viernes, 12 de marzo de 2021

IGREXA DE SAN COSME DE FARAMONTAOS - CIMA DE VILA - CARBALLEDA DE AVIA

IGREXA DE SAN COSME

FARAMONTAOS

CIMA DE VILA

CARBALLEDA DE AVIA

 Faramontaos
     San Cosme de Faramontaos é unha parroquia do concello de Carballeda de Avia, na provincia de Ourense. No ano 2007 tiña 86 habitantes, deles 44 eran homes e 42 eran mulleres.

Lugares e parroquias
     Cima de Vila


Carballeda de Avia
     Carballeda de Avia é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Ribeiro. Segundo o padrón municipal, en 2014 tiña 1390 habitantes (1596 en 2003).O seu xentilicio é carballedés ou aviao


Xeografía
     O concello ten 46 km² e abrangue oito parroquias. Está situado entre as serras do Faro e do Suído.


Historia
     Consérvanse restos da cultura castrexa no poboado de Coto da Moura. Durante a idade media e o antigo réxime a zona pertenceu aos condes de Ribadavia, Lemos e Monterrei., así como ós mosteiros de Celanova, Melón e Oseira.



Patrimonio
     A igrexa de Abelenda das Penas é de orixe románica, e estivo relacionada coa Orde do Temple. Preto dela hai un cruceiro do século XVII e restos romanos. No adro da igrexa de San Pedro de Beiro hai un cruceiro con pousadoiro. En Beiro destaca tamén a casa do Priorato.

     A igrexa de Muimenta é románica, e nesta parroquia hai unha eira con numerosos canastros. A ermida da Nosa Señora do Lodairo é de estilo románico de transición a gótico, cun peto de ánimas próximo. A igrexa de San Miguel en Carballeda de Avia é barroca.


Patrimonio natural
    Salienta Pena Corneira, un espazo declarado monumento natural, onde atopamos formacións rochosas senlleiras e un importante patimonio natural.


Heráldica
     O escudo heráldico do concello é partido e cortado, timbrado con coroa real. En campo de prata, unha carballeira de cor natural. En campo de azul, unha torre redonda de pedra superada dunha aguia voante de sable, picada e membrada de goles. En campo de ouro, unha serra de cor natural (pedra).


Parroquias de Carballeda de Avia     
     Abelenda das Penas (Santo André), Balde (San Martiño), Beiro (San Pedro), Carballeda (San Miguel), Faramontaos (San Cosmede), Muimenta (San Xiao), Santo Estevo de Nóvoa (Santo Estevo), Vilar de Condes (Santa María)


Comarca do Ribeiro
      A comarca do Ribeiro é unha comarca galega situada na provincia de Ourense no curso medio do río Miño, que a percorre de nordeste a suroeste. A súa capital é Ribadavia, e a ela pertencen os concellos da Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia. Dálle nome ao viño do Ribeiro.

     Ocupa unha superficie de 407,1 km², nos que viven 16.547 habitantes (2017). Por ela transcorren tamén os ríos Arnoia e Avia. O Miño está represado nos encoros de Castrelo de Miño e da Frieira. 

     Existen varios balnearios que aproveitan as augas. Desde a Serra do Suído e Faro de Avión, ao oeste, onde se chega ao 1.000 m de altitude, o relevo descende até só 97 m en Ribadavia e Arnoia. 

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

 

XOAN ARCO DA VELLA


jueves, 11 de marzo de 2021

PONTE ROMANA DE ORBENLLE - ORBENLLE - RÍO LOURO - SAN SALVADOR DE BUDIÑO - PORRIÑO

 PONTE ROMANA DE ORBENLLE

ORBENLLE

SAN SALVADOR DE BUDIÑO

RÍO LOURO

PORRIÑO



Río Louro
     O río Louro é un afluente do Miño, no seu tramo final, pola súa marxe dereita. Ten todo o seu percorrido na provincia de Pontevedra. Atravesa os concellos de Pazos de Borbén, Mos, Porriño e Tui.


