viernes, 1 de noviembre de 2024

PETO DO CASAL - EIRA DE O CASAL - QUINS - MELÓN

 PETO DO CASAL

EIRA DE O CASAL

QUINS

MELÓN

   Peto de ánimas
   Chámanse petos de ánimas a unha das manifestacións materiais do culto aos mortos e son, xeneralmente, sinxelos monumentos de piedade popular asociados á idea do purgatorio.

    En Galicia é frecuente atopalos en camiños, encrucilladas, atrios de igrexas, etc.

     Os historiadores e etnógrafos sitúan a súa aparición a partir da Contrarreforma, datándose os máis antigos no século XVII, aínda que non sería ata o século XVIII cando se constrúan con máis profusión.

     A súa finalidade é a de ofrecer esmolas de todo tipo ás ánimas do Purgatorio, sendo o seu castigo temporal e podendo así alcanzar o Ceo.

    En compensación, unha vez liberadas intercederán por quenes realizaron as ofrendas.

     As esmolas non eran de carácter estrictamente monetarias, tamén podía tratarse de produtos agrícolas.

     Os petos de ánimas adoitan estar construídos en pedra cunha cruz no alto, polo xeral con imaxes das ánimas no lume do purgatorio e unha figura que as vela (santo, rei ou bispo).

     Na parte frontal aparece un peto para depositar a esmola e protexido cunha reixa ou un cristal.

Algúns levan lendas do tipo:
     Un alma tes e non máis, si a pérdes que farás... 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

 

 

jueves, 17 de octubre de 2024

FERVENZA DE O COTILLÓN - REGO DE AÚDE - ACEDRE - PANTÓN

FERVENZA DE O COTILLÓN

O COTILLÓN

REGO DE AÚDE 

ACEDRE

PANTÓN

 O Cotillón
        O Cotillón é un lugar da parroquia de Acedre no concello lucense de Pantón na comarca de Terra de Lemos.

Acedre
      San Romao de Acedre é unha parroquia do concello lugués de Pantón na comarca de Terra de Lemos, na provincia de Lugo.

      Pertence á diocese de Lugo e ó arciprestado de Ferreira de Pantón. No ano 2007 tiña 93 habitantes, deles 42 eran homes e 51 eran mulleres, o que supón unha diminución de 10 habitantes en relación ao ano anterior, 2006.

Xeografía
      Limita polo norte coa parroquia de Santiago de Cangas, e polo oeste con San Xoán de Frontón; e limita coas parroquias de Sober de Santo Estevo de Anllo polo sur e coa parroquia de San Miguel de Rosende polo leste.

Cultura
      Nesta parroquia celebrábase o Entroido de Budián, que garda grandes similitudes co Entroido que celebraban na Arribada en San Fiz de Cangas.

Lugares de Acedre
   A Abelaira, Acedre, As Adegas, Budián, Cima de Vila, O Cotillón, A Oseira, San Romao

Comarca de Terra de Lemos
      Terra de Lemos é unha comarca galega situada ó sur da provincia de Lugo cuxa capital é Monforte de Lemos, que tamén é o concello máis poboado da comarca.

       A maioría da superficie (toda agás o concello de Bóveda) forma parte da Ribeira Sacra, da que Monforte tamén é a súa capital.

      Pertencen á comarca de Terra de Lemos os seguintes concellos: Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober.

       A comarca linda ó norte coa comarca de Sarria, ó oeste coa comarca de Chantada, ó leste coa comarca de Quiroga e, ó sur coas comarcas ourensás de Ourense e Terra de Caldelas.

VIDEO

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

PONTE DA ERMIDA - RÍO TÉ - ARAÑO - RIANXO

 PONTE DA ERMIDA

RÍO TÉ

ARAÑO

RIANXO

  Ponte da Ermida
       A Ponte da Ermida ou a Ponte de Portarreira está situada sobre o río Té, no camiño que vai desde o Cruceiro de San Xoán ao Muíño da Vexa de Abaixo, ao sur do lugar da Ermida. 

       Estrutura de lousas de granito de grandes dimensións apoiadas sobre muros realizados con pezas de cantaría e soportes transversais rectangulares.

A Ermida
      A Ermida é un lugar da parroquia do Araño no concello coruñés de Rianxo, na comarca da Barbanza.

     Segundo o padrón municipal (INE 2013) ten 39 habitantes (19 homes e 20 mulleres).


Comarca de Barbanza
      A comarca do Barbanza, comarca da Barbanza, comarca de Barbanza ou simplemente A Barbanza, O Barbanza ou Barbanza, é unha das comarcas oficiais de Galicia. Localízase no suroeste da provincia da Coruña. 

     Pertencen a ela os concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira.

      Ten unha superficie de 246,71 km² e no ano 2020 tiña 66.063 habitantes.

