lunes, 13 de abril de 2020

MUIÑOS DO POZO VALIÑAS - RÍO OITAVÉN - GAXATE - A LAMA

MUIÑOS DO POZO VALIÑAS
RÍO OITAVÉN
GAXATE
A LAMA


Río Oitavén
     O Oitavén é un pequeno río galego da provincia de Pontevedra que, tras confluír co río Verdugo, contribúe á ría de Vigo.


Percorrido
      O Oitavén nace na serra do Suído, dentro do concello da Lama, a preto de 800 m. de altura, desenvolvendo un percorrido moi encaixado, de vales en V, de 32 km. até a súa desembocadura na beira dereita do Verdugo, en Ponte da Barca, no concello de Soutomaior.


     Atravesa os concellos da Lama, Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, delimita en parte estes dous últimos municipios, e finalmente no de Soutomaior.


     A importancia hídrica do Oitavén estriba no seu superior caudal de 10,5 m³/s (o Verdugo subministra na foz 17 m³/s), de xeito que, ás veces, se fala do sistema Verdugo - Oitavén (o curso común de ambos, en tal caso, atinxe 7 km.).


Afluentes e conca
     A conca do Oitavén é disimétrica, por ter próxima, á súa man dereita, a do Verdugo, de xeito que os seus afluentes principais recíbeos pola beira esquerda: o río da Xesta, o Ventín e o Barragán.


     O tamaño total da conca do Oitavén é de 177,7 km² (o do sistema conxunto co Verdugo é de 357 km²).


Aproveitamento
     No tramo medio-alto, nas lindes entre os concellos de Ponte Caldelas e Fornelos de Montes, sitúase o encoro de Eiras.


Réxime hidrográfico
     O Oitavén é un río de réxime pluvial. As precipitacións medias na conca alcanza os 1.884 mm anuais de media, aínda que no tramo superior sitúanse entre 2.000 e 2.500 mm.


Gaxate
     San Pedro de Gaxate é unha parroquia que se localiza no concello da Lama. Segundo o padrón municipal en 2013 tiña 204 habitantes (105 mulleres e 99 homes), 17 máis ca en 2004. Ten doce entidades de poboación.


Xeografía
     A parroquia está bañada polo río Oitavén. Sitúase xunto a Verducido, ó sur do concello. Limita ao norte con Xende e ao oeste con Forzáns (Ponte Caldelas).


Demografía
     Os habitantes desta parroquia van minguando co paso do tempo, debido á emigración das súas xentes a Portugal, Brasil e Europa, na súa maioría. Proba deste feito son as múltiples evidencias arquitectónicas que podemos admirar, como os pazos ou as casas señoriais, algunhas de estilo indiano.


     Os seus habitantes, con nostalxia, aínda lembran os anos dourados de Gaxate, onde abundaban as tardes de festa e cine, as xuntanzas, faladoiros e os primeiros paseos en coche.


Historia
     Os restos arqueolóxicos achados no castro de Gaxate indican que foi unha zona habitada dende tempos remotos.


     Durante o feudalismo, os nobres ocupaban o poder e posuían ostentosas casas que aínda hoxe se poden atopar. Máis tarde, no século XV, Gaxate pertenceu ao Condado de Soutomaior, e crese que Pedro Madruga e a súa esposa Dona Urraca tiveron casa en Gaxate.


     Gaxate era un lugar innovador, foi a primeira parroquia do municipio e unha das primeiras da provincia que contou con luz eléctrica grazas á enerxía xerada por unha fábrica de electricidade alí situada.


Lugares de Gaxate
     A Aldea, O Castro, A Cavada, O Eido de Abaixo, A Igrexa, Os Muíños, O Pereiral, A Ponte, A Ramadiza, Ramil, As Rañas, A Rocha


Parroquias da Lama
     Antas (Santiago), A Barcia do Seixo (Santa Ana), Covelo (San Sebastián), Escuadra (San Lourenzo), Gaxate (San Pedro), A Lama (San Salvador), Seixido (San Bartolomeu), Verducido (San Martiño), Xende (San Paulo), Xesta (San Bartolomeu)

VIDEO
MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

domingo, 12 de abril de 2020

HOXE FALAMOS CON ANA FERNÁNDEZ MELÓN

FALAMOS CON
ANA FERNÁNDEZ MELÓN
DOCENTE

Ana Fernández Melón

Algo de ti, quen e Ana?
      Son Ana, muller de 43 anos. Nacín no Ceo, en Mondariz. Cando era pequena, crucei o río Tea no chimpín do meu tío Tonio para axudar a recoller patacas nos campos longos de Cernadela, para que despois eles viñesen axudarnos a nós. 

     Crieime a traballar no campo e no monte, aínda que despois emigrase fóra para estudar e traballar. Por iso, coidado que aínda teño forza para darlle a calquera un lapote jajajaja. Na actualidade sigo a estudar e traballar.

"Crieime a traballar no campo e no monte"

Co seu Pai

Que é a Cultura e o Patrimonio?
     Cultura e patrimonio, na aldea global na que vivimos, son os penachos que exhibimos: cada tribo ten os seus, e nós, se somos listos, saberemos conservar tanto as cores da paz como as da guerra, aínda que por fóra nos vistamos de seda. 

     Trátase aquí de preservar a forza do pasado, para que non nos caian paus por todos lados.
     Un faise valente para a vida xogando cos pais e os avós, e observando as súas respostas ás cuestións fundamentais da vida. É claro que tamén debemos saber adoptar aquelas melloras que nos achegan o resto das culturas, pero claro, ten que haber un equilibrio entre o que cedemos e o que non aceptamos, para que a miscixenación se dea con harmonía, e sen forzas contradictorias. 


Ana Fernández Melón

 Que somos sen Cultura e sen patrimonio?
     Sen cultura nin patrimonio somos unha tábula rasa sen posible identificación. Seriamos como os androides da peli Blade Runner. Pero, se vos lembrades, estes traballadores cibernéticos sofren tamén pola conciencia da morte e van na procura de respostas onda o seu creador: en canto tiñan uns recordos, traballaron contentos, e unha vez que saben que ata iso estaba programado, así como a data da súa morte, rebélanse con violencia. Non hai maior escravitude que te priven da túa infancia, das túas lembranzas, da túa orixe. Iso é como camiñar sobre o baleiro. Bueno, estou indo de aquí para alá nas respostas, pero agardo que a mensaxe se entenda.

"Sen cultura nin patrimonio somos unha tábula rasa sen posible identificación."

Mapa de camiños antigos

E a Toponimia, serve nun mundo digital?
      A toponimia serve sempre. Quen dicía que traballar na terra era ruín agora estará a pensar en que ter terra polo que poida vir despois desta crise mundial igual non era tan disparatado. A terra levará sempre un nome, pois ten propietario, nin que sexa quen a traballe, aínda que non a posúa.
     Por outro lado, vou pór un exemplo para que se vexa máis claro que é isto da toponimia:
     Aquí en Ponteareas arranxaron algúns dos pozos públicos dos arredores da vila. Facía tempo que nos meus paseos me coincidía pasar por un que está abeirado ao regato de Valdecide, no que se xuntaban -e xuntarán, porque despois desta vivencia moita poesía se vai escribir e cantar- uns rapaces a rapear. Nunha ocasión vinme con azos de lles preguntar:
     - Ola, como se chama este lugar?
     - Este es el Pilón Iluminado, no ves que tiene una bombilla?

     Jajajaja, demo de rapaces. Claro, é un nome poético.   O pilón ten unha luz, efectivamente, e ao mesmo tempo é o seu lugar de inspiración, onde se lles prende a bombilla. Bueno, despois aínda lles preguntei se non se animaban a cantar en galego, pero a resposta foi non.      Este é outro tema. Quería ilustrar a filiación dos lugares coas persoas a través das palabras.


A bisaboa María e avoa Lola

Si perdémola que?
     Perder a toponimia non é como perder un botón. Cada un deses nomes ten unha carga histórica irremplazable. Saber darlle o seu xusto valor é tarefa de valentes na primeira liña do frente. 

     Xa non hai materias na universidade como Onomástica e Latín. Isto forma parte dunha política lingüística fomentada pola caricatura cocainómana que nos goberna. 
     Non sei como o noso pobo escolleu a súa propia ruína no abano de alternativas que se lle presentaban. Agardo que desta volta vaia caíndo da burra. En definitiva, conservar a toponimia elévanos a cidadáns europeos de pleno dereito, recoñecéndonos como nacionalidade histórica lexítima de pleno dereito. Así se deduce da nosa paisaxe, bautizada por todos nós, única no mundo enteiro.

"Así se deduce da nosa paisaxe, bautizada por todos nós, única no mundo enteiro."

Ana Fernández Melón

Algo por o que Loitar?

     Sempre hai un motivo polo que loitar, ou unha persoa á que defender, ou unha idea que quere progresar, ou unha sociedade que se quere entender. Nunca deixamos de aprender. Logo todo iso márcanos con enruguiñas e fainos fermosos e venerables na vellez.
Despois deste momento cambiara o Mundo?
      A nosa mente é capaz das maiores proezas. Deixar voar a imaxinación cara aos nosos soños debe ser realizado con certas pautas de coñecemento. Imaxino que, agora mesmo, coa prisión domiciliaria que vivimos, moita xente estará soñando libremente. Moitos deses soños seguro que se cumprirán.
Como sera o cambio?
     Se o cambio se producise polo meu gusto, non volverían darse casos de confinamento de víctimas de violencia de xénero ou abusos sexuais cos seus verdugos. Protexeríase o máis fráxil e necesario da sociedade con políticas reais e debidamente orzamentadas. Estou a pensar nas mulleres sen formación e os nenos que viven en situacións moi marxinais.


Ana Fernández Melón

Ti como pensar sera?
     Do resto, se algo cambia, non sei como o fará. Non teño unha bóla de cristal, nin tampouco desexo tela.
Que é a felicidade?
      Non sei definir a felicidade. Pero si que podo referir as palabras da miña avoa: quen non estea ben, que se poña! Ou aquelas outras dunha amiga, tamén moi dura, pero lúcida: a alegría hai que loitala cada día.
Es feliz, pódese ser feliz?

      Se son feliz? Bueno, de momento hai saúde, e mañá xa pediremos! Jeje.

Un soño?
 Soño con rescatar aos nenos da pobreza e da ignorancia, e tratar de que regresen ao idioma galego, pois hoxe en día os nosos cativos son neofalantes todos eles. Imaxino un futuro cheo de nenos de todo o mundo, e incluso nados xa en Galicia, fillos de pais de diferentes culturas e etnias e razas, todos a falar galego.
Un desexo?
      Desexo non perder xamais de vista de onde veño, e alcanzar cada día un horizonte máis lonxincuo.
Unha personaxe?
      Unha personaxe? Xa non reverencio a ninguén, pero estou na tarefa de aprender de todo o mundo, e dos propios erros.


  A súa gata Coleta

Galicia....?
     Respóndoche con esta ás dúas preguntas: Galicia é o meu máis ambicioso proxecto. Ti parácheste a ver as merlas a construír nestes días o seu niño, todas afanosas? Pois lémbrate de min a próxima vez que a vexas penetrar na follaxe cun ramiño na boca para tecer o seu fogar.



Ana grazas... por o teu tempo, grazas por compartir

XOAN ARCO DA VELLA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

sábado, 11 de abril de 2020

TORRE DA CADEIA VEHA TORRE DA PORTA NOVA - PONTE DE LIMA

 TORRE DA CADEIA VELHA
TORRE DA PORTA NOVA
PONTE DE LIMA
VIANA DO CASTELO


Torre da Cadeia Velha / Torre da Porta Nova


Situación
     A Torre da Cadeia Velha pertence á muralla urbana de Ponte de Lima, no distrito de Viana do Castelo, Portugal.



Historia
     A Torre da Cadeia, ou Torre da Porta Nova, foi erixida durante o reinado do rei Manuel I para a instalación do cárcere do condado, rematada en 1511.


Descrición
     Está composto por unha torre de casa revestida de planta rectangular, dividida interiormente en tres plantas e un calabozo. 



     A torre ten fiestras xemelgas, está coroada por almenos piramidais e ten o escudo do soberano e unha esfera armilar na fachada sur.


     Orixinalmente accedíase a través do adarve da muralla, pero máis tarde abriuse unha porta de arco apuntado na súa planta baixa.


Uso actual.
     Torre dá Caldeia Velha alberga unha sala de exposicións temporais e unha galería de arte, e Oficina de Turismo entrada é gratuita.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA


viernes, 10 de abril de 2020

SALTOS DE PARAULA - RIO XABRIÑA - PRADO DA CANDA - COVELO

 SALTOS DE PARAULA
RÍO XABRIÑA
PRADO DA CANDA
COVELO


Prado de Canda
     Santiago de Prado de Canda é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Covelo na comarca da Paradanta.



     Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 93 habitantes (49 mulleres e 44 homes), distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 107 habitantes.



     Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 75 habitantes, sendo 34 homes e 41 mulleres.



Lugares de Prado de Canda
     A Aldea de Baixo, A Aldea de Riba, O Carballal, A Arigua, A Bouza, As Casanovas, Cavadiña, A Costa, Os Loureiros, O Outeiro, A Porteliña



Covelo
     Covelo é un concello da provincia de Pontevedra, pertence á comarca da Paradanta. Segundo o IGE no 2014 tiña 2719 habitantes. O seu xentilicio  é «covelense».



     Limita cos concellos de Avión e Melón (na provincia de Ourense), A Cañiza, Mondariz e Fornelos de Montes.



Patrimonio
     Conta cun foxo de lobo restaurado en 2013 na parroquia de Campo, con dous funís de entrada e unha profundidade de dous metros.
     Na Serra do Suído atópanse os singulares chozos.



Parroquias de Covelo
     Barcia de Mera (San Martiño), Campo (Santa María), Casteláns (Santo Estevo), Covelo (Santa Mariña), Fofe (San Miguel), Godóns (Santa María), A Graña (San Bernabeu), A Lamosa (San Bartolomeu), Maceira (San Salvador), Paraños (Santa María), O Piñeiro (San Xoán), Prado (San Salvador), Prado de Canda (Santiago), Santiago de Covelo (Santiago)


Comarca da Paradanta
     A comarca da Paradanta é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra. A ela pertencen os concellos de Arbo, A Cañiza (a súa capital), Covelo e Crecente. Limita ao norte coas comarcas de Vigo e do Ribeiro, ao leste con esta última e coa de Terra de Celanova, ao sur con Portugal e ao oeste coa do Condado.



     Ocupa unha extensión de 333,3 quilómetros cadrados e contaba cunha poboación de 13.226 habitantes no ano 2014.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

PASOS DE PORTAMUIÑOS - PORTAMUIÑOS - RÍO ALMOFREI - BORA

PASOS DE PORTAMUIÑOS
PORTAMUIÑOS
BORA
RÍO ALMOFREI


Río Almofrei
     O río Almofrei é un pequeno río galego que flúe na provincia de Pontevedra.



     É afluente, pola beira esquerda, do río Lérez e a súa lonxitude é de aproximadamente 26 km, o que o converten no máis longo dos seus tributarios.



Étimo
     A denominación do río está vinculada ao lugar e parroquia de Almofrei (Cerdedo-Cotobade), que bañan as súas augas, de xeito que ben expresado o seu nome sería "río de Almofrei", o que é bastante característico na denominación de numerosos ríos menores.



     Á súa vez o nome da parroquia é de orixe xermánica dun posesor, seguramente altomedieval, con nome gótico latinizado, Ermaufredus, que polo xenitivo, Ermaufredi, pasou por evolución ao galego Almofrei. 



     Outros autores falan dunha orixe árabe da palabra, que conservaría en galego o significado de funda na que se leva a cama de viaxe.


Descrición
Fontes
     O Almofrei nace preto do lugar de Fraguas, na freguesía de Santiago de Caroi, dentro do concello de Cerdedo-Cotobade, por debaixo do monte Seixo, que está xa no municipio da Lama, a uns 671 msnm.



Percorrido
     Logo do seu nacemento e ao longo do seu curso atravesa outras das freguesías de Cerdedo-Cotobade: Corredoira, Loureiro, Carballedo, Rebordelo, Borela e Almofrei, que é a que lle empresta o seu nome ao río.



     Pouco despois de pasar por esta, entra na parroquia de Bora, xa do concello de Pontevedra, para moi logo desaugar no río Lérez á altura do lugar de Ponte Bora. O sentido xeral do percurso do río é de NO a SE.


Afluentes
     Os afluentes do Almofrei son pequenos regatos de escaso desenvolvemento lonxitudinal. 



     Pola dereita salientan o rego da Pereira, o rego de Chan das Latas e o rego do Pego. Pola esquerda, o rego de Borela, no curso medio xa, é o máis importante.


Réxime hídrico
     O Almofrei é un típico río de réxime hídrico pluvial de tipo oceánico, coas características da súa conca, que segundo a altura recolle anualmente entre 1.500 mm e máis de 2.000 mm. A súa bacía esténdese sobre 77,5 km² e o seu caudal medio é de 3,58 m³/s.



Intervención humana
Construcións
     Ó longo do seu percorrido hai un bo numero de muíños, un batán, e praias e piscinas fluviais. 


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA