas do Purgatorio, sendo o seu castigo temporal e podendo así alcanzar o Ceo.

    En compensación, unha vez liberadas intercederán por quenes realizaron as ofrendas.

     As esmolas non eran de carácter estrictamente monetarias, tamén podía tratarse de produtos agrícolas.

     Os petos de ánimas adoitan estar construídos en pedra cunha cruz no alto, polo xeral con imaxes das ánimas no lume do purgatorio e unha figura que as vela (santo, rei ou bispo).

     Na parte frontal aparece un peto para depositar a esmola e protexido cunha reixa ou un cristal.

Algúns levan lendas do tipo:
     Un alma tes e non máis, si a pérdes que farás...    

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

martes, 21 de junio de 2022

FERVENZA DAS GÁNDARAS - RIO DAS GÁNDARÁS - O BATÁN - MEZONZO - VILASANTAR

 FERVENZA DAS GÁNDARAS

RÍO DAS GÁNDARAS

O BATÁN

MEZONZO

VILASANTAR

 O Batán
     O Batán é un lugar da parroquia de Mezonzo, no concello coruñés de Vilasantar, na comarca de Betanzos. 

      Segundo o Instituto Nacional de Estadística en 2018 tiña dous habitantes (un home e unha muller).

Historia
     Recibe o seu nome do batán que se acha no lugar, un dos poucos que se conservan na Península Ibérica. A tradición atribúe a súa construción ós monxes do mosteiro de Mezonzo, o cal o convertería nun dos máis antigos. Impulsado pola auga do río das Gándaras, funcionou até o ano 1954, momento en que foi abandonado. Restaurouse en 2001, polo que o seu mecanismo segue a funcionar.

Mezonzo
      Santa María de Mezonzo é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Vilasantar.

     Segundo o Instituto Nacional de Estadística en 2018 tiña 142 habitantes (76 homes e 66 mulleres) distribuídos en 17 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 255 habitantes.

     Eclesiasticamente pertence ao arciprestado de Sobrado, igual cás demais parroquias do concello.

Personaxes
     Nesta parroquia viviu San Pedro de Mezonzo, nun importante mosteiro do que aínda se conserva a igrexa.

     Tamén aquí naceu o famoso guerrilleiro antifranquista Manolito Bello.

Patrimonio
    Mosteiro de Santa María de Mezonzo

Lugares de Mezonzo
     Aguión, O Batán, O Campo da Feira, Cernadas, O Corral de San Martiño, O Fachal, Faxilde, Igrexafeita, Opa, A Orga, Paizás, O Penedo, A Ponte do Sapo, O Priorato, O Valo, Vilaboa, Vilanova

Comarca de Betanzos
     A comarca de Betanzos é unha comarca galega situada na provincia da Coruña. 


     Pertencen a ela os concellos de Aranga, Betanzos, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Vilarmaior e Vilasantar. 

     Ten unha superficie de 676,63 km² e no 2020 tiña 38.309 habitantes.

VIDEO

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

lunes, 20 de junio de 2022

REGO DE VALGADA - CASTRO - CERDEDO COTOBADE

 REGO DE VALGADA

CASTRO

CERDEDO COTOBADE

 Castro
     Santa Baia de Castro é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Cerdedo-Cotobade. 

      Segundo o padrón municipal en 2014 tiña 120 habitantes (55 homes e 65 mulleres) distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 204 habitantes.

Xeografía
     A parroquia está formada polos lugares de Bugarín, Castro do Cabo, Castro do Medio e Filgueira. Situada ó noroeste do concello, o seu nome procede directamente da verba latina Castrum, xa que o seu principal accidente xeográfico é o coto de Castrodiz (681 m).

     Desde o lugar do Medio e o do Cabo pódese desfrutar dunha vista do val do río Lérez, e cara á parte de abaixo das aldeas as casas parecen precipitarse sobre o val do río de Queireza, mantendo a estrutura labiríntica típica do concello.

Patrimonio
     Na cima do coto de Castrodiz aprecianse indicios de asentamentos castrexos. A cima do coto aparece sesgada nun planalto que recibe o nome de Eira dos Mouros. Este planalto está arrodeado dos restos dunha dobre muralla moi similar á doutros asentamentos mellor conservados. Desde alí, nos días claros de verán, pódese ver a liña do horizonte no mar mais aló da Illa de Ons. Tamén hai testemuñas de pinturas rupestres na Cova dos Mouros.

     A igrexa parroquial de Santa Baia de Castro atópase a metade do camiño entre o Lugar do Cabo e o Lugar do Medio. No 1809, durante a guerra da Independencia Española, foi queimada xunto con tódalas súas pertenzas polos soldados de Napoleón, segundo refire o párroco Ignacio de Silva, quen conta tamén como os franceses deron morte a anciáns e enfermos que non foron quen de fuxir.

      Xa na década de 1940 a igrexa foi rexistrada en varias ocasións pola Garda Civil, xa que Lisardino Lois Ventín, o crego de Castro, foi considerado sospeitoso de axudar á guerrilla antifranquista e recibir os guerrilleiros na súa reitoral; se ben fóra o anterior párroco, Jesús Rodríguez Anllo, quen uns anos antes, no 1938, dera chivatazos ás autoridades falanxistas para o apresamento de decenas de persoas e a eliminación de varios líderes agraristas e mestres nacionais da veciña Quireza e de toda a contorna.

     No lugar de Filgueira, son dignas de ver as mostras de arquitectura popular que podemos atopar en todas as casas e no seu fermoso eirado composto dun conxunto de 12 canastros (Eira da Ermida) que está xunto á capela da Virxe dos Remedios (queimada tamén polos soldados de Napoleón), dende onde hai unha gran vista panorámica da parroquia de Quireza e montes do arredor.

     Filgueira é terra de ferreiros e fiadeiras e sobre todo destacan famosos canteiros, como Domingo Matías e Tomás Penelas.

     Outra das aldeas da parroquia é Bugarín, onde está a capela da Virxe da Saleta.

      No antigo camiño que comunicaba o Lugar do Cabo con Bugarín (hoxe un carreiro abandonado que é a única conexión directa existente entre os dous lugares da mesma parroquia) hai unha pedra moi grande na zona que chaman Os Corticiños. Conta a lenda que a un home que pacía as ovellas sempre por aquela zona lle saíu dunha vez ao camiño unha serpe de gran tamaño. A serpe, á que lle gustaba o leite, muxiulle dúas ovellas. Dende aquela, o home asubiaba na pedra todos os días para que viñera a serpe, ata que pareceu que lle collera ata certo achego. Pero o home tivo que marchar fóra uns anos, e atopouse cando volveu que a serpe non acudía ao seu asubío. 

     Volveu ao día seguinte e, desta vez, a serpe apareceu e de tanto que o estrañara abrazouno tanto que o matou. Días despois sete homes de Bugarín fixeron unha batida e mataron a serpe con escopetas.

Lugares e parroquias
     Bugarín, Castro do Cabo, Castro do Medio, Filgueira

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA