jueves, 14 de enero de 2016

MUIÑO DO PETÓN - A CURRA - CARNOTA

MUIÑO DO PETÓN 
A CURRA
COSTA DO DEXO
CARNOTA


Carnota
     Carnota é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Muros. 


     Segundo o IGE no ano 2014 tiña 4.376 habitantes (4.938 no 2009, 5.017 no 2007, 5.112 no 2006, 5.244 no 2005, 5.285 no 2004, 5.421 no 2003). O seu xentilicio é «carnotán».


Xeografía
     O concello ten 70,9 km2, e abrangue 5 parroquias. Ocupa unha estreita faixa costeira entre os montes da serra de Outes ao leste (límite co concello de Mazaricos) e a costa do océano Atlántico ao oeste. 



     Limita ao norte co concello de Dumbría a través da desembocadura do río Xallas e o monte Pindo, e ao sur co concello de Muros a través da punta Lens, nas inmediacións do Ancoradoiro. O seu centro administrativo e a casa do concello atópanse no núcleo de Carnota, dentro da parroquia de Santa Comba de Carnota.


     Desde a súa creación, a estrada C-550 (de Fisterra a Tui) é a principal rota de comunicación. Na actualidade, coa mellora da estrada de Santa Comba a Muros, esta última converterase na vía principal con Santiago de Compostela.



     O concello marca a transición entre as rías Altas e as rías Baixas e é, segundo algúns, o derradeiro polo sur da costa da Morte.



     A parte norte, a partir de Caldebarcos, é pedregosa e vai subindo cara O Pindo, que no extremo norte cae sobre o mar desde unha grande altura. Os montes do Pindo esténdense entre a desembocadura do Xallas e o Valdebois. Este macizo montañoso atinxe a súa maior altura na monte Pindo (627 m), desde a que se poden albiscar as torres da catedral de Santiago. Existen numerosas lendas relacionadas con estes montes, chamados "O Olimpo Celta". 



     Ao sur predominan as praias. A praia de Carnota pasa, cos seus case sete quilómetros, por ser a máis longa de Galiza. Parte deste espazo natural está protexido dentro da Rede Natura 2000 e conta con dunas móbeis, semi-móbeis e fixas. O relevo érguese rapidamente cara o interior, chegando aos 503 m no lugar de Adraño.


     O clima é oceánico húmido, con temperaturas suaves de 14-15 °C anuais e precipitacións abondosas entre 1.500 e 2.000 mm anuais.



Historia
     Existen mámoas e castros que indican que a zona foi poboada desde antigo. O castro de Mallou é unha acrópole fortificada da idade do ferro. O castro de Miñarzos está na actual vila de Lira, polo que está moi alterado.



     Na Idade Media pertenceu aos condes de Trastámara e de Lemos e formou parte do antigo condado de Cornatum. Coa Gran Guerra Irmandiña de 1467 desapareceron as fortalezas. 



Hai restos de catro fortificacións:
     O castelo de Penafiel, situado sobre o monte e a fervenza do Ézaro, foi derrubado durante a Gran Guerra Irmandiña. Era un castelo roqueiro, cunha serie de construcións e aterrazamentos nun penedo de difícil acceso. Na súa base hai unha inscrición de excomuñón, o que podería remontar a súa existencia cando menos ao século XII.O castelo de Pindo Central é unha gran fortificación na zona máis alta do Monte Pindo. Nela había unha capela.



     O castelo de San Xurxo está nunha penichaira do monte Pindo, no camiño natural entre o arco de Carnota e as aldeas do Ézaro e o Pindo. Foi construído no século X polos prelados da Catedral de Santiago de Compostela, e pertenceu á Mitra de Santiago, á monarquía e a nobres feudais.O castelo de Canedo (Canetum, ou Bico do Santo) é outra fortificacións episcopal do século X. Tamén tiña unha capela, destruída segundo a tradición oral polo exército francés.


     O lugar da capital, Carnota, naceu no século XVII. No século XIX foi saqueada polos franceses na Guerra de Independencia española.




Monumentos e turismo
     Carnota é coñecida sobre todo polos hórreos ("cabaceiras") de Carnota (Monumento Nacional) e Lira, que compiten por seren os máis grandes de Galiza.


     A igrexa de Carnota (Santa Comba) é barroca, ten planta de cruz latina e tres naves lonxitudinais. A de San Mamede é neoclásica, e conta cun retablo do século XVIII, obra do escultor J. Ferreiro.


     O bico do Santo, situado no lugar de Pedrafigueira, é un picacho en cuxo cumio houbo unha ermida dedicada a San Sebastián.


     Na praia de Carnota o areal mide sete quilómetros. As dunas son o produto do insistente vento do noroeste. A zona de marismas divídese en dúas partes: Caldebarcos, ao norte e A Lagoa ao sur. Sepáranas Punta Larada, que tamén divide as praias de Carnota estrita e a de San Mamede (A Berberecheira).





     A praia de Boca do Río, onde desemboca o río Valdebois, é moi popular entre os veraneantes. De feito, a revista alemá Traum Strände considéraa unha das praias máis fermosas do mundo.


Festas
    O 1 de xaneiro celebrase a festa popular de San Gregorio con gran prestixio na comarca.
    A comezos de agosto, celébrase a Festa de San Mamede, en honor ó patrón municipal.



 Parroquias de Carnota    
     Lariño (San Martiño), Lira (Santa María), O Pindo (San Clemente), San Mamede de Carnota (San Mamede), Santa Comba de Carnota (Santa Comba)


MAPA

SIGUENOS
  Facebook 
XOAN ARCO DA VELLA
O PARAISO EXISTE  
 Twitter
XOAN ARCO DA VELLA
 Pinterest
XOAN ARCO DA VELLA
 Google+
XOAN ARCO DA VELLA
 Instagram
XOAN ARCO DA VELLA 
 YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
XOAN ARCO DA VELLA



domingo, 10 de enero de 2016

A CADEA DA VIRXEN DE LOBIOS

 A CADEA DE OURO
DA
VIRXEN DE LOBIOS
LENDA
LOBIOS
SOBER
LUGO


     Xa hai moito disto. Unha moza de Lobios, Sober (Lugo), rouboulle un cáliz de ouro a unha moura que o tiña a asollar, seguramente no Alto da Mota.

     A moura transformouse en serpe e botou tras da rapaza. A pobre nena, co medo, mexou por riba dela e deixou as pegadas dos ouriños sobre uns penedos en Vilaronte.


     A moura case a pilla. Menos mal que a pícara ao pasar por diante da capela dedica á Raíña dos Anxos, tirou o cáliz para dentro do edifico e berrou:


     —¡Que a Raíña dos Anxos me valla!
     Ao que respondeu a moura:
     —¡A boa madriña te encomendaches!


     Nese preciso momento, a serpe retomou a figura de moura e desapareceu.


     O cáliz seica estivo na igrexa, coñecíase que o era porque se lle vía o bocho do toupetazo que dera contra o chan cando a nena o tirara dentro da igrexa. Ese cáliz parece que o vendeu o crego e que o sustituiu por unha imitación que non enganou ós veciños.


     Desta lenda hai variantes que, en vez dun cáliz, falan dunha cadea de ouro, e en vez de ser unha nena a protagonista, puidera ser un home. E mesmo non hai acordo 


MAPA


SÍGUENOS:
  Facebook 
 Twitter  
 Pinterest  
  Google+  
 Instagram
 YouTube
Fuente: galiciaencantada
XOAN ARCO DA VELLA

CAPELA DA RAIÑA DOS ANXOS - SOBER

 CAPELA DA RAIÑA DOS ANXOS
A AIREXA
LOBIOS
SOBER
LUGO


Capela da Raiña dos Anxos
      As súas orixes poderían remontarse ao século X. Non obstante na actualidade é unha capela totalmente restaurada, de planta rectangular, de proporcións sinxelas e construída en pedra irregular sen labrar. 


     Neste lugar conta a tradición que en tempos dos "mouros" unha moza de Lobios lle roubou unha cadea de ouro a unha "moura"; esta transformouse nunha serpe e perseguiuna. Ao pasar por diante desta capela a moza exclamou: "A Raíña dos Anxos vállame"; entón a serpe transformouse outra vez en muller e díxolle: "A bo santo pediches intercesión e encomenda ". 


San Xillao de Lobios
      San Xillao de Lobios é unha parroquia do concello de Sober, na comarca da Terra de Lemos, na provincia de Lugo. Segundo o IGE, no ano 2007 tiña unha poboación de 102 habitantes, 52 eran homes e 50 eran mulleres.


Lugares da parroquia de Lobios
     Abanante, A Airexa, O Bispo, O Carabuñeiro, Carballeda, Casar de Cima, O Cima da Lama, As Cortes, O Fondo da Lama, Fonte Maior, Lamas de Brosmos, Lobios, A Piantiña, Prógolo, O Rodeiro, San Martiño, Surga, Tabouzos, Viladime de Abaixo, Viladime de Arriba



Sober
     Sober é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Terra de Lemos e parte da Ribeira Sacra. Segundo o Padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2014 era de 2.453 persoas. O seu xentilicio é «soberino».



Xeografía
     Sober atópase na Terra de Lemos. Limita ao norte e leste con Monforte de Lemos, ao norte e oeste con Pantón e o río Cabe, e ao sur co canón do río Sil. Ten unha superficie de 134 km², e sitúase a 77 km da capital da provincia.



Economía
     O sector primario está centrado na gandería bovina criada para consumo, a cría porcina e en menor medida, ovina.



     A agricultura representa o 37% da superficie, orientada ao cultivo de cereais, patacas e primordialmente, a vide. O 58% da superficie é de masa forestal, piñeiros e carballos e mata.



     A industria ocupa ao 15% da poboación, concentrándose en entidades de pequeno tamaño ou familiar orientadas principalmente á elaboración de viño. Destaca a produción de material de construción en Canabal e a olería artesá de Gundivós. Outros centros están dedicados á manufactura téxtil (calcetíns) e á fabricación de ferramentas e equipos de labor (cerraxería e máquinas de sulfatado).



     O sector servizos aglutínase en torno aos servizos municipais e administrativos e aos establecementos comerciais. Cada quince días ten lugar a feira, coa mesma frecuencia ca o mercado de produtos.



Viño de Amandi
     Sober atópase na rexión vinícola da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, albergando a produción da subzona de viños de Amandi e a da ribeira do río Cabe.



     Existen arredor de 300 produtores e 29 adegas inscritas no consello regulador. Un centro de embotellado industrial permite a comercialización da marca de viño de Rectoral Amandi.



     Cada domingo de Ramos, celébrase en Sober a Feira do viño de Amandi.



Historia
     Consérvanse mámoas do megalítico en distintos lugares, así como restos da cultura castrexa.
     Durante o período do imperio romano a Vía Nova, que enlazaba Astorga con Braga, atravesaba a zona.



     Da constitución do reino dos suevos permanecen os topónimos de varias parroquias.
     No 785 o bispo Odoario de Lugo fundou a vila de Amandi.



Patrimonio histórico e artístico
    A Casa grande de Rosende é un pazo datado en 1511, situado na parroquia de Rosende. Tamén era coñecido na comarca como A Casa das Señoritas. Foi rehabilitada a finais do século XX e na actualidade funciona como casa de turismo rural non sendo posible a súa visita. De sobria fachada destaca a súa torre, a solaina que da cara a un patio traseiro e o seu coidado interior.



Parroquias de Sober   

     Amandi (Santa María), Anllo (Santo Estevo), Arroxo (San Martiño), Barantes (San Xoán), Bolmente (Santa María), Brosmos (Santa Cruz), Bulso (San Pedro), Canaval (San Pedro), Doade (San Martiño), Figueiroá (San Salvador), Gundivós (Santiago), Liñarán (San Martiño), Lobios (San Xillao), Millán (San Nicolao), Neiras (San Salvador), Pinol (San Vicente), Proendos (Santa María), Refoxo (Santo Estevo), Rosende (San Miguel), San Martiño de Anllo (San Martiño), Santiorxo (San Xurxo), Vilaescura (Santa María)


MAPA

SIGUENOS
  Facebook 
XOAN ARCO DA VELLA  
O PARAISO EXISTE  
 Twitter  
XOAN ARCO DA VELLA
   Pinterest  
XOAN ARCO DA VELLA
  Google+  
XOAN ARCO DA VELLA
 Instagram
XOAN ARCO DA VELLA 
 YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
XOAN ARCO DA VELLA

MIRADOR DE BOQUEIRIÑO - SOBER - LUGO

MIRADOR DE BOQUEIRIÑO
CAÑÓNS DO SIL
SOBER
LUGO


 Sober
MEDIO NATURAL
     O espazo natural máis importante fórmao a garganta fluvial do Sil. As paredes graníticas enmarcan o curso do río en profundidades de ata 500 m respecto ás plenichairas circundantes formando o que se coñece como Canóns do Sil. O sector central destes canóns aparece incluído no Inventario de Espazos Naturais elaborado pola Xunta de Galicia. 



     Actualmente existe un fácil acceso a este lugar debido á gran cantidade de pistas e camiños que se fixeron no seu medio, aínda que para salvagarda-la conservación deste singular espazo sería desexable que se puxese un especial coidado nesta práctica a partir de agora.


Fauna de Sober
     Polo que se refire á fauna cabe destacar que existen ricas comunidades herpetólogas, como por exemplo a cobra viperina, a cobra rateira, a cobra de escaleira, a cobra lisa europea, a cobra de auga, eslizón, lagarta e lagarto verdinegro. Encontrámo-lo lobo ibérico e é abundante o porco bravo; son frecuentes a londra, o porco teixo, a xineta, o esquío, o corzo, o raposo, a garduña, a donicela, o ourizo cacho, a toupa, a musaraña, o gato montés e outros pequenos mamíferos.



     Algúns mamíferos como o lobo –que antano criaba prolificamente no monte de Bolmente- apenas aparecen esporadicamente empurrados pola falta de alimentos e pola presión do home. Outros, como o gato montés, son moi fuxidíos e adoitan vivir en zonas de difícil acceso.


