sábado, 8 de febrero de 2020

PORTO DE CEDEIRA - CEDEIRA

PORTO DE CEDEIRA
CEDEIRA


Cedeira
     Cedeira é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol. 



      Segundo o IGE en 2014 tiña 7.147 habitantes (7.465 no 2009, 7.443 no 2006, 7.429 no 2005, 7.477 no 2004, 7.498 no 2003). O seu xentilicio é «cedeirense» ou «cedeirés».


Xeografía
     O concello de Cedeira, de 84 km², limita ao norte e ao leste co océano Atlántico, ao sur con Cerdido e Valdoviño e ao oeste con Cariño e Ortigueira. 



      O seu territorio está delimitado pola serra do Eixil e a serra da Capelada, formando os vales fluviais do río Condomiñas, que desemboca na ría de Cedeira, e do río Mestas, que forma o estuario de Esteiro antes de desembocar no océano en Vilarrube.


     Está comunicado a través da estrada C-646 que vai cara a Ferrol, e da C-642, que vai cara a Ortigueira.


Lugares de interese

     Neste concello está o santuario de Santo André de Teixido e os cantís máis altos da Europa continental, a Vixía Herbeira.



     As murallas que rodeaban a antiga vila desapareceron na súa maior parte, aínda que se conserva algún resto dela. Aínda así manteuse o seu pasado medieval, que se pode ver no paseo polas súas estreitas e empinadas rúas. 


     Nalgunha das súas construcións aparecen escudos de armas das familias que habitaron as súas casas. Entre as antigas construcións podemos ver algunha casa con galerías, xa pertencentes aos séculos XVIII e XIX. Arredor do río Condomiñas medrou a nova Cedeira. 


     Na zona intermedia do paseo marítimo atópase, sobre unha rocha, o monumento á muller do pescador. O porto é un dos máis importantes das Rías Altas galegas, grazas ás capturas de especies como a pescada, o rapante, a lagosta ou os percebes.


    Igrexa parroquial de Santa María do Mar. Atópase na parte alta do casco histórico. É de estilo gótico mariñeiro con planta basilical orixinal e ábsida rectangular. A súa construción data do século XV. Consta de tres corpos con cuberta de madeira e unha capela maior. Diversas reformas posteriores á súa construción engadíronlle dous corpos laterais, que lle deron aspecto cruciforme. A fachada é sinxela, cun arco de medio punto. A torre lateral foi engadida en 1839. No interior, está o sepulcro xacente do cabaleiro Alonso de Pyñeiro, con data de 1450. Tamén son de interese as imaxes da Virxe do Parto (século XVI) e a Velilla (século XVII), renacentista unha e barroca a outra. A imaxe da Virxe do Mar, patroa da vila, é obra do escultor José Rivas en 1917.


    Priorato de Regoa.
    Igrexa de Piñeiro.
    Igrexa de Esteiro.
    Capela de Reboredo.




    Castelo da Concepción. Na zona final do porto, sobre un cantil, atópase o castelo da Concepción, construído no século XVIII para protexer a costa de incursións marítimas, que destruíran as antigas fortificacións de defensa. Con axuda da poboación, construíuse o actual, que chegou a ter trinta homes ao coidado doutros tantos canóns. O edificio é de planta hexagonal, cunha gran vista panorámica da entrada da ría de Cedeira e das praias da Magdalena e de Pantín, xa no veciño concello de Valdoviño. No edificio pódense visitar as antigas dependencias e almacéns para a vida dos soldados.



    Capela de Santo Antón de Corveiro.
A ermida de Santo Antón de Corveiro comezouse a construír en 1661. Está situada nunha contorna dende a que se contempla unha panorámica da entrada da ría. No interior, destaca o retablo barroco, procedente da igrexa parroquial. No campo que rodea á ermida atópase un cruceiro de pedra sepentina, que foi levado alí dende o antigo cemiterio de Cedeira.



    Garita da Herbeira. Con 620 m sobre o nivel do mar son os acantilados máis altos de Europa.
    Restos da antiga muralla. Cedeira estaba rodeada por unha muralla que xa está desaparecida case na súa totalidade. Aínda queda unha parte pequena que pode ser visitada e que pode dar idea do que era a Cedeira medieval.



    Campo do Castro. Aquí podemos ver un antigo castro que está situado sobre uns acantilados defensivos. Apréciase moi ben o antigo foxo. Tamén hai unhas antigas baterías que facían un conxunto coa fortaleza da Magdalena. Ate hai pouco aínda se podía ver un canón. A atalaia é un miradoiro natural da ria de Cedeira.



    Arquitectura mariñeira. Aínda poden atoparse edificios de tipoloxía mariñeira, como unha casa con soportal no comenzo da rúa Fernando Lago/Praza da Reitoral e dúas casas con balconada, Arriba da Ponte.
    Casas con galería. A vila de Cedeira foise estirando en liña coa beiramar e o río Condomiñas ata formar un paseo de casas con galería no dique do porto, que antes da construción do porto pesqueiro servía para o atraque de trincados e para a realización de traballos pesqueiros e a estiba de mercadorías.



    Escolas Indianas. Nas parroquias de Piñeiro e Esteiro a emigración transoceánica cedeirense en Cuba creou asociacións benéfico-asistenciais que financiaron no primeiro terzo do século XX tres escolas. Estas fundacións naceron da convicción de que a educación servía para a mellora económica e social e para a rexeneración da vida política.



    Praza do Peixe. Hoxe convertida en aparcadoiro. Sitio de venda do peixe ó lado do dique do porto. Lugar onde tamén se celebraba a festa da Padroa ata que foi trasladada á parroquia veciña de Piñeiro no medio dunha gran contestación social dos veciños da vila ó berro de "Queremos a festa na Praza do Peixe".



    Fonte da Pixana. Cunha estatua alegórica do verán.
    Fonte de Fernando Lago.
    Praza da Vila. Nesta praza encontrábase o tinglado e mais a casa reitoral coa súa fonte pública. Nos anos sesenta a praza e maila reitoral foron destruídas para construír un mercado que posteriormente tamén foi derruído.



Economía
     A economía de Cedeira está ligada ao mar a á transformación e comercialización de servizos. 



     Ten importancia na zona o sector forestal na explotación madereira de eucaliptos. En 2008 iniciouse a construción do Parque empresarial A Trabe.


Festas
Cedeira celebra as seguintes festas

    Maio: Romaría e Festa de San Isidro.
    Xuño : Romaria de Santo Antón de Corveiro patrón da Ribeira.
    Xullo: Curro da Capelada e Festa do Percebe. Carme de Regoa. San Fiz de Esteiro.
    Agosto: A Patroa, festa maior de Cedeira na honra da Virxe do Mar. San Roque de Reboredo. Lugnasad.
    Setembro. Festa en San Román. Festas de Santo André de Teixido.
    Novembro: Todos os Santos.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901