miércoles, 13 de noviembre de 2019

PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA 2019 - VIGO

PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA 2019
VIGO


     Moncha Fuentes, Satélite Lume-1, Festival de Poesía do Condado, Xan Carballal, Soledad Penalta, Rut Balbís, Lucía Freitas e a «Fariña» (serie) PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA 2019


     No Auditorio do centro social Afundación de Vigo deuse a coñecer este medio día o ditame da cuadraxésima segunda edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

     Baixo o lema «Teñamos o valor de darnos o futuro», xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carlos López Font, vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Cesáreo Sánchez iglesias , presidente da AELG, entre outras.


     Bieito Ledo, presidente da Asociación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido pola xornalista Noelia Otero, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria dos premios e defendendo Galicia como un lugar de encontro cosmopolita, universal, orixinal e ascendente. Rematou Bieito Ledo o seu discurso apelando ao futuro: «O século XXI está sendo unha época de esplendor na nosa historia. Galicia dedicouse a observar, crear, recoller, xuntar e soñar para que chegase un estourido de grandeza e harmonía en todos os ámbitos da nosa cultura. Os galegos sábense fillos dun paraíso e capaces de definírense cunha soa palabra: NÓS. Amigas e amigos: que o canto da rola aloumiñe todos os soños que o noso pobo leva no seu peito e que aínda están por vir».


     O mar que nos leva de Moncha Fuentes, Premio de Creación Literaria
O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Anxo Angueira Viturro, escritor, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Daniel Asorey Vidal, escritor e profesor; Montse Dopico González, xornalista e crítica literaria; María del Mar Fernández Vázquez, profesora da USC e crítica; Chus Pato Díaz, poeta, membro da RAG; Xosé Ponte Far, profesor e crítico; María López Sández, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras O mar que nos leva de Moncha Fuentes (Xerais) e Michigan, acaso Michigan de Antón Reixa (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio O mar que nos leva de Moncha Fuentes (Xerais).
     En primeiro lugar o xurado salientou de Michigan, de Antón Reixa, a obra finalista, «a fidelidade á ruptura e á vangarda dunha xeración e a un estilo persoal e senlleiro que mestura as máis altas referencias literarias con elementos da cultura pop procurando as súas raíces e explorando o papel da lingua na memoria; así como a hibridación dun texto que transita entre o lírico e o narrativo, cunha montaxe cinematográfica que confire á escrita unha axilidade envolvente na que o humor e o azar se mesturan coa vida».
     A seguir, o xurado salientou da obra gañadora, O mar que nos leva de Moncha Fuentes, «o seu carácter de obra inaugural coa que irrompe unha voz poderosa, que bebe da experimentación coa focalización para narrar desde a memoria, decantándose en parágrafos envolventes, co ritmo narrativo dunha maré imparable. Comezando cunha ferida do íntimo, a obra progresa cara ao colectivo e social até converterse na novela dunha xeración, expresada cun estilo brillante e unha abraiante madureza narrativa».



Satélite LUME-1, Premio de Investigación
     O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática do Departamento de Ciencias da Computación da UDC e presidenta da Sociedad Española para a Intelixencia Artificial; Ricardo García Mira, catedrático do Departamento de Psicoloxía da UDC; Águeda Gómez Suárez, profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo (campus Ourense); Martín López Nores, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo; María Loureiro, catedrática do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC; José Luís Mascareñas Cid, gañador da edición anterior, director do CIQUS, catedrático da USC e Jorge Mira Pérez, que actuou como secretario en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas ao artigo «Botton-up síntesis of multifuctional nanoporous Graphene» de César Moreno, Manuel Vilas-Varela, Bernhard Kretz, Aran Garcia-Lekue, Marius V. Costache, Markos Paradinas, Mirko Panighel, Gustavo Ceballos, Sergio O. Valenzuela Diego, Peña e Aitor Mugarza; ao proxecto Satélite LUME-1  do Equipo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, da Escola de Enxeñaría Industrial e da Escola de Enxeñaría Informática (campus Ourense) da Universidade de Vigo, liderado por Fernando Aguado Agelet; e á obra Golpistas e verdugos de 1936. Memoria dun pasado incómodo da que son editores  Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho (Galaxia). Tras unha densa deliberación acordou outorgar por maioría o premio a Satélite LUME-1.
     O xurado salientou, en primeiro lugar, «as enormes dificultades e alto grao de discusión interna motivado pola dificultade para artellar uns criterios comúns para obras de procedencia tan dispar e brillantes nos eidos científico, tecnolóxico e social». «Así, ao longo da súa deliberación, tivemos unha obra que supuxo un cambio de paradigma, unha concepción orixinal e gran rigor no tema tan delicado como é a memoria histórica; un artigo na prestixiosa revista Science, que foi elixido como un dos dez descubrimentos do ano pola Sociedade Americana de Química, e o lanzamento dun satélite que é consecuencia do nacemento da incipiente industria aeroespacial galega».
     O xurado acordou conceder o premio a Satélite LUME-1 «por supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país coo o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galicia, literalmente, no espazo».


