miércoles, 8 de abril de 2026

CRUCEIRO EN LUSQUIÑOS - LUSQUIÑOS - TOMEZA - PONTEVEDRA

 CRUCEIRO EN LUSQUIÑOS

LUSQUIÑOS

TOMEZA

PONTEVEDRA

      Cruceiro de recente factura (ano 2013) que nace directamente da rocha. 

     O seu varal comeza en sección cadrada e segue en octogonal.

      O capitel, que posúe decoración vexetal e remate plano, da paso a unha cruz de sección cadrada e arestas rebaixadas. 

     Nela aparecen as imaxes de Cristo crucificado baixo cartela de INRI no anverso, e a Virxe Peregina con caxato e co Neno no colo.

      Na parte cadrada do varal aparece unha inscrición co nome do canteiro que o fixo: “E. Martínez”

     Ao carón do cruceiro podemos ver unha fonte lavadorio 

MAPA

 

 Fuente: Web Patrimonio Galego

Texto: Oscar Franco 

XOAN ARCO DA VELLA 

CRUCEIRO DE ÁNIMAS DE BESOMAÑO - BESOMAÑO - RIBADUMIA

 CRUCEIRO DE ÁNIMAS DE BESOMAÑO

BESOMAÑO

RIBADUMIA

 Besomaño
        Santa María de Besomaño é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Ribadumia.
 

      Segundo o padrón municipal de 2016 tiña 147 habitantes (68 mulleres e 79 homes), 26 menos ca en 2010 e 50 menos ca en 2005. Ten sete entidades de poboación.

        Nesta parroquia están os restos do poboado castrexo de Monte do Castro, habitado entre o século III ANE e o século I.

Lugares de Besomaño
   
   A Aldea da Bouza, Barral, A Costa, Lamosa, A Revolta, A Revoltiña, O Rial

Comarca do Salnés
     A comarca do Salnés é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Vilagarcía de Arousa, á cal pertencen os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

      Constitúe un dos máis importantes enclaves turísticos de Galiza. 

       Está comprendido entre a ría de Arousa polo norte e a ría de Pontevedra polo sur, formando parte das denominadas Rías Baixas.

        Recibe este nome polas antigas salinas que existían na desembocadura do río Umia. 

        No Parochiale suevorum do século VI faise mención á Comarca Saliniense. 

       Fontes históricas apuntan á existencia de conflitos relacionados coas salinas localizadas en diferentes puntos da comarca, concretamente nas freguesías de Nogueira, Vilalonga, Noalla e Dena, actualmente pertencentes aos concellos de Meis, Sanxenxo e Meaño.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA 


CRUCEIRO EN RAÑAS - RAÑAS - TREMOEDO - VILANOVA DE AROUSA

 CRUCEIRO EN RAÑAS

RAÑAS

TREMOEDO

VILANOVA DE AROUSA

 Rañas
      Rañas é un lugar da parroquia de Tremoedo no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa, na comarca do Salnés. 

     Tiña 61 habitantes no ano 2016 segundo datos do IGE, dos que 28 eran mulleres e 33 homes, o que representa un aumento respecto ó ano 2010, cando tiña 58 veciños, pero un descenso respecto a 2005, cando eran 64.

Tremoedo
       Santo Estevo de Tremoedo é unha parroquia que se localiza no concello de Vilanova de Arousa. 

     Segundo o IGE, en 2016 tiña 886 habitantes distribuídos en 10 entidades de poboación, dos cales 447 eran homes e 439 mulleres. 

     Isto supón unha diminución de habitantes con respecto ós anos 2010, cando tiña 962 veciños, e 2005, cando eran 982.

Lugares de Tremoedo
      Cabreiro, O Couto, Cuíña, Deiro, Gombra, A Igrexa, Mouzos, Rañas, San Bartolomeu, Vilantes 

 Comarca do Salnés
       A comarca do Salnés é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Vilagarcía de Arousa, á cal pertencen os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA 

martes, 7 de abril de 2026

IGREXA VELLA DE OLVEIRA - OLVEIRA - RIBEIRA

 IGREXA VELLA DE OLVEIRA

OLVEIRA

RIBEIRA

     Igrexa de planta rectangular feita a base de cantería de granito, con cuberta a dúas augas con tella curva do país.

     Posúe unha capela no lateral sur e sancristía engadida na súa cabeceira.

    A nave principal divídese en catro tramos con tres arcos faixóns de medio punto apoiados sobre pilastras pegadas aos muros e contrarrestadas no exterior por contrafortes. 

       No primeiro tramo da nave está a tribuna á que se accede por unha escaleira en forma de “L” no interior muro. 

        Na fachada principal aparece unha porta de arco rebaixado, e xusto enriba dela un frontón triangular formado por molduras cunha imaxe da Virxe no tímpano. A continuación unha ventá rectangular. 

       Remata en cornixa a dúas augas, e no seu vértice unha peaña sostén o corpo da torre formado por catro machóns unidos entre si por arcos de medio punto e rematada por unha cúpula cónica coroada por un pináculo.

      Esta igrexa, que sustituíu a unha anterior de orixe románica, é unha das máis antigas do concello.  

      Foi reconstruída no ano 1742, segundo reza a inscrición que se pode ver no arco da entrada.

     Escavacións recentes permitiron descubrir restos románicos como a cripta, unha escaleira entre muros, un “Agnus Dei” e dúas columnas cos seus capiteis. 

MAPA

 

 Fuente: Web Patrimonio Galego

Texto: Oscar Franco 

XOAN ARCO DA VELLA 

CAPELA DA SAGRADA FAMILIA - CAMPELOS - OLVEIRA - RIBEIRA

 CAPELA DA SAGRADA FAMILIA

CAMPELOS

OLVEIRA

RIBEIRA

      Capela construída no século XVIII, feita a base de cadeirado granítico e teitume a dúas augas con tella curva do país. 

     Posúe planta rectangular cunha única nave dividida en dous tramos por un arco de medio punto apoiado en dúas pilastras pegadas ao muro. 

      Na súa fachada podemos ver a porta de aceso rectangular sobre a que se dispón unha fornela coa imaxe da Sagrada Familia, moldurada e rematada por un arco rebaixado que se coroa cunha cruz rematada en volutas.

       A continuación ábrese un ocelo abucinado ao exterior e no vértice unha peaña sostén a espadana do campanario, formada por dous machóns unidos por un arco de medio punto que remata nun frontón curvo.

      No interior consérvase un pequeno retablo rococó.

      A capela, pertence ao Pazo de Gayoso, aínda que se atopa fora do recinto e separada por unha pequena pista.

      Erixiuse nese lugar debido a que alí había dúas sobreiras que haberían de protexela, e dos cales só se conserva un.  

MAPA

 

Fuente: Web Patrimonio Galego

Texto: Oscar Franco 

XOAN ARCO DA VELLA 

SOBREIRAS DE CAMPELOS - OLVEIRA - RIBEIRA

 SOBREIRAS DE CAMPELOS

CAMPELOS 

OLVEIRA

RIBEIRA

       As Sobreiras de Campelos son un tesouro natural situado na parroquia de Olveira, en Ribeira. 

      Este conxunto de sobreiras (alcornoques) destaca por ser un dos bosques desta especie máis occidentais de Europa e por ter exemplares con centos de anos de historia.

Aquí tes o máis importante que debes saber:
   
A Capela da Sagrada Familia: No medio deste bosque atópase unha pequena capela do século XVIII (1711), tamén chamada de "Xesús, María e Xosé". Segundo a tradición, foi construída nesa localización para que as sobreiras a protexesen do vento e do mar.

    Valor Histórico: Antigamente, a cortiza destas sobreiras era moi prezada para facer colmeas e boias para as redes de pesca. Hoxe en día, son árbores protexidas polo seu gran valor ecolóxico.

    Ruta de sendeirismo: É un lugar de paso habitual para quen fai rutas pola zona de Olveira e as Dunas de Corrubedo, xa que ofrece unha sombra e unha paisaxe moi distinta á zona costeira de area.

    Como chegar: Está situado no lugar de Campelos. Podes deixar o coche preto e camiñar uns metros ata a zona da capela, que é onde están os exemplares máis espectaculares.

       É un recuncho máxico, ideal se buscas un sitio tranquilo e con moito encanto fóra do circuíto máis turístico de Ribeira.

VIDEO

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA