PONTE DE GOMAIL
FORCAREI
RIO LEREZ
TERRA DE MONTES
A Terra de Montes está situada na parte
máis montañosa das provincias de Pontevedra e Ourense, case no medio e
medio de Galicia. Definir os seus lindes non é tarefa sinxela. Para case
todo o mundo comprende os concellos pontevedreses de Forcarei e
Cerdedo, cun cento de aldeas e vilas que forman cada un deles, xunto co
concello ourensán de Beariz, de semellante xeografía e maneira de vida.
Tamén algúns lugares da Estrada (Sabucedo), Cotobade (Caroi), Irixo ou
Campo Lameiro poden considerarse da Terra de Montes.
No ano
1.115, segundo publica Xesús Antonio Gulías no libro "Beariz de Montes",
a raíña Dona Urraca escribe ó arcebispo Xelmirez concedéndolle as
terras "ata o Avia". Sería pois este río o que delimitaría a Terra de
Montes pola provincia de Ourense. Outros autores, como Vicente Risco non
comparten esta definición; nin sequera se pon de acordo sobre cales son
en realidade as fontes do Avia.
Por se fora pouco, a Xunta de
Galicia inventou o que chaman a comarca de "Tabeirós-Terra de Montes",
que non é máis cá xuntaza dos dous concellos pontevedreses co da
Estrada. Esta xuntanza pouco natural obedece máis a "cousas da política"
que a unha realidade social, e obriga ós paisanos a viaxar á vila da
Estrada, con moito a máis importante da zona, para calquera servicio dos
chamados "comarcais".
A orografía desta terra vén dada pola
súa situación nas beiras da chamada Dorsal Galega, cos montes do Seixo, O
Testeiro, Candán, etc. Este conxunto, no que se chega a alturas de 900 e
1000 metros, actúa de divisoria de augas entre as cuncas do Avia, cara ó
sur, do Deza cara ó leste, e do Lérez, que recolle a maior parte, caria
ó poñente. Tamén nace aquí o Umia, anque deseguida deixa a bisbarra
para adentrarse nas terras da Estrada.
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube