lunes, 22 de febrero de 2021

PONTE DE VALENTÍN - RÍO DOS GAFOS - LUSQUIÑOS - CABANAS - SALCEDO - TOMEZA

 PONTE DE VALENTÍN

RÍO DOS GAFOS

LUSQUIÑOS - CABANAS

SALCEDO - TOMEZA

 Río dos Gafos
     O río dos Gafos é un curso fluvial galego, de 10,83 km de longo, que desemboca na ría de Pontevedra. 

      Transcorre en boa parte paralelo á vía portuguesa do Camiño de Santiago. Agás nos seus últimos 600 metros, ten unha orientación sur-norte, cousa estraña nun río das Rías Baixas.


Toponimia
     A súa denominación varía polos lugares que atravesa. É coñecido como Cocho, Regheiro, Das Veighas da porta e Da Estación en Figueirido; Toxal en Bértola, Tomeza en Tomeza e Salcedo e Menexo, Estación, Palamios, Da Goleta, Da Taboada e Dos Gafos en Pontevedra. O seu nome provén da existencia en Pontevedra dun hospital de leprosos xunto ó desaparecido templo da Virxe do Camiño, chegando os seus xardíns ata a beira do río.


Curso
     Nace no Mato da Xestiña, lugar da Boullosa (Figueirido, Vilaboa), e desemboca no barrio pontevedrés das Corbaceiras. Os seus afluentes son pola esquerda o rego de Antiguidá, río Miñoto ou Filgueira e Ponte Bala; pola dereita, os ríos de Bois, O Barco, Pombal e Pintos.


Características
     O seu caudal está marcado pola pluviosidade das estacións do ano. Se ben en outono e inverno adoita ir cargado, no verán leva menos auga, en parte tamén polo uso excesivo das súas augas para o rego de leiras e predios, ben con canles, ben mediante bombeo.

     O seu leito adoita transcorrer á beira de asentamentos humanos, polo que as súas marxes se ven acotío alteradas pola agricultura, as obras públicas e as infraestruturas. Estes cambios implican danos, ás veces irreparables, e o río sofre un grande impacto de fertilizantes, pesticidas e herbicidas que afectan á biodiversidade. A pesar destes impactos e da súa proximidade a importantes núcleos de poboación, o río mantén un importante valor ecolóxico; destacando a presenza de lontras como bioindicador do actual bo estado das augas.


Biodiversidade
     No biotipo das áreas naturais, na primeira parte do seu percorrido, o río transcorre por zonas de sotobosque con fentos, liques, brións, silveiras, xilbarbeiras e mesmo lúpulo, con plantas e arbustos como estripos, abruñeiros, e loureiros.

      Nos seus bosques de ribeira hai bastante diversidade, podendo dividirse estes en tres categorías:
     Brañas: Teñen un alto grao de humidade e a capa superficial do solo asolagada. Destacan os salgueiros e os amieiros.

     Fragas: O bosque tradicional galego, mesturando diferentes especies de árbores. Hai bastantes carballos, algúns deles de tamaño e altura extraordinarios, xunto con freixos, bidueiros, chopos ou amieiros.
Soutos: bosques monoespecíficos (dunha soa especie) de castiñeiros plantados polo ser humano para a obtención de madeira e/ou castañas.


Patrimonio
      O río xa aparece mencionado no libro Viaxe a Galicia do Padre Sarmiento (1745). Tamén aparece, xunto cos seus afluentes, na Carta xeométrica de Galicia de Domingo Fontán (1845), e no mapa da provincia de Pontevedra de Francisco Coello (1856). O Padre Amado Carballo conta en 1762 que as árbores do seu paseo eran plantadas polos frades do Convento Dominico.

     Ten un total de 16 pontes, e ata mediados do século XX funcionaron lavadoiros e muíños. Desde a década dos 60, no barrio pontevedrés de Campolongo flúe por un treito soterrado de canalización durante 525 metros.

     Unha das súas pontes, a ponte do Couto, sita nas proximidades da estación de autobuses de Pontevedra, foi considerada durante moito que orixinara xunto ca Ponte do Burgo (sobre o río Lérez) a denominación de Ad Duos Pontes, nome da vila romana que se cría xermolo da cidade de Pontevedra. Porén, na actualidade esta teoría está desbotada.

     Dado que ata o século XX non houbo auga corrente nas casas (a primeira foi o Palacete dos Mendoza no 1897), as súas augas foron utilizadas como lavadoiros públicos, sendo moi concorridos xa que estaba prohibido lavar no curso do Lérez. Con posterioridade estes lavadoiros terían maiores comodidades, contando incluso con luz eléctrica.

      O río foi abandonado á maleza e as súas beiras aparecían nos últimos anos cheas de residuos. Pero coa chegada do século XXI naceu o colectivo Vaipolorío, creado por un grupo de veciños. Se ben a súa actividade inicial era basicamente limpar o río, posteriormente comezaron outras como a creación dunha ruta, obradoiros medioambientais, catalogación de flora e fauna e a recuperación da toponimia.


      Estas actividades foron recoñecidas cos premio Cidade de Pontevedra no ano 2001, outorgado polo Concello de Pontevedra, no apartado de institucións, pola defensa do medio ambiente natural, e o Premio Amigos de Pontevedra, outorgado no 2004 pola Asociación Amigos de Pontevedra, tamén no apartado de institucións, polo traballo de recuperación do río dos Gafos.

     No ano 2007, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, o Concello acondicionou as marxes do río no treito urbano, con paseos e pasarelas de madeira.

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube


XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901