lunes, 6 de marzo de 2023

IGREXA DE SAN NICOLÁS DE CINES - CINES - OZA DOS RÍOS - OZA CESURAS

 IGREXA DE SAN NICOLÁS DE CINES

CINES

OZA DOS RÍOS

OZA CESURAS

 
     O templo de San Nicolás de Cines é o edificio relixioso de máis interese do concello de Oza. Na súa orixe formaba parte do mosteiro beneditino de San Salvador. Hoxe, a igrexa é a parroquial de San Nicolas.

     O mosteiro foi fundado nos séculos de finais do IX e principios do X polos Condes Aloito e Paterna. Entre os anos 908 e 911 delimitaron os seus termos o rei Ordoño II e a súa dona, a raíña Elvira que coincidía coa zona norte do actual concello. Anos máis tarde o rei Fernando I ampliaría ata as freguesías de Trasanquelos, Morranca e Armental.

     No século XII o mosteiro figura como propiedade de Pedro Froilad, Conde de Traba, que irá ampliando os seus dominios polas terras circundantes ata chegar a Coirós, A Espenuca, Vilamateo, Bravío ou Sarandóns.

     Nembargantes, no século XIV, o mosteiro perderá gran parte do protagonismo, xa que deixa de ser abadía para converterse en priorado do mosteiro de San Martiño Pinario.

     Máis tarde, perante a Desamortización do século XIX o mosteiro perde tódas as súas propiedades desaparecendo as instalacións monacais, conservándose unicamente a igrexa de San Nicolas de Cines.

     Da primeira igrexa mozárabe só se conserva un capitel de mármore e un modillón e pode que tamén unha inscrición mutilada.

     A igrexa actual ten planta basilical de tres naves con tendencia a cruceiro no alzado e cunha cabeceira tripartita formada por tres ábsidas, un central de maiores dimensións e heptagonal e dous laterais menores e pentagonais, nos que se abren esbeltos ventanais góticos.

     Abunda a decoración escultórica e sobre todo luminosidade favorecida pola apertura de grandes xanelas e rosetóns. Os arcos das naves son apuntados e dispóñense sobre feixes de columnas-piares. O esquema da ábsida é a propia dos templos franciscanos e dominicos do momento.

     As bóvedas que cobren a capela son nervadas de abanico e accédese a esta zona por medio de arcos apuntados que arrancan de semicolumnas apegadas.

     Cara ó exterior cabe destaca-la porta principal presidida por un rosetón, con arquivoltas apuntadas sobre columnas acobadadas. No tímpano represéntase ó Salvador, San Benito e San Bernardo. Na fachada norte aparece unha portada de esquema similar, aínda que neste caso a escena representada é a Adoración dos Reis Magos.

     Outro elemento de interese son os dous rosetóns existentes, un na fachada principal xa mencionada e outro no testeiro da nave central.

    A fachada occidental sigue o modelo románico de distribución en tres rúas, correspondentes ás tres naves, mediante catro contrafortes. 

     Na esquina Norte sitúase unha torre-campanario con catro ocos de arco lixeiramente apuntado onde van situadas dúas campás elaboradas en Arcos da Condesa en Caldas de Reis, unha no frontal e outra na cara esquerda da torre.

     A igrexa de Cines pode definirse como un bo exemplo de arquitectura oxival con tradición románica na decoración.

     Xunto a igrexa atópase a Rectoral de Cines, relacionada tamén co antigo mosteiro e hoxe restaurada e rehabilitada como establecemento de turismo rural.

MAPA

 

 Fuente: Web Patrimonio Galego

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901