martes, 3 de marzo de 2026

CRUCEIRO EN CALVELLE - AGUASANTAS - CERDEDO COTOBADE

 CRUCEIRO EN CALVELLE

CALVELLE

AGUASANTAS

 CERDEDO COTOBADE

Calvelle
     Calvelle é un lugar da parroquia de Aguasantas, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.

       Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2024 tiña 40 habitantes (20 homes e 20 mulleres), o que supón un aumento con respecto a 2010, cando tiña 32 habitantes.

Patrimonio
      Neste lugar están os petróglifos da Porteliña da Corte (conxunto de tres rochas gravadas na idade de Bronce) e Pouso do Muíño. Amais, atópase o cruceiro de Calvelle (1791) e o peto de ánimas de San Lourenzo (1896).

Aguasantas
       Santa María de Aguasantas é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE no 2010 tiña 326 habitantes (130 homes e 196 mulleres), 26 menos ca en 2007. Dos 28 lugares da parroquia, 15 están habitados.

Patrimonio
       A parroquia católica pertence ó arciprestado de Cotobade, da arquidiocese de Santiago de Compostela. A igrexa parroquial é punto de romaría, con culto á Nosa Señora. 

      Posiblemente o primeiro templo fose románico. No século XVI comezouse un novo edificio, rematado no XVII. Antigamente celebrábase unha romaría o 8 de setembro.

     Conta a tradición, recollida polo padre Solla, que na Idade Media a única igrexa da zona era a da parroquia de Caroi. Un domingo unha cega do lugar das Boliñas ía a misa acompañada dun familiar, e ó pasar a carón dunha fonte, ó pé da casa, lavouse. Ó pasar a auga polos ollos recuperou a vista, e tralo milagre, impulsada por un presentimento, atopou unha imaxe da Virxe entre a maleza. Logo de correrse a voz, os frades do mosteiro de Tenorio promoveron a construción dun novo templo, comprometéndose a ir dar a misa.


     Nesta parroquia, no lugar da Pena, naceu o escultor Xosé Cerviño García (1843-1922, autor do cruceiro do Hío) e mais o pai franciscano Andrés Solla García. 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA 

lunes, 2 de marzo de 2026

CRUCEIRO DA IGREXA DE AVIÓN - IGLESARIO - AVIÓN

 CRUCEIRO DA IGREXA DE AVIÓN

IGLESARIO

AVIÓN 

 Avión

      Avión é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Ribeiro.  

     Segundo o IGE a súa poboación no ano 2016 era de 1910 habitantes. O xentilicio é avionés.

Xeografía
      Sitúase no noroeste da comarca do Ribeiro. Limita ao norte con Beariz, ao sur con Carballeda de Avia, ao leste con Boborás e Leiro, e ao oeste cos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo.

       É un concello montañoso e de relevo accidentado. As serras do Suído e Faro de Avión limitan o concello polo oeste superando os 1.000 metros de altitude. 

     Desde os cumios o relevo descende abruptamente, dando lugar a vales encaixados que dificultan as comunicacións.

       A rede fluvial está formada polo río Avia e os seus afluentes. O Avia nace en Fonte Avia, parroquia de Nieva, e recibe en Avión tres afluentes de importancia: o Couso, o Valderías e o río Cardelle, que forma o límite cos concellos de Boborás e Beariz.

O clima de Avión vén condicionado polas diferenzas de altitude entre as distintas terras do concello. 

     Nas serras do Suído e Faro de Avión o clima é de montaña, frío en inverno e con intensas precipitacións mentres que nas zonas máis baixas as temperaturas son máis cálidas aproximándose ao tipo de clima mediterráneo da comarca do Ribeiro. 

     Na zona intermedia entre a montaña e os vales pode dicirse que aparece un tipo de clima continental. O observatorio de Amiudal, a 553 m de altitude, rexistra unhas medias aproximadas de 5,5 °C en xaneiro e 19 °C en xullo. 

MAPA 

XOAN ARCO DA VELLA 

CALVARIO DE ANTAS - O CALVARIO - ANTAS - A LAMA

 CALVARIO DE ANTAS

O CALVARIO

ANTAS

A LAMA 

 O Calvario
      O Calvario é un lugar da parroquia de Antas, no concello da Lama. 

Segundo o IGE, en 2024 vivían 23 habitantes (11 homes e 12 mulleres).

Topónimo
       O nome procede da presenza dun calvario no lugar, un conxunto de cruces de pedra presidido por un cruceiro de maior tamaño, obxecto da devoción en vía crucis e novenas. 

      Hoxe só se percorre na procesión da misa grande do 25 de xullo (Santiago Apóstolo), o día do patrón.

Poboación
     A sangría demográfica acentuouse neste lugar concreto. No 1999, vivían no Calvario 45 persoas (21 homes e 24 mulleres). 

Antas
     Santiago de Antas é unha parroquia que se localiza na parte central do concello da Lama. 

     Segundo o IGE en 2010 tiña 296 habitantes (131 homes e 165 mulleres), 27 menos ca en 1999.

Toponimia
      O topónimo de Antas procede da voz latina anta 'marco', 'columna' e pode facer referencia a marcos de pedra para dividir leiras e outras propiedades. 

