martes, 9 de marzo de 2021

PONTE DO FREIXO - RÍO ARNOIA - CELANOVA - CARTELLE

 PONTE DO FREIXO

RÍO ARNOIA

CELANOVA - CARTELLE

Ponte Freixo
     A ponte Freixo ou ponte do Freixo é unha ponte romana sobre o río Arnoia, entre as parroquias de Freixo (Celanova) e Penela (Cartelle). 

     Xunto coa ponte do Bibei é unha das dúas pontes romanas mellor conservadas de Galiza.


Características
      A ponte, de calzada horizontal, foi construída en opus cuadratum, con perpiaños almofadados de granito. As súas medidas son 57 metros de longo por 4,60 de ancho. A altura do piar central (desde a cimentación ata o arranque dos arcos) é de 3,30 m.

      Consta de catro arcos de medio punto dispostos de forma simétrica, sendo as luces dos arcos centrais de maior medida que as luces dos arcos laterais. 

     Os piares están asentados sobre o leito rochoso, apenas desbastado, con tallamares de planta triangular situados augas arriba para facer fronte ás enchentes do río.

      Manuel Durán defende que na ponte son apreciables a simetría e a proporción, dous elementos claves da arquitectura romana, segundo o tratadista Vitruvio. De acordo co enxeñeiro galego, das pontes romanas que se conservan en Hispania, soamente a ponte Freixo e a ponte de Alcántara presentan unha disposición harmónica que se conseguiría coa simetría do seu alzado, a proporción entre dimensións e a utilización do número áureo:

    Só en dúas pontes achamos certas relacións entre as súas dimensións: o primeiro é a ponte Freixo, estudado por nós, onde a simetría formal con respecto ao piar central e á posible utilización do pé como unidade de medida, chama a atención dende o primeiro momento. Profundizando, achamos que as luces dos vans (dous de 4,70 m e dous de 7,70 m) parecen estar relacionadas de acordo coa sección áurea (1,618).

Historia
      Descoñécese o ano de construción da ponte Freixo, mais durante as últimas obras de restauración apareceu, baixo o piso, un fragmento de columna honorífica ou miliario coas letras ...PHAIORI ... SEM... A...U ..., podendo corresponderse coa fórmula baixoimperial ...(TRIUM)PHATORI SEM(PER) A(UG)U(STO).

     Manuel Durán, Segundo Alvarado e Carlos Nárdiz defenden en Pontes históricas de Galicia, que a ponte pertenceu á vía Bracara-Lucus, sendo parte do tramo que unía Aquis Querquernis con Lugo, pasando por Ourense. Para Rodríguez Colmenero trataríase dun tramo da vía Brigantia-Iria Flavia.

     A primeira mención histórica da Ponte Freixo é cuestionable, pois trataríase dun documento do tombo de Celanova, datado arredor do ano 1005, sobre a venda dunha herdade en Fraxinoso (Freixoso), mais a súa lectura presenta dúbidas, pois onde Rodríguez Colmenero le in carraria de vereda que discurrit a Ponte Pedriña, Elisa Ferreira le ...fonte pedrina.

     Sábese que a principios do século XIX se achaba a ponte en estado "propicio a arruinarse" segundo se desprende da resposta do xuíz do couto de Espiñoso en 1804 ao oficio remitido pola “Justicia y Regimiento” de Ourense a instancias do inspector xeral de camiños e canles sobre o estado das pontes do reino. Mais no Dicionario de Madoz é descrita como "de fábrica moi antiga (...) con peitoril tamén de pedra de antiga construción e en bo estado".

      O seu valor histórico e patrimonial non foi recoñecido ata época moi recente, sendo Rodríguez Colmenero, quen nun estudo publicado en 1976 a identificou como ponte "que ofrece tódalas características de ser obra romana". 

     A partir de entón, comezaron unha serie de movementos para lograr o seu nomeamento como Monumento Histórico-Artístico. 

       O 31 de xaneiro de 1984, o Diario Oficial de Galicia publicou a incoación do expediente para a súa declaración como Monumento Nacional. 

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901