Topografía
     Nace a 400 metros de altitude, no concello de Pazos de Borbén, e desemboca no Miño en Pazos de Reis, xa no concello de Tui. A lonxitude total do río é de 30 km, e a súa conca cobre uns 174 km² de superficie.

Xeoloxía
      O río Louro aproveita unha fractura N-S na Depresión Meridiana, dando lugar ó val da Louriña. Recolle as achegas de numerosos regos procedentes da serra do Galiñeiro. O subsolo do fondo do val está composto de arxilas e areas mal drenadas, o cal, unido a un relevo moi tendido, produce fenómenos de impregnación.


Hidroloxía
     O réxime do Louro é de tipo pluvial. As precipitacións medias na súa conca atinxen os 1.783 mm anuais, e pode superar os 2.000 mm na súa zona suroccidental. Ten un caudal medio de 8,44 m³/s.

 Fauna e flora

      As características xeolóxicas do val explican a orixe da formación do ecosistema das gándaras de Budiño, formado por pequenas lagoas illadas, zonas inundables e bosques de ribeira. 

As gándaras teñen unha superficie de 834 hectáreas e un clima atlántico que favorece a variedade de especies de flora e de fauna. Pódense atopar aquí máis de 150 especies de vertebrados, 12 de réptiles e máis de 135 de aves.


Impacto ambiental
     Río Louro ao seu paso polo Porriño, baixo a ponte da PO-331; á dereita, albergue xacobeo do camiño portugués.

     A zona da Louriña foi elixida para localizar o Plan de Desenvolvemento Vigo-Porriño, que é un dos factores causantes da contaminación do río, xunto coa explotación industrial de canteiras de granito. O Louro convértese nun dos ríos máis contaminados de Galicia tralo seu paso polo polígono do Porriño.

     O acordo asinado en 1994 entre o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e a Xunta de Galicia prevía a realización de obras de saneamento na conca do río Louro. Estas obras tiñan por obxecto a recollida das verteduras urbanas e industriais dos núcleos máis importantes das concas do río Louro, do río Caselas e do río Miño entre as confluencias dos ríos Caselas e San Martiño para seren tratadas na estación depuradora de Guillarei. 

     No 2001 amplíase o acordo para acometer a interceptación de augas residuais no Porriño e nos ríos Caselas e Seixal. Considérase que estas infraestruturas contribuirán a facer posible o mantemento da vida piscícola do río Louro.


MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA


miércoles, 10 de marzo de 2021

PETROGLIFO DA COUTADA - TABOEXA - AS NEVES

PETROGLIFO DA COUTADA

TABOEXA

AS NEVES


Taboexa
     Santa María de Taboexa é unha parroquia que se localiza no concello das Neves.


      Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 502 habitantes (252 mulleres e 250 homes), distribuídos en 21 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 2004 cando tiña 500 habitantes.

Xeografía
     A parroquia esténdese pola aba do monte de San Nomedio, o cumio máis alto dos arredores con case 700 metros de altitude.

Patrimonio
     O Castro de Altamira, escavado en 1976 por Alfredo García Alén, e do cal se conservan numerosas pezas no Museo Provincial de Pontevedra.

      Os petróglifos de Mouro e da Citania de Altamira están declarados Ben de Interese Cultural.

      O Centro de Interpretación do Patrimonio e Local Socio-Cultural está enfocado á posta en valor dos bens arqueolóxicos e arquitectónicos da parroquia.

     Segundo Pablo Osorio o monte de San Nomedio podería corresponderse co monte Medulio, en base á proximidade ao río Miño e á toponimia da zona. Segundo unha lenda, as augas de San Bartolomeu son férreas porque tras unha gran batalla librada alí, as armas foron soterradas nunha gruta. Outra lendas di que entre o monte e a igrexa parroquial existe unha cova escavada por mouros.

     O 7 de decembro de 2017, tras a vaga de lumes de 2017, descubriuse unha laxe con petróglifos sen catalogar.


Lugares de Taboexa
       Altamira, Arufe, As Barreiras, As Bouciñas, Bugalleiras, O Candón, O Caneiro, A Capela, A Carrasqueira, Carreirachán, O Casal, Corneda, O Corvo, O Cotiño, Covalagarto, A Custoura, Frián, A Gañavena, A Igrexa, Leiradiño, A Lomba, O Marco, O Mariño, Millaxendo, A Moreira, Morgallón, O Mouro, Novás, O Outeiro, O Pazo, A Pedreira, Perdeán, Os Píos, A Rata, O Rego Novo, O Reguengo, O Rodeiro, Sandomedio, O Toxal, Trigal, Valverde, A Viña do Pazo


As Neves
        As Neves é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Condado.

      Segundo o IGE, contaba no 2014 con 4.121 habitantes, o que supón unha diminución de habitantes con respecto aos censos anteriores. O seu xentilicio é nevense.


Xeografía
      O concello posúe catro elementos xeográficos que actúan de referentes principais: o val do río Xuliana polo oeste, o do Miño polo sur, o do Termes polo leste e os Montes da Paradanta polo norte, onde se sitúa o monte San Nomedio, de 690 metros de altitude.


Val do Xuliana

         O río Xuliana percorre as parroquias de Taboexa, Rubiós, Tortoreos e Liñares, onde desemboca no Miño. O val esténdese desde a aba do monte San Nomedio ata a foz do río en Liñares, a máis chan de todas as parroquias nevenses.


Val do Miño

      O río máis longo de Galiza baña ao concello nun treito de 10 quilómetros, servindo de fronteira co veciño Portugal. As súas augas transcorren polas parroquias, en sentido leste-oeste, de Vide, Setados, As Neves, Tortoreos e Liñares. Sendo Vide, Tortoreos e Liñares de escaso relevo, a orografía algo máis montañosa de Setados e As Neves convértenas en interesantes miradoiros nos que enxergar unha boa panorámica de Portugal.

Val do Termes
     O curso fluvial do Termes segue as parroquias de Cerdeira, San Xosé de Ribarteme, San Cibrán de Ribarteme e Santiago de Ribarteme, desembocando no Miño a xeito de fronteira entre Vide e Setados. O val abrangue desde a ladeira sur do Monte de Paradanta, onde se asenta Cerdeira, encaixándose logo entre este e o Monte de San Fins cara o nor-nordeste e o monte de San Nomedio en dirección nor-noroeste.

Montes da Paradanta
     A zona máis montañosa do concello é a correspondente ás parroquias de Cerdeira, San Pedro de Batalláns e Santa Eulalia de Batalláns, así coma o norte de Taboexa e o norte e leste de San Xosé de Ribarteme. No caso de Cerdeira e Santa Eulalia o seu relevo montañoso débese a estaren situadas nas abas sur e oeste do monte Paradanta, respectivamente, pertencendo o cumio do monte ao concello da Cañiza. Nelas acádanse as maiores alturas do concello, arredor dos 800 metros. As outras tres parroquias están dominadas pola presenza de San Nomedio, con cumio en Taboexa.


Parroquias
     Batalláns (Santa Eulalia), Cerdeira (San Xoán), Liñares (Santa María), As Neves (Santa María), Rubiós (San Xoán), San Cibrán de Ribarteme (San Cibrán), San Pedro de Batalláns (San Pedro), San Xosé de Ribarteme (San Xosé), Santiago de Ribarteme (Santiago), Setados (Santa Euxenia), Taboexa (Santa María), Tortoreos (Santiago), Vide (Santa María) 

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

martes, 9 de marzo de 2021

PONTE DO FREIXO - RÍO ARNOIA - CELANOVA - CARTELLE

 PONTE DO FREIXO

RÍO ARNOIA

CELANOVA - CARTELLE

Ponte Freixo
     A ponte Freixo ou ponte do Freixo é unha ponte romana sobre o río Arnoia, entre as parroquias de Freixo (Celanova) e Penela (Cartelle). 

     Xunto coa ponte do Bibei é unha das dúas pontes romanas mellor conservadas de Galiza.


Características
      A ponte, de calzada horizontal, foi construída en opus cuadratum, con perpiaños almofadados de granito. As súas medidas son 57 metros de longo por 4,60 de ancho. A altura do piar central (desde a cimentación ata o arranque dos arcos) é de 3,30 m.

      Consta de catro arcos de medio punto dispostos de forma simétrica, sendo as luces dos arcos centrais de maior medida que as luces dos arcos laterais. 

     Os piares están asentados sobre o leito rochoso, apenas desbastado, con tallamares de planta triangular situados augas arriba para facer fronte ás enchentes do río.

      Manuel Durán defende que na ponte son apreciables a simetría e a proporción, dous elementos claves da arquitectura romana, segundo o tratadista Vitruvio. De acordo co enxeñeiro galego, das pontes romanas que se conservan en Hispania, soamente a ponte Freixo e a ponte de Alcántara presentan unha disposición harmónica que se conseguiría coa simetría do seu alzado, a proporción entre dimensións e a utilización do número áureo:

    Só en dúas pontes achamos certas relacións entre as súas dimensións: o primeiro é a ponte Freixo, estudado por nós, onde a simetría formal con respecto ao piar central e á posible utilización do pé como unidade de medida, chama a atención dende o primeiro momento. Profundizando, achamos que as luces dos vans (dous de 4,70 m e dous de 7,70 m) parecen estar relacionadas de acordo coa sección áurea (1,618).

Historia
      Descoñécese o ano de construción da ponte Freixo, mais durante as últimas obras de restauración apareceu, baixo o piso, un fragmento de columna honorífica ou miliario coas letras ...PHAIORI ... SEM... A...U ..., podendo corresponderse coa fórmula baixoimperial ...(TRIUM)PHATORI SEM(PER) A(UG)U(STO).

     Manuel Durán, Segundo Alvarado e Carlos Nárdiz defenden en Pontes históricas de Galicia, que a ponte pertenceu á vía Bracara-Lucus, sendo parte do tramo que unía Aquis Querquernis con Lugo, pasando por Ourense. Para Rodríguez Colmenero trataríase dun tramo da vía Brigantia-Iria Flavia.

     A primeira mención histórica da Ponte Freixo é cuestionable, pois trataríase dun documento do tombo de Celanova, datado arredor do ano 1005, sobre a venda dunha herdade en Fraxinoso (Freixoso), mais a súa lectura presenta dúbidas, pois onde Rodríguez Colmenero le in carraria de vereda que discurrit a Ponte Pedriña, Elisa Ferreira le ...fonte pedrina.

     Sábese que a principios do século XIX se achaba a ponte en estado "propicio a arruinarse" segundo se desprende da resposta do xuíz do couto de Espiñoso en 1804 ao oficio remitido pola “Justicia y Regimiento” de Ourense a instancias do inspector xeral de camiños e canles sobre o estado das pontes do reino. Mais no Dicionario de Madoz é descrita como "de fábrica moi antiga (...) con peitoril tamén de pedra de antiga construción e en bo estado".

      O seu valor histórico e patrimonial non foi recoñecido ata época moi recente, sendo Rodríguez Colmenero, quen nun estudo publicado en 1976 a identificou como ponte "que ofrece tódalas características de ser obra romana". 

     A partir de entón, comezaron unha serie de movementos para lograr o seu nomeamento como Monumento Histórico-Artístico. 

       O 31 de xaneiro de 1984, o Diario Oficial de Galicia publicou a incoación do expediente para a súa declaración como Monumento Nacional. 

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA