IGREXA DE SAN PEDRO DE REBÓN
REBÓN
MORAÑA
Igrexa de San Pedro de Rebón
A igrexa de san Pedro de Rebón, é unha igrexa románica, dos séculos XII-XIV, da parroquia de Rebón (Moraña).
Foi moi modificada por reformas posteriores, especialmente as realizadas no século XIX para ampliar a nave e construír o campanario.
Descrición
Conserva da súa estrutura orixinal a ábsida semicircular, os canzorros con diversas figuras humanas e animais e os capiteis interiores.
A ábsida está dividida en tres tramos por dúas columnas acaroadas, que se completan por dous contrafortes na unión da ábsida coa nave; en cada unha daquelas columnas hai esculpida unha pequena figura hoxe irrecoñecible.
No tramo central abríase unha ventá de arco semicircular, cegada, na que se colocou unha imaxe, moi deteriorada, de san Miguel.
Esta imaxe foi roubada en 2011 e non volveu aparecer, e no seu lugar colocaron unha estatuíña de San Pedro como papa.
Os veciños pedían a intercesión deste san Miguel con oracións coma esta:
San Miguel, pesai as almas,
San Miguel, pesainas ben.
San Miguel, pesai as almas,
pesai a miña tamén.
No pinche posterior da igrexa, sobre a ábsida, ábrese un rosetón con celosía en moldura redonda lisa con decoración xeométrica. A cornixa está apoiada nunha serie de canzorros figurados, entre os que hai gravados motivos xeométricos consistentes en rosetas sextifolias ou estrelas de seis puntas.
”A expresividade das figuras dos canzorros é extraordinaria ... a diversidade das cabezas de animais, as caras con raros acenos, o instrumentista tocando a forza de soprar, os rolos de influencia visigótica, os corpos distorsionados e a conxunción de dous corpos en postura nada recatada”
No interior, a ábsida ábrese á nave principal mediante un arco triunfal semicircular. Destacan nas columnas interiores, lisas e tamén acaroadas ó muro, os capiteis figurados con aves e outros animais, así como figuras humanas.
A fachada é de factura barroca, lisa e sen decoración ningunha. Remata nun frontón clásico, liso, sobre o que se ergue un campanario central. Para a construción desta fachada derrubouse a orixinal románica e tapiáronse as portas laterais, tamén románicas.
Hipólito de Sá escribe que el viu o tímpano da portada principal, integrado no muro do adro, e descríbeo como adornado na parte central por unha cruz de Malta dentro dun círculo de bólas, e catro rosetas nos extremos dos brazos da cruz.
MAPA
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901