     As aves rapaces volven poboar como azor, o falcón, o gabián, o rateiro común, o miñato, o lagarteiro, o aguiacho cincento e pálido, e con aves nocturnas como o bufo real, o bufo chico, o moucho das orellas, o moucho común, autillo e a curuxa común e campestre.



     No inverno aparecen concentracións de aves acuáticas tales como patos mergulladores, a garza real e o corvo mariño. Podemos contemplar outras moitas aves como a cegoña branca, o alcaudón real, o corvo, choia, a gravilla, a pega, o cuco, a bubela, o ouriolo, a rula, a pomba torcaz, o paspallás, a perdiz, o merlo, o peto, o reiseñor, o xílgaro, e un longo etc. de paxaros.


Ríos de Sober
     Estas terras enmárcanse na conca do Sil, que xunto co Cabe actúan de límites municipais polo sur e polo oeste. Moitos outros arroios recorren estas terras entre os que destacan o Camilo, o Acea, o San Mateo, o Lampaza, o Sante, o Fervedón, o Regato das Lamas, o Pousavedra e o regato de Portizó que conta cunha caída de máis de 250 m.



     É no miradoiro de Os Chelos onde apreciamos un dos poucos puntos do Canón do Sil no que ambas as dúas ribeiras presentan unha fisionomía semellante e que contrasta coa paisaxe que vemos nos outros mirados por presentar este espazos máis abertos, dedicados ao viñedo e arroupados cara ao interior por sotos de castiñeiros. Dende aquí obsérvase a central hidroeléctrica de Meixide, na aba ourensana.



Ruta dos Miradoiros
     Partindo de Sober dirección Doade, sempre á dereita, fixámonos nuns indicadores azuis que son os que levan aos miradoiros sobre o Canón do Sil.



     A 4 km. aproximadamente, no pobo de Santa Marta, está o primeiro indicador Bolmente-Cotarro I e II. Percorremos un par de quilómetros e ao chegar a un cruzamento desviámonos ou ben á dereita para o Cotarro I ou á esquerda para o Cotarro II; dende alí, seguindo todo recto, a 2,5 km. chegamos a un dos máis belos miradoiros, cun desnivel de case 500m, dende onde se divisa o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil na marxe de enfronte, xa na provincia de Ourense.



     Regresamos á estrada principal e a 2,7 km. de Santa Marta teremos que xirar á dereita para ver o miradoiro de Santiorxo que está a 1,3 km. de distancia deste punto da estrada Sober-Doade.



     Este miradoiro ofrécenos vistas sobre o municipio orensano de Castro Caldelas, e tamén se aprecian algunhas viñas.



     Retornamos á estrada principal e a 1,5 km. chegamos ao pobo de Pinol dende onde desviarémonos de novo á dereita para chegar ata o monte de Cadeiras, onde se atópa o miradoiro e o Santuario de Cadeiras, cun área recreativa con merendeiros e grellas, ademais dunha fonte de auga potábel, e enorme capacidade onde celébrase a Romaría de Cadeiras o 7, 8 e 9 de setembro en honor á Virxe dos Remedios.



     Para continuar o noso percorrido por este camiño dos miradoiros volvemos ata Pinol, e unha vez máis seguir a estrada en dirección a Doade.



     Seguindo a estrada chegaremos ao pobo de Lobios, a menos de 2 km, despois de Lobios vemos un indicador que nos leva a Amandi, e a 1,8 km. está o miradoiro de Os Chelos; un miradoiro dende o que apreciamos unha paisaxe diferente aos anteriores con espazos máis abertos dedicados a viñedos.



     Para continuar o noso camiño regresamos á estrada principal e habemos de percorrer uns 6 Km, pasando polos pobos de Vilachá e Doade e incorporándonos finalmente á estrada LU-601, que une Monforte de Lemos con Castro Caldelas, onde imos atopar os dous últimos miradoiros da zona: o miradoiro A Pena do Castelo, que ofrece ao visitante unhas vistas espectaculares.



     Para acceder a el, realizaremos un percorrido a pé por un camiño sen asfaltar e, tras subir unhas escaleiras de pedra, atoparemonos nun dos miradoiros máis impresionantes.



     Continuamos na estrada dirección Castro Caldelas e nun souto de castiñeiros, rodeado de viñas, onde se cultívan os afamados viños de Amandi, atópase o último miradoiro, o miradoiro de Doade, coñecido como SoutoChao.


MAPA

SÍGUENOS:
  Facebook 
XOAN ARCO DA VELLA  
O PARAISO EXISTE
  Twitter  
XOAN ARCO DA VELLA
   Pinterest  
XOAN ARCO DA VELLA
   Google+  
XOAN ARCO DA VELLA
 Instagram
XOAN ARCO DA VELLA 
 YouTube
XOAN ARCO DA VELLA
XOAN ARCO DA VELLA