MAPA

 

Fuente: Web obaixoulla.gal

XOAN ARCO DA VELLA

miércoles, 16 de octubre de 2024

CAPELA DE SAN BARTOLOMEU - PORTO DE RIANXO - RIANXO

 CAPELA DE SAN BARTOLOMEU

PORTO DE RIANXO

RIANXO

Capela de San Bartolomeu
        Capela que data do século XVII situada no Porto de Rianxo, vinculada aos señores do Pazo dos Calotes.

      Orixinariamente situada nun illote que, tras os sucesivos recheos portuarios, foi incorporada a terra firme, reconstruíndose por completo ao trasladala. 

     En 1854 foi refuxio para enfermos do cólera.

     Construción de planta rectangular e pequenas dimensións realizada en cachotaría de granito con cuberta a dúas augas de tella.

       Fachada sinxela con porta alintelada e unha pequena fiestra baixo a espadana dun só arco coroada cunha cruz sen imaxe.

       Cruceiro no adro delimitado por un muro perimetral de grandes pezas de granito.

       Este santo, protector das xentes do mar, era obxecto dun curioso rito por parte dos mariñeiros rianxeiros: o patrón da embarcación cando navegaba á altura da capela, ordenaba á tripulación: Alsa remos, fora boinas, veña un credo, agardando así que San Bartolomeu os provese da súa protección divina.

MAPA

 

Fuente: Web obaixoulla.gal

XOAN ARCO DA VELLA

 

CAPELA DE VENTOSO - XUÑO - PORTO DO SON

 CAPELA DE VENTOSO

XUÑO

PORTO DO SON

 Ventoso
     Ventoso é un lugar da parroquia de Xuño no concello coruñés de Porto do Son, na comarca de Noia. Segundo o padrón municipal (INE 2020) non ten habitantes.

Xuño
     Santa Mariña de Xuño, é unha parroquia do concello de Porto do Son, na provincia da Coruña. Segundo o INE, en 2020 ten 1.015 habitantes (495 homes e 520 mulleres).

Xeografía
     É a segunda parroquia do concello en extensión, e a terceira en número de habitantes. Administrativamente, pola súa pertenza ao concello de Porto do Son, está encadrada na comarca de Noia, máis pola súa localización, pola historia e polas relacións cos pobos veciños, debería situarse na comarca do Barbanza. Dista nove quilómetros de Ribeira e dez de Porto do Son.

     A parroquia está atravesada pola estrada AC-550. Linda polo norte coa parroquia de Caamaño, polo sur coa de San Pedro de Muro, polo leste cos montes do concello da Pobra do Caramiñal e polo oeste co océano Atlántico.

      O río Sieira, que atravesa a parroquia de leste a oeste, ten case 11 km de lonxitude, sendo o máis longo do concello de Porto do Son. É transitable polas beiras, e ten troitas.

      Entre as praias que bañan a parroquia están a praia de Agrexús, a da desembocadura do Sieira en Caamaño ou as propias Furnas. A carón da praia da Agrexús está a lagoa de Xuño, que forma parte do parque natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, cunha gran biodiversidade vexetal e animal.

Historia
      Xuño foi concello de seu, que se saiba entre 1812 e 1836.

Patrimonio
     Preto das aldeas de Abelendo e Castelo está o monte Pé do Castelo, unha mole pétrea. Nas baixas terras da Coviña hai unha ponte medieval sobre o río Sieira no antigo camiño.

      A igrexa parroquial, do século XII, é de estilo románico, se ben ten reformas posteriores.

      Da fábrica orixinal románica só se conserva a capela maior, á que se accede por medio dun arco de medio punto dobre apoiado en semicolumnas con capiteis de motivos vexetais. A planta é de cruz latina e a nave principal está cuberta con bóveda de canón rebaixada sobre muros de carga, nos que se abriron arcos de medio punto sobre pilastras para o acceso ás capelas laterais xemelgas que se abriron nos laterais. O presbiterio cóbrese con bóveda de canón, e desde el accédese á sancristía, engadida no lateral esquerdo. No exterior ten cuberta a dúas augas na nave principal e na capela maior, e a cuberta complétase cunha cornixa sobre canzorros labrados.

      A fachada principal ten un pórtico dividido en dúas alturas, engadido por diante para apoiar a espadana. Dúas columnas da porta principal sosteñen outras dúas nas que á súa vez se apoia o campanario, formado por dúas arcadas esveltas rematadas nun frontón. Entre o segundo grupo de columnas vai un rosetón abucinado e a patroa sobre unha ménsula.

     As Furnas, a Nova e a Vella, constitúen unhas caprichosas formas nas rochas formadas pola acción do vento e o mar. As súas costas son propicias para a práctica do surf.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA