lunes, 6 de abril de 2020

MUIÑOS DO CASTRO - O CASTRO RÍO OITAVÉN - GAXATE - A LAMA

 MUIÑOS DO CASTRO
O CASTRO
RÍO OITAVÉN
GAXATE
A LAMA


Río Oitavén
     O Oitavén é un pequeno río galego da provincia de Pontevedra que, tras confluír co río Verdugo, contribúe á ría de Vigo.



Percorrido
      O Oitavén nace na serra do Suído, dentro do concello da Lama, a preto de 800 m. de altura, desenvolvendo un percorrido moi encaixado, de vales en V, de 32 km. até a súa desembocadura na beira dereita do Verdugo, en Ponte da Barca, no concello de Soutomaior.



     Atravesa os concellos da Lama, Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, delimita en parte estes dous últimos municipios, e finalmente no de Soutomaior.



     A importancia hídrica do Oitavén estriba no seu superior caudal de 10,5 m³/s (o Verdugo subministra na foz 17 m³/s), de xeito que, ás veces, se fala do sistema Verdugo - Oitavén (o curso común de ambos, en tal caso, atinxe 7 km.).



Afluentes e conca
     A conca do Oitavén é disimétrica, por ter próxima, á súa man dereita, a do Verdugo, de xeito que os seus afluentes principais recíbeos pola beira esquerda: o río da Xesta, o Ventín e o Barragán.



     O tamaño total da conca do Oitavén é de 177,7 km² (o do sistema conxunto co Verdugo é de 357 km²).



Aproveitamento
     No tramo medio-alto, nas lindes entre os concellos de Ponte Caldelas e Fornelos de Montes, sitúase o encoro de Eiras.


Réxime hidrográfico
     O Oitavén é un río de réxime pluvial. As precipitacións medias na conca alcanza os 1.884 mm anuais de media, aínda que no tramo superior sitúanse entre 2.000 e 2.500 mm.



Gaxate
     San Pedro de Gaxate é unha parroquia que se localiza no concello da Lama. Segundo o padrón municipal en 2013 tiña 204 habitantes (105 mulleres e 99 homes), 17 máis ca en 2004. Ten doce entidades de poboación.



Xeografía
     A parroquia está bañada polo río Oitavén. Sitúase xunto a Verducido, ó sur do concello. Limita ao norte con Xende e ao oeste con Forzáns (Ponte Caldelas).



Demografía
     Os habitantes desta parroquia van minguando co paso do tempo, debido á emigración das súas xentes a Portugal, Brasil e Europa, na súa maioría. Proba deste feito son as múltiples evidencias arquitectónicas que podemos admirar, como os pazos ou as casas señoriais, algunhas de estilo indiano. 



     Os seus habitantes, con nostalxia, aínda lembran os anos dourados de Gaxate, onde abundaban as tardes de festa e cine, as xuntanzas, faladoiros e os primeiros paseos en coche.


Historia
Os restos arqueolóxicos achados no castro de Gaxate indican que foi unha zona habitada dende tempos remotos.



     Durante o feudalismo, os nobres ocupaban o poder e posuían ostentosas casas que aínda hoxe se poden atopar. Máis tarde, no século XV, Gaxate pertenceu ao Condado de Soutomaior, e crese que Pedro Madruga e a súa esposa Dona Urraca tiveron casa en Gaxate.


     Gaxate era un lugar innovador, foi a primeira parroquia do municipio e unha das primeiras da provincia que contou con luz eléctrica grazas á enerxía xerada por unha fábrica de electricidade alí situada.


Lugares de Gaxate
     A Aldea, O Castro, A Cavada, O Eido de Abaixo, A Igrexa, Os Muíños, O Pereiral, A Ponte, A Ramadiza, Ramil, As Rañas, A Rocha

 

Parroquias da Lama
     Antas (Santiago), A Barcia do Seixo (Santa Ana), Covelo (San Sebastián), Escuadra (San Lourenzo), Gaxate (San Pedro), A Lama (San Salvador), Seixido (San Bartolomeu), Verducido (San Martiño), Xende (San Paulo), Xesta (San Bartolomeu) 


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

domingo, 5 de abril de 2020

PETO DE SANTIAGO DE ESTÁS - A IGREXA - ESTÁS - TOMIÑO

 PETO DE SANTIAGO DE ESTÁS
A IGREXA
ESTÁS
TOMIÑO


Petos de ánimas
   Chámanse petos de ánimas a unha das manifestacións materiais do culto aos mortos e son, xeneralmente, sinxelos monumentos de piedade popular asociados á idea do purgatorio.


    En Galicia é frecuente atopalos en camiños, encrucilladas, atrios de igrexas, etc.


     Os historiadores e etnógrafos sitúan a súa aparición a partir da Contrarreforma, datándose os máis antigos no século XVII, aínda que non sería ata o século XVIII cando se constrúan con máis profusión.


     A súa finalidade é a de ofrecer esmolas de todo tipo ás ánimas do Purgatorio, sendo o seu castigo temporal e podendo así alcanzar o Ceo.


     En compensación, unha vez liberadas intercederán por quenes realizaron as ofrendas.


     As esmolas non eran de carácter estrictamente monetarias, tamén podía tratarse de produtos agrícolas.


     Os petos de ánimas adoitan estar construídos en pedra cunha cruz no alto, polo xeral con imaxes das ánimas no lume do purgatorio e unha figura que as vela (santo, rei ou bispo).


     Na parte frontal aparece un peto para depositar a esmola e protexido cunha reixa ou un cristal.


Algúns levan lendas do tipo:
     Un alma tes e non máis, si a pérdes que farás...

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

BRANDAS - SERRA DO SOAJO - SERRA DO GERES

 BRANDAS
SERRA DO GERES
SERRA DO SOAJO


Brandas
     Brandas son zonas dos montes altos, onde o gando atopa pastos frescos polo verán. 


     O veceiro (pastor que tiña a quenda) levaba o gando ao monte durante os meses de xuño a setembro. 


     É un termo empregado nas montañas de Ourense (Serra do Xurés) e na parte Portuguesa (Serra do Gerês e Serra do Soajo).


     O mesmo que ocorre cos chozos do Suído galegos, nestas zonas os pastores necesitan de construcións de acubillo para o gando e para eles mesmos, polo que no norte de Portugal, especialmente das Serra do Gerês chámanlle brandas aos núcleos habitados temporarais de verán, cuxa orixe se insire nun proceso de transhumancia no que as poboacións se trasladan das súas aldeas de inverno para as zonas máis altas da serra, onde abundan pastos fértiles para alimentar o gando. 



     As brandas son típicas do complexo sistema antigo da transhumanciada das Serras do Soajo e da Peneda-Gerês (e da serra do Xurés ourensá), hoxe integrado no Parque Nacional de Peneda-Gerês.


     A aldea onde a familia pasa o inverno chámase inverneira, localizada nun val, en zonas máis baixas. No fin do verán ou principio do outono, as persoas deixan as brandas e baixan á inverneira, onde permanecen até marzo, cando volven subir para as brandas para faceren as sementeiras do centeo e deixar o gado a pastar. 


     Hoxe en día, nas poucas aldeas que manteñen a tradición, as persoas só levan os animais e algúns haberes, ao contrario de antigamente, cando levabam até a moblaxe.


     As brandas están formadas polos pastos, valados, curros, cortellos para gado e algunha choza de paredes e cuberta de cachotaría de granito (normalmente con sollado), para as persoas. 

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

sábado, 4 de abril de 2020

PETO DE PEXEGUEIRO - PONTE DE LIMA

PETO DE PEXEGUEIRO
LARGO ANTÓNIO MAGALHAES
PONTE DE LIMA


Peto de ánimas
     Os petos de ánimas atópanse en camiños e encrucilladas de toda Galicia e son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas.


     Tódolos construídos con anterioridade a 1901 son bens de interese cultural.


Significado
     O seu significado vén da crenza na continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ao ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida (o purgatorio), moi arraigada na mentalidade popular galega.


     Dentro das construcións populares, os petos de ánimas son os que evidencian a importancia do purgatorio. A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo.


     Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de se asegurar a propia.


     Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar. Son moi curiosas as advertencias que se fan no seu nome.


     Por exemplo, no de Famelga de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) lese textualmente: "Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás...". Tamén se invita a recordar os antepasados: "Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o parientes o amigos". E, noutra parte do oratorio, apréciase esta inscrición: "Rogade por nos, Señor, E socorrenos cos vosos sufragios que nos pediremos por vos".


Orixe
     As almas do purgatorio que son a meirande devoción galega, despois dos santos, de Cristo e da Nai; e, aínda que o culto teña a súa raizame no cerne mesmo do espírito galego, as mostras que se conservan son serodias.


     A idea do purgatorio, aumentada e revitalizada a partir do Concilio de Trento (século XVI), fixo que se desenvolvese a práctica da construción destes monumentos populares cunha determinada iconografía. Pero segundo parece, en Galicia é no século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados corresponden ao século XVII.


Localización e dimensións
     As encrucilladas aínda inspiran temor aos naturais do país, e a súa causa está en que pervive nas crenzas actuais consideralas como lugar que fora destinado ao enterramento, especialmente dos apartados da comunidade cristiá.


     De aí a crenza de que polas mesmas vaguen durante a noite as almas dos condenados.


     Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil establecer unha morfoloxía xeral, aínda que si se pode indicar que o corpo central do peto está composto por unha cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo ou pintura, e un peto ou hucha para botar as esmolas. Estes elementos veñen a maioría das veces acompañados doutros secundarios: cornixas, pilastras, portiña de ferro etc.


O culto aos petos de ánimas
     Tamén é habitual que, ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles agradece algún favor feito, porque acostuman a axudar aos vivos.


     Pídeselles axuda para solucionar algún problema e colócanselles flores no seu recordo. Ás ánimas, sobre todo, ténselles respecto.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA