viernes, 9 de julio de 2021

SANTUARIO DA GUADALUPE - O VAL - SAN VITORIO DE RIBAS DE MIÑO - O SAVIÑAO

 SANTUARIO DA GUADALUPE

O VAL

SAN VITORIO DE RIBAS DE MIÑO

O SAVIÑAO

San Vitoiro de Ribas de Miño
     San Vitoiro de Ribas de Miño é unha parroquia do concello do Saviñao na comarca da Terra de Lemos, na provincia de Lugo.

      No ano 2007 tiña 163 habitantes (81 homes e 82 mulleres), un máis ca no ano anterior.

 Historia
      Os límites da parroquia determináronse en comparecencia veciñal o 13 de marzo de 1753 ante o xuíz Rafael de Queiruga. No correspondente documento aparecen determinados os límites. Unha terceira parte da parroquia, como a entidade de Porto, quedou anegada polo río Miño coa construción do encoro de Belesar.

Socioeconomía
     Xunto á gandería vacúa e de subsistencia e a agricultura, a produción de viño é unha das principais actividades en San Vitoiro, ó estar localizada na zona amparada para a produción de viño con Denominación de Orixe Ribeira Sacra, concretamente na subzona Ribeiras do Miño.

Patrimonio
     Nesta parroquia, como noutras da Ribeira Sacra, hai expoñentes da románica galega.
     A igrexa parroquial de San Vitoiro é de estilo románico do último cuarto do século XII, semellante ó de Santo Estevo de Ribas de Miño, que consta de nave e ábsida rectangulares, con arco triunfal de medio punto e columnas salomónicas, á que se engadiu a sancristía. Destaca principalmente pola súa fachada principal con tres arquivoltas que descansan sobre columnas de fustes lisos.

      O santuario de Guadalupe, situado no monte da Capela, data do século XVIII.

     A casa grande de Pacios é unha construción civil do século XVII. A casa de Abadía é unha construción civil dos séculos XV e XVI.


      A capela de Porto, de posible orixe románica, sitúase en Porto, na actualidade anegada polo encoro de Belesar. Consérvanse na igrexa parroquial algunhas das súas tallas, esculpidas entre os séculos XVI e XVII.

Festas
     A primeira fin de semana de setembro celébrase no campo da festa da Abadía a romaría da Virxe de Guadalupe.

Lugares de San Vitoiro de Ribas de Miño
     A Abadía, Os Amieiros, A Cerca, Os Corgos, A Corredoira, Filgueiro, As Fontelas, Gudiós, A Lama, Liñares, Montegrande, Pacios, A Pereira, A Reboira, O Regato, Susavila, Taíz, O Troncedo, O Val

Comarca da Terra de Lemos
     A Terra de Lemos é unha comarca galega situada ó sur da provincia de Lugo cuxa capital é Monforte de Lemos, que tamén é o concello máis poboado da comarca. 

      A maioría da superficie (toda excepto o concello de Bóveda) forma parte da Ribeira Sacra, da que Monforte tamén é a súa capital.

     Pertencen á comarca da Terra de Lemos os seguintes concellos: Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober.

      A comarca linda ó norte coa comarca de Sarria, ó oeste coa comarca de Chantada, ó leste coa comarca de Quiroga e, ó sur coas comarcas ourensás de Ourense e Terra de Caldelas.

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901