IGREXA DE SANTA MARÍA DE PIXEIROS
PIXEIROS
VIANA DO BOLO
Igrexa de Santa María de PIxeiros
O templo parroquial, de estilo barroco popular, loce planta en forma de cruz latina e a clásica orientación Leste-Oeste.
Erguida nun adro situado no centro da aldea, presenta nave única de chan encostado (algo moi infrecuente) e unha ábsida sobreelevada protexida por unha cuberta a catro augas.
Unha escaleira exterior, labrada en fina cantaría, dá acceso á espadana, de aspecto robusto e sólido. O seu corpo principal acolle dous sinos baixo un par de arcos de medio punto separados das xambas por medio de impostas.
Coroa o conxunto un sólido frontón triangular flanqueado por pináculos piramidais rematados en bóla que aínda conserva dous mechinais (vans situados na parede que serviron para introducir vigas de madeira para formar parte dun andamio ou cimbra).
O interior do templo está protexido por un magnífico artesoado de madeira que acolle no interior da ábsida un magnífico retablo barroco dividido en tres rúas por medio de columnas salomónicas decoradas con pámpanos e acios.
No centro da composición unha imaxe contemporánea da coroación da Virxe tallada segundo o gusto da época: xesto diagonal para imprimir dinamismo e teatralidade á escena, roupas voadas para xogar co claro-escuro, coroa metálica real para enfatizar o realismo da imaxe, etc.
No ático do retablo a representación da crucifixión –con Xerusalén amurallado ao fondo– e, coroando o conxunto escultórico, o Espírito Santo en forma de pomba rodeado dun nimbo fulxente.
No conxunto do edificio destaca o valor decorativo de determinados elementos (a varanda da escalinata exterior, algunha ventá seteira...), pero sobre todo o da porta de acceso principal.
Esta destaca polas súas xambas e arco de medio punto estriados, pero sobre todo polos círculos decorativos (flores e motivos serpenteantes inseridos nun círculo) que adornan o espazo situado entre o arco e a chambrana (a moldura que perfila o exterior do arco).
Viana do Bolo
Viana do Bolo é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Viana.
Segundo o padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2019 era de 2.886 persoas. O seu xentilicio é «vianés».
Algúns estudosos consideran que o nome de Viana lle foi dado nunha carta foral arredor de 1206 e faría referencia á cidade francesa de Vienne (en occitano Viana), localidade que aparece na Historia Turpini, do Códice Calixtino.
Ese mesmo nome foille concedido despois ás localidades de Viana en 1219 e Viana do Castelo en 1262. O segundo elemento do nome: Bolo (do latín bullum 'outeiro' ou indicando a proximidade ao veciño concello do Bolo), consolídase na documentación escrita no século XVIII.
Xeografía
Limita ao norte cos concellos da Veiga e O Bolo, ao sur coa Gudiña e A Mezquita, ao leste coa provincia de Zamora e ao oeste con Vilariño de Conso. Ten 271,51 km², e é o segundo concello máis extenso da provincia tras A Veiga.
Comarca de Viana
A comarca de Viana é unha comarca galega situada na provincia de Ourense, á cal pertencen os concellos da Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
Os dous primeiros forman parte da comarca natural das Frieiras e os dous últimos da Terra do Bolo.
A comarca está atravesada polo río Bibei no seu curso alto. A principal vía de comunicación é a estrada OU-533, que vai de Freixido (Petín) á Gudiña.
Polo Naciente achase o dialeuto frieirés, podendo pór as lindes por Barxa, Gudiña, Bouza, Pixeiros, Solveira e Dradelo.
Os pobos de Cepedelo e Pradorramisquedo están mui infruenciados polo frieirés, i os demais, lindantes con Castela, tein algunhas cousas do sanabrés
MAPA
XOAN ARCO DA VELLA
Bos dias. Precioso reportaxe da igrexa do pobo de meu pai. Pero non é Pexeiros, é Pixeiros.
ResponderEliminarUnha aperta