Festival de Poesía do Condado, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas
     O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Iván Area Carracedo, profesor do departamento de Matemática Aplicada da UDV en Ourense; Rocío Castro Tarrío, xornalista, xestora cultural; Fran P. Lorenzo, xornalista e escritor; Ana Romaní Blanco, gañadora da edición anterior, xornalista, poeta, membro da RAG; Iria Veiga Ramos, psiquiatra, divulgadora científica; Nel Vidal Barral, profesor e xestor cultural e Alba Nogueira López, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Espazos sonoros, Festival de Poesía do Condado e Semente Escola de Ensino Galego. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Festival de Poesía do Condado.
     O xurado salientou da gañadora que «é un dos festivais de máis longa traxectoria no noso contexto que fai un traballo cultural de base desde o asociacionismo nunha vila e coa acción na contorna». Saliéntase, tamén, «a súa continuidade, mesmo en condicións moi adversas, así como a remuda xeracional na organización e a súa evolución ampliando focos». O xurado sinalou, tamén, que «é meritoria a atención que desenvolveu arredor das culturas poéticas peninsulares e ter feito do poético un espazo de encontro de xeracións e públicos diversos, así como unha liña de traballo comprometida cos debates sociais e unha posición crítica».


Xan Carballal, Premio de Música
     O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Olga Alexandrovskaia Trofimova, violinista, profesora Conservatorio de Santiago; Eloi Caldeiro, músico, líder do grupo Brath, promotor cultural; Miro Casabella, cantor; Celia Díaz, xornalista da Radio Galega; Mercedes Peón, gañadora da edición anterior, música; Marcos Seoane, violinista, profesor do Conservatorio de Culleredo e Ernesto Sánchez Pombo, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Xan Carballal e á Banda Artística de Merza. Tras a derradeira deliberación acordou outorgar por unanimidade o premio a Xan Carballal.
     O xurado salientou «de Xan Carballal unha traxectoria longa e un traballo de base moi singular na música clásica, que levou a que centos de rapaces do rural galego puidesen acceder a unha educación musical e cultural, e moitos dos cales están hoxe en importantes formacións».


Javier Alonso de la Peña, Premio de Artes Plásticas
     O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por Javier Alonso de la Peña, gañador da edición anterior, arquitecto; Fernando Barreira, pintor; Fátima Otero Bouza, crítica; Ruth Noemí Lodeiro Pérez, escultora; Celso Martínez «Celsius Pictor», deseñador; Rosario Sarmiento Escalona, comisaria e crítica e Xabier Limia de Gardón, que actuou como secretario, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Soledad Penalta, Xosé Freixanes e Elena Colmeiro. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar maioría o premio a Soledad Penalta Lorenzo.
     O xurado salientou de Soledad Penalta «a súa longa traxectoria e coherencia e, ao mesmo tempo, a capacidade de investigación con novos materiais, cos que acada unha linguaxe propia, introducindo dun xeito novidosas caligrafías nunha constante  renovación iconográfica e conceptual».



Rut Balbís, Premio de Artes Escénicas
     O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por María Armesto, directora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, gañadora da edición anterior; Afonso Becerra de Becerreá, dramaturgo, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Bettina Kohlaas, xornalista, xestora cultural, directora do Teatro Colón da Coruña; Paula Quintas, bailarina e coreógrafa, integrante do Equipo de Corpo(a)Terra, Festival de Danza de crúa de Ourense; Neves Rodríguez, actriz e comunicadora TVG; Vanesa Sotelo, xornalista, directora de escena, directora da revista Erréguete e Paula Cabaleiro, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Matarile Teatro (Ana Vallés e Baltasar Patiño), Rut Balbís e Pistacatro por Arnoia. Arnoia. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Rut Balbís.
     O xurado salientou de Rut Balbís «o seu impecable e incansable traballo como bailarina e coreógrafa, pero tamén polo seu constante labor para dignificar e visibilizar a danza en Galicia, en por crear tecido, redes e espazos para achegara a danza a todos os públicos, como é o proxecto RPM que impulsou xunto a outras persoas. Destacamos tres palabras de Rut Balbís; TALENTO, RESISTENCIA e XENEROSIDADE».



A Fariña (serie), Premio de Cine e Artes Audiovisuais
     O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Alba Aguiar, directora de Arte, vestuarista; Miguel Canalejo, actor e guionista; Ángel de la Cruz, director, guionista, produtor e profesor; Álvaro Gago, director de Matria, gañador da edición anterior; Chelo Loureiro, produtora, fundadora de Abano de Producións;  Olga Osorio, directora e profesora da EIS da Coruña e Mariana Fernández Carballal, secretaría, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Lucía Catoira Pan, Fariña (serie) e Bambú producciones. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Fariña (serie).
     O xurado salientou que «ademais da evidente calidade das produción e realización e dos traballos dos seus equipos técnico e artístico, polo considerable esforzo da produtora en apostar por unha historia e uns equipos galegos que lograron situar a Galicia no mapa audiovisual internacional nun momento crucial da produción de ficción para TV, abrindo un sólido camiño para as persoas profesionais, produtoras e historias propias».


Lucía Freitas, Premio de Cultura gastronómica
     O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Carmen Albo, responsable do blog «Guisándome la vida»; Luis Cividanes González, responsable de comunicación de Trevisani; Federación de Razas Autóctonas Galegas BOAGA, gañadora da edición anterior; Héctor López, cociñeiro do restaurante España, membro do Grupo Nove; Alejandro Paadín, sumiller; Beatriz Sotelo, cociñeira do restaurante A estación de Cambre e Inma López Silva, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Lucía Freitas do restaurante A Tafona, Tardes do Atlántico de Martin Códax, Centro Integrado de FP de Lamas Abade. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Lucía Freitas.
     O xurado salientou de Lucía Freitas «o seu papel como empresaria da restauración e a súa capacidade para interpretar a cultura gastronómica galega cunha extraordinaria ética e coherencia.»  «O xurado destaca a súa evolución como cociñeira nunha aposta pola internacionalización que culmina cunha estrela Michelin. Lucía Freitas salienta ademais como exemplo de empoderamento das mulleres na cociña, demostrando que é posible ser muller, empresaria e creadora de excelencia no noso sector gastronómico».

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

ORANGE WINE - UN VIÑO DE MARTÍN CODÁX

 ORANGE WINE
MARTÍN CÓDAX


     Bodegas Martín Códax presenta o seu Orange wine, un viño de uva albariño, anaranxado e cuxa elaboración recupera as prácticas máis antigas e tradicionais dos viticultores do Salnés, previas á existencia da Denominación de Orixe Rías Baixas. Unha edición limitada de 924 botellas dun viño ambarino, procedente dunha pequena parcela, a P04, de 0,10 hectáreas integradas na leira experimental e de investigación da bodega: Pé Redondo, en Meis.


     O viñedo seleccionado para o Martín Códax Orange wine ha de cumprir unhas características concretas, búscase un viñedo no que as uvas presenten unha boa insolación que provocan peles máis grosas, con maior concentración de taninos e compostos polifenólicos, explica o director técnico da bodega, Miguel Tubío.



     Fai cincuenta anos os viticultores do Salnés elaboraban os viños dun xeito similar ao que hoxe coñecemos como os "Orange Wines". Pero a orixe do "Orange wine" remóntase fai máis de 6.000 anos, na zona do Cáucaso, onde naceu a vitis vinífera e onde xurdiron as primeiras elaboracións de viño, nas que os racimos ao completo elaborábanse en ánforas nas que permanecían macerando. Permanecendo fieis a esa orixe, Bodegas Martín Códax lanza esta edición limitada de 924 botellas seguindo esa forma de elaboración tradicional, que chega como outra forma de explorar todas as posibilidades dun gran varietal como é o Albariño, subliña a directora do departamento de Enología, Katia Álvarez.



     Ao contrario dos albariños convencionais que buscan a maior frescura, no caso de Martín Códax Orange Wine, o proceso de elaboración en contacto coas peles provoca un viño máis seco, estructurado e tánico. É o máis parecido a elaborar un branco como un tinto, xa que o proceso de elaboración con maceración das peles favorece a fermentación alcohólica completa (obtendo así un viño seco) e a fermentación malo-láctica (que suaviza a sensación aceda do viño), ademais de aumentar a estrutura tánica dando a sensación dunha boca de tinto. A maceración coas peles durante 6 meses provoca unha maior extracción de taninos, obtendo así sensacións en boca de máis volume, potencia e estrutura. E a cor ambarino que presenta o viño é o resultado de todos os procesos xerados ao longo da fermentación e maceración en contacto coas peles e pepidas, detalla Álvarez.


      O Martín Códax Orange wine poderá adquirirse a través da tenda da páxina web www.martincodax.com


MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube


Fuente: MARTÍN CODÁX
XOAN ARCO DA VELLA

martes, 12 de noviembre de 2019

PETROGLIFO OUTEIRO DAS MOURAS - A ARMADA - SALCEDO

 PETROGLIFO OUTEIRO DAS MOURAS
A ARMADA
SALCEDO


    Unha coincidencia dos petroglifos da parroquia de Salcedo é  dos primeiros en ser estudados en Galicia. O de Outeiro da Mina foi o primeiro gravado publicado cunha representación gráfica, na “Historia de Galicia” de Manuel Murguía en 1901.


     O de Mato das Cruces foi mencionado por Celso García de la Riega no ano 1904. 


     E no famoso “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae”, publicado no ano 1935 polo Seminario de Estudos Galegos, o pioneiro Ramón Sobrino Buhigas menciona ao de Vilar de Matos.


Vilar de Matos
     O de Vilar de Matos foi un dos primeiros petroglifos estudados na Galiza. O histórico Ramón Sobrino Buhigas, pioneiro investigador arqueolóxico nado na cidade de Pontevedra, xa fala del na súa mítica obra “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae” publicado no ano 1935 polo Seminario de Estudos Galegos.


     En Vilar de Matos atopamos un gravado rupestre situado nunha finca privada. A laxe esta   situada a escasos metros da sinalización da estrada e rodeada dun monte de eucaliptos .


     Esta roca  sobresae levemente do nivel do solo e presenta gravados a base de numerosas cazoletas ciscadas por toda a superficie ( illadas, ou  agrupadas) así como outros trazos atípicos (riscos paralelos, cruciformes, etc…) moito mas difíciles de ver. Destacan as combinacións circulares concéntricas moi visibles.


Mato das Cruces
     O  petroglifo de Mato das Cruces é un dos primeiros gravados coñecidos en Galicia e xa foi mencionado por Garcia de la Riega no ano 1904.


     O entorno desta estación rupestre de Mato das Cruces é absolutamente espectacular. Desde el, podemos divisar toda a cidade de Pontevedra e ver tamén as pegadas do val do río Gafos e do bosque de Ribeira asociado en todo momento ao seu paso. Trátase dun lugar de grande valor paisaxístico.


     O petroglifo de Mato das Cruces, está dividido en dous paneis: o primeiro con imaxes xeométricas (combinacións circulares, círculos con cazoletas no seu interior e cazoletas) e unha figurativa (a cornamenta dun cervo).


     Os restos da cornamenta e do corpo do animal desapareceron debido á extracción de pedra por traballos de cantería tradicional. 
 

     Isto demostrouse debido á ausencia da figura do cervo nos debuxos e acuarelas de Enrique Campos Sobrino, feitas a comezos do século XIX e depositadas no Museo de Pontevedra.


Outeiro da Mina
     A estación rupestre do Outeiro da Mina é un conxunto formado por nove petroglifos, dos que o máis importante é o catalogado co número 6, tamén chamado Pedra do Fundamento.


     Foi o primeiro gravado publicado cunha representación gráfica, na obra de Manuel Murguía Historia de Galicia de 1901, e está nunha gran laxe plana a ras de chan. Consta de dous paneis con imaxes xeométricas (combinacións circulares, reticulados, círculos con cazoletas no seu interior e cazoletas).


     Do primeiro grupo do conxunto do Outeiro da Mina perdeuse  a maior parte por mor dunha agresión. No museo de Pontevedra, consérvanse debuxos de Henrique Campo realizados en 1907 a través dos cales podemos ter unha idea de como eran orixinalmente. Amosan ata doce combinacións de rodelas con coviñas e liñas.


     Actualmente só se aprecian cinco e a parte superior dunha combinación de rodelas con coviñas inscritas no seu interior. A  metade inferior desapareceu ao ser barrenada .


     En comparación cos petroglifos de Mato das Cruces e Vilar de Matos presentan unha liñas formais máis estilizadas, falando máis da forma ovalada que circular. O único claro é que son  ben diferentes aos outros dous petroglifos de Salcedo.


     En 1953 é incluída na “Carta arqueolóxica de la provincia de Pontevedra” e finalmente o conxunto é declarado expresamente en 1975 monumentos histórico-artísticos de carácter nacional.

VIDEO
MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
Fuente: TERRAS DE PONTEVEDRA
XOAN ARCO DA VELLA

domingo, 10 de noviembre de 2019

IGREXA DE SANTA MARIÑA - A INSUA - PONTE CALDELAS

 IGREXA DE SANTA MARIÑA
A INSUA
PONTE CALDELAS


Igrexa de Santa Mariña da Ínsua
     Templo barroco dunha soa nave rectangular e unha cabecera cuadrangular máis alta que a nave.



     Destaca a súa fachada occidental, aberta ao atrio, que se eleva sobre o val do río Verdugo. 


     Ten unha porta adintelada con orejeras superiores. 


     A porta aparece recercada por dúas pilastras de dobre acanalado que sosteñen un friso simple de seis casetones que serven de base a un frontón triangular que ten no seu centro unha hornacina finalizada en concha de vieira coa patroa do século XVIII. 


     Nos ángulos da fachada sitúanse outras dúas pilastras lisas que ilusoriamente sustentan un muro piñón triangular e unha imaxe no ápice. 


      Encostada ao muro Norte elévase unha torre de dous corpos, o baixo de planta cuadrangular con catro vans acabados en arcos de medio punto e gran balconada voada. 


     No cume tambor cilíndrico perforado, tamén de catro vans e final en cupulita. 


     Os muros exteriores da nave teñen catro contrafuertes por cada lado, soporte dos arcos fajones de medio punto do interior nos que se apoia a bóveda de canón coa que se cobre a nave. 


     Teñen estes muros unha porta por cada lado, a do Sur con orejeras superiores, e unha fiestra no segundo tramo, rectangular e de derrame externo. 


     A cabecera, cuadrangular, ten unha pilastra de reforzo en cada esquina, sen dúbida para soporte dos arcos e cruceiros da bóveda con que se cobre. 


     Ten esta cabecera apegada unha sancristía no seu lado norte, con cornisa en forma de gran gola.


A Insua
     Santa Mariña da Insua é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Ponte Caldelas. 



     Segundo o IGE en 2016 tiña 895 habitantes (455 mulleres e 440 homes), distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1 156 habitantes.


Lugares da Insua
A Insua, A Roca, Chaín, Covelo, Rebordelo, Rego do Vargo, Silvoso 


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA