domingo, 6 de febrero de 2022

INAUGURACIÓN DA EXPO " O CAMIÑO E AS ARTES - MUSEO DE PONTEVEDRA

INAUGURACIÓN  "O CAMIÑO E AS ARTES"

ASOCIACIÓN DO CAMIÑO PORTUGUÉS A SANTIAGO

MUSEO DE PONTEVEDRA

 
     Máis dunha trintena de artistas expoñen as súas creacións e serán protagonistas de concertos, exhibicións de danza e recitais de poesía

      O Museo de Pontevedra vén de abrir no claustro do Edificio Sarmiento a décimo primeira edición de ‘Camiños’, unha mostra colectiva e multidisciplinar promovida pola Asociación do Camiño Portugués a Santiago que reúne a visión de máis dunha trintena de artistas, creadoras e creadores de Galicia e Portugal sobre un fenómeno de carácter internacional como é a peregrinación a Santiago de Compostela.

     Na inauguración desta tarde estiveron presentes o director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey, o comisario da Exposición Celestino Lores; a secretaria territorial da Xunta en Pontevedra Marta Iglesias, e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. 

     O acto comezou co interpretación dunha canción a capela a cargo da cantante Begoña Lorenzo, á que seguiu unha exhibición de danza de Glau Fonseca, que fixo unha intervención no primeiro andar e continuou a  bailar fóra do edificio.

     Recitaron poesía Ana Corzo, Carmen Quinteiro e Minerva, e César Loureiro interpretou varias pezas musicais cunha zanfoña.

     Segundo explicou o director do Museo. ‘Camiños. O Camiño e as Artes’ é unha exposición que deixa patente un dos principais valores das rutas xacobeas máis alá da súa innegable dimensión espiritual: “A cohesión entre culturas, por riba das fronteiras xeográficas e políticas, constitúe sen lugar a dúbidas unha das súas maiores riquezas”, dixo.

     Subliñou que fotografía, pintura, poesía, danza, artesanía e escultura conforman unha proposta que lembra a través de distintas miradas, a transcendencia dun itinerario secular herdeiro de calzadas e vías antigas como a que vertebraba a Gallaecia e que transcorría por esta cidade dende o país veciño.

     Finalmente, agradeceu á Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago, e a o seu presidente e comisario desta exposición, Tino Lores, o labor que desenvolve desde hai 27 anos para preservar e impulsar a grandeza do itinerario, exemplo do patrimonio cultural, tanto material como inmaterial.

     Pola súa banda, Tino Lores tamén agradeceu ao Museo e á Deputación a cesión do espazo do Edificio Sarmiento para expoñer a mostra, que nesta ocasión cumpre once anos e chega ao seu cumio, “a súa maioría de idade, nun lugar onde só se expoñen obras de gran prestixio”.

      Lores explicou que a exposición é multidisciplinar “porque o Camiño é todo, está por riba de todos, tanto de ideoloxías, cultura, deporte ou espiritualidade. 

     É un conxunto, unión, é algo máis que un espazo físico”. Subliñou que a mostra pretende  recoller a través da arte todos os valores de unión, solidariedade,  paz que se fomentan na ruta a Santiago.

     O comisario tamén sinalou a idoneidade de que a mostra estea exposta no claustro dun mosteiro como o Edificio Sarmiento: “Que mellor lugar para expoñer que un claustro de mosteiro como os que acollen as e os peregrinos!”.

     A exposición estará aberta no Museo ata o 21 de marzo, ata cando se desenvolverán tamén varias actividades complementarias: dous concertos, un recital de poesía, a presentación do catálogo e unha exhibición de danza. 

     Despois a mostra irá a Barcelos, Ponte de Lima e Lisboa de maneira itinerante.

 VIDEO

MAPA

 

Fuente: Diputación de Pontevedra

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901