domingo, 12 de abril de 2020

HOXE FALAMOS CON ANA FERNÁNDEZ MELÓN

FALAMOS CON
ANA FERNÁNDEZ MELÓN
DOCENTE

Ana Fernández Melón

Algo de ti, quen e Ana?
      Son Ana, muller de 43 anos. Nacín no Ceo, en Mondariz. Cando era pequena, crucei o río Tea no chimpín do meu tío Tonio para axudar a recoller patacas nos campos longos de Cernadela, para que despois eles viñesen axudarnos a nós. 

     Crieime a traballar no campo e no monte, aínda que despois emigrase fóra para estudar e traballar. Por iso, coidado que aínda teño forza para darlle a calquera un lapote jajajaja. Na actualidade sigo a estudar e traballar.

"Crieime a traballar no campo e no monte"

Co seu Pai

Que é a Cultura e o Patrimonio?
     Cultura e patrimonio, na aldea global na que vivimos, son os penachos que exhibimos: cada tribo ten os seus, e nós, se somos listos, saberemos conservar tanto as cores da paz como as da guerra, aínda que por fóra nos vistamos de seda. 

     Trátase aquí de preservar a forza do pasado, para que non nos caian paus por todos lados.
     Un faise valente para a vida xogando cos pais e os avós, e observando as súas respostas ás cuestións fundamentais da vida. É claro que tamén debemos saber adoptar aquelas melloras que nos achegan o resto das culturas, pero claro, ten que haber un equilibrio entre o que cedemos e o que non aceptamos, para que a miscixenación se dea con harmonía, e sen forzas contradictorias. 


Ana Fernández Melón

 Que somos sen Cultura e sen patrimonio?
     Sen cultura nin patrimonio somos unha tábula rasa sen posible identificación. Seriamos como os androides da peli Blade Runner. Pero, se vos lembrades, estes traballadores cibernéticos sofren tamén pola conciencia da morte e van na procura de respostas onda o seu creador: en canto tiñan uns recordos, traballaron contentos, e unha vez que saben que ata iso estaba programado, así como a data da súa morte, rebélanse con violencia. Non hai maior escravitude que te priven da túa infancia, das túas lembranzas, da túa orixe. Iso é como camiñar sobre o baleiro. Bueno, estou indo de aquí para alá nas respostas, pero agardo que a mensaxe se entenda.

"Sen cultura nin patrimonio somos unha tábula rasa sen posible identificación."

Mapa de camiños antigos

E a Toponimia, serve nun mundo digital?
      A toponimia serve sempre. Quen dicía que traballar na terra era ruín agora estará a pensar en que ter terra polo que poida vir despois desta crise mundial igual non era tan disparatado. A terra levará sempre un nome, pois ten propietario, nin que sexa quen a traballe, aínda que non a posúa.
     Por outro lado, vou pór un exemplo para que se vexa máis claro que é isto da toponimia:
     Aquí en Ponteareas arranxaron algúns dos pozos públicos dos arredores da vila. Facía tempo que nos meus paseos me coincidía pasar por un que está abeirado ao regato de Valdecide, no que se xuntaban -e xuntarán, porque despois desta vivencia moita poesía se vai escribir e cantar- uns rapaces a rapear. Nunha ocasión vinme con azos de lles preguntar:
     - Ola, como se chama este lugar?
     - Este es el Pilón Iluminado, no ves que tiene una bombilla?

     Jajajaja, demo de rapaces. Claro, é un nome poético.   O pilón ten unha luz, efectivamente, e ao mesmo tempo é o seu lugar de inspiración, onde se lles prende a bombilla. Bueno, despois aínda lles preguntei se non se animaban a cantar en galego, pero a resposta foi non.      Este é outro tema. Quería ilustrar a filiación dos lugares coas persoas a través das palabras.


A bisaboa María e avoa Lola

Si perdémola que?
     Perder a toponimia non é como perder un botón. Cada un deses nomes ten unha carga histórica irremplazable. Saber darlle o seu xusto valor é tarefa de valentes na primeira liña do frente. 

     Xa non hai materias na universidade como Onomástica e Latín. Isto forma parte dunha política lingüística fomentada pola caricatura cocainómana que nos goberna. 
     Non sei como o noso pobo escolleu a súa propia ruína no abano de alternativas que se lle presentaban. Agardo que desta volta vaia caíndo da burra. En definitiva, conservar a toponimia elévanos a cidadáns europeos de pleno dereito, recoñecéndonos como nacionalidade histórica lexítima de pleno dereito. Así se deduce da nosa paisaxe, bautizada por todos nós, única no mundo enteiro.

"Así se deduce da nosa paisaxe, bautizada por todos nós, única no mundo enteiro."

Ana Fernández Melón

Algo por o que Loitar?

     Sempre hai un motivo polo que loitar, ou unha persoa á que defender, ou unha idea que quere progresar, ou unha sociedade que se quere entender. Nunca deixamos de aprender. Logo todo iso márcanos con enruguiñas e fainos fermosos e venerables na vellez.
Despois deste momento cambiara o Mundo?
      A nosa mente é capaz das maiores proezas. Deixar voar a imaxinación cara aos nosos soños debe ser realizado con certas pautas de coñecemento. Imaxino que, agora mesmo, coa prisión domiciliaria que vivimos, moita xente estará soñando libremente. Moitos deses soños seguro que se cumprirán.
Como sera o cambio?
     Se o cambio se producise polo meu gusto, non volverían darse casos de confinamento de víctimas de violencia de xénero ou abusos sexuais cos seus verdugos. Protexeríase o máis fráxil e necesario da sociedade con políticas reais e debidamente orzamentadas. Estou a pensar nas mulleres sen formación e os nenos que viven en situacións moi marxinais.


Ana Fernández Melón

Ti como pensar sera?
     Do resto, se algo cambia, non sei como o fará. Non teño unha bóla de cristal, nin tampouco desexo tela.
Que é a felicidade?
      Non sei definir a felicidade. Pero si que podo referir as palabras da miña avoa: quen non estea ben, que se poña! Ou aquelas outras dunha amiga, tamén moi dura, pero lúcida: a alegría hai que loitala cada día.
Es feliz, pódese ser feliz?

      Se son feliz? Bueno, de momento hai saúde, e mañá xa pediremos! Jeje.

Un soño?
 Soño con rescatar aos nenos da pobreza e da ignorancia, e tratar de que regresen ao idioma galego, pois hoxe en día os nosos cativos son neofalantes todos eles. Imaxino un futuro cheo de nenos de todo o mundo, e incluso nados xa en Galicia, fillos de pais de diferentes culturas e etnias e razas, todos a falar galego.
Un desexo?
      Desexo non perder xamais de vista de onde veño, e alcanzar cada día un horizonte máis lonxincuo.
Unha personaxe?
      Unha personaxe? Xa non reverencio a ninguén, pero estou na tarefa de aprender de todo o mundo, e dos propios erros.


  A súa gata Coleta

Galicia....?
     Respóndoche con esta ás dúas preguntas: Galicia é o meu máis ambicioso proxecto. Ti parácheste a ver as merlas a construír nestes días o seu niño, todas afanosas? Pois lémbrate de min a próxima vez que a vexas penetrar na follaxe cun ramiño na boca para tecer o seu fogar.



Ana grazas... por o teu tempo, grazas por compartir

XOAN ARCO DA VELLA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901