     Noutra vía, podería proceder dos restos megalíticos existentes na parroquia, xa que se sabe que os dolmens son chamados antas.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA 

 

CAPELA DA VIRXE DO ROSARIO - RODEIRO - ABELENDA - AVIÓN

 CAPELA DA VIRXE DO ROSARIO

RODEIRO

ABELENDA

AVIÓN

Capela da Virxe do Rosario
       Edificación relixiosa de recente factura construída en perpiaño granítico encintado nunha das súas partes, e en ladrillo noutras. 

        Presenta planta rectangular dunha soa nave e cuberta a dúas augas con pináculos de bola nos extremos.
pétrea no cume. 

        O conxunto complétase cunha torre campanario en posición central.

        No adro da igrexa podemos ver tamén un cruceiro.

      No seu interior podemos ver unha imaxe da Virxe de Guadalupe. 

MAPA

 

 Fuente: Web Patrimonio Galego

Texto: Oscar Franco 

XOAN ARCO DA VELLA 

domingo, 1 de marzo de 2026

IGREXA DOS SANTOS XUSTO E PASTOR - AVIÓN

 IGREXA DOS SANTOS XUSTO E PASTOR

AVIÓN

       Situada na capital do concello, a igrexa dos Santos Xusto e Pastor foi iniciada aproximadamente en 1600, rematándose en 1742, en estilo predominantemente barroco. 

        Feita en sillería isódoma, amosa planta rectangular con contrafortes. O que máis destaca e a fachada e a torre.

       Presenta unha singular fachada-retablo barroco realizada por canteiros da Terra de Montes, que está flanqueada por pilastras arquitrabadas con esvelto chafrán. Ten ademais outras dúas portadas fortemente moldeadas con fornela superior, nas que están as esculturas de San Antón co Neno e a Virxe tamén co Neno. 

       A cabeceira, moi anterior a 1742, ten bóveda de nervos de estilo gótico serodio con claves historiadas policromadas.

        Na central figuran os Santos Xusto e Pastor, patróns da parroquia, con caretas alusivas aos principios centrais da fe. A similitude estilística da torre, con carátulas angulares na balaustra inferior, con outras como as de Carballeda e Beiro, fanos adiantar a hipóteses dunha mesma cabeza rectora, que non puido ser outra que o conde de Ribadavia. Esta igrexa amosa columnas salomónicas nos ángulos, soporte tectónico infrecuente nos exteriores barrocos galegos , sendo un dos exemplos máis importantes do Barroco.

        A fachada da igrexa e certamente de gran calidade e recorda, en pequeno, a outras obras de maior fuste repartidas pola xeografía galega. Posto que a fachada adoitaba ser o último que se construía nas igrexas, cabe esperar que se trate do elemento máis moderno do edificio, o que levaría a súa datación a xa ben entrado o século XVIII.

       Disposta a maneira de retablo, conta con dúas fornelas colocadas sobre a porta un Calvario situado baixo a torre e unha Dolorosa entre este e o lintel- e outros seis falsos nichos refundidos distribuídos simetricamente en dúas columnas a ambos lados da porta, os cales aloxan relevos en pedra de diferentes santos.

       Os relevos correspondentes aos titulares do templo son os situados nos dous nichos inferiores, a esquerda e dereita da porta. Trátase duns baixorrelevos de pouca profundidade, e bastante afectados pola erosión, que representan aos mártires cuns traxes talares que teñen bastante máis de hábitos estudantís da época século XVIII que de indumentaria romana. 

       Asimesmo as longas e rizadas cabeleiras son as típicas do arte barroco serodio.

       O deterioro das figuras impide apreciar con precisión o que portan nas mans, aínda que cabe supoñer que foran a palma do martirio nunha e quizais un libro de canto (outro anacronismo) na outra, pero non se identifican ben.

        O interior da igrexa é claramente máis antigo que a portada, estando o presbiterio cuberto por unha bóveda de cruzaría.  

 

      Na clave central existe un medallón policromado que reproduce uns bustos moi similares aos da portada e con toda probabilidade contemporáneos seus, os cales sosteñen nas maos sendas palmas de martirio xunto cunhas cartelas nas que se reproduce o inicio dos dous primeiros versículos do Credo, en substitución das tradicionais táboas escolares.

       O retablo barroco, ou xa decididamente rococó, conta cunha fornela central, situada sobre o sagrario, na que están colocadas as imaxes dos santos Xusto e Pastor. Estas están vestidas “á federica” con amplas e coloradas casacas, chalecos, calzóns e medias, o que nos permite aventurar que quizá sexan algo máis modernas que os relevos da fachada, poida que da segunda metade do século XVIII. 

        Ambas portan as palmas e de novo, tal como ocorre co medallón da bóveda, as táboas escolares co abecedario foron substituídas nesta ocasión por o inicio do Credo e o do primeiro Mandamento, respectivamente.

      Celébranse do 7 ao 9 de agosto as festas na honra de San Xusto, San Pastor e San Roque, un curioso engadido. 

MAPA

 

Texto: Gavilanes67

Fuente: Web Patrimonio Galego

XOAN ARCO DA VELLA