domingo, 13 de septiembre de 2020

CRUCEIRO PETO DO ACORDO - MAÑUFE - GONDOMAR

CRUCEIRO PETO DO ACORDO
MAÑUFE
GONDOMAR


    O seu significado vén da crenza na continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ao ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida (o purgatorio), moi arraigada na mentalidade popular galega.


     Dentro das construcións populares, os petos de ánimas son os que evidencian a importancia do purgatorio.


     A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo.


     Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. 



     Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de se asegurar a propia.


     Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar. Son moi curiosas as advertencias que se fan no seu nome.



     Por exemplo, no de Famelga de Aguasantas (Cotobade) lese textualmente: "Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás...".


     Tamén se invita a recordar os nosos antepasados: "Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o parientes o amigos".



     E, noutra parte do oratorio, apréciase esta inscrición:
"Rogad por nos, Señor, y socorrednos con vuestros sufragios que nos pidiremos por vos".


MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

sábado, 12 de septiembre de 2020

SARTEGO DA BRULLA - A BRULLA - PRADO - MORGADÁNS

SARTEGO DA BRULLA
A BRULLA
PRADO
MORGADÁNS


Sartego da Brulla
     No “concello” de Gondomar, preto do lugar de Prado e no lugar coñecido como A Brulla atópase esta tumba, escavada nun pequeno afloramento granítico de pouca altura, é de tipoloxía rectangular con medidas de 1,77 m. de lonxitude por 0,50m. de ancho


     A súa orientación vén dada pola rocha que serve de base, pero está moi preto do típico oeste-leste.


Prado
     Prado, tamén San Xosé de Prado, é un lugar da parroquia de Morgadáns no concello pontevedrés de Gondomar na comarca de Vigo. Tiña 279 habitantes no ano 2010 segundo datos do Instituto Galego de Estatística, dos cales 135 eran homes e 144 mulleres.


      Posúe unha capela na honra de San Xosé, polo que a diocese considérao a un anexo de Santiago de Morgadáns.


Morgadáns
     Santiago de Morgadáns é unha parroquia que se localiza no concello de Gondomar na comarca de Vigo. Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 1.255 habitantes (624 homes e 631 mulleres), distribuídos en 21 entidades de poboación, o que supón un aumento progresivo en relación aos anos 2004, cando tiña 1.229 habitantes, e 1999, con 1.160.


     Durante o antigo réxime formou un morgadío xunto ás parroquias de Chenlo (O Porriño) e Pazos de Reis (Tui).


       Pertenceu primeiro á xurisdición de Baiona para formar despois concello propio ata a distribución municipal definitiva de 1836, cando foi definitivamente integrada en Gondomar. Xa en 1844 hai constancia de que os veciños de Morgadáns, xunto ós da parroquia veciña de Chaín reclamaron infrutuosamente formar concello, con capital en San Roque de Morgadáns, hoxe un lugar desta parroquia.


      O 7 de agosto de 1932 constituíuse nunha das 9 entidades locais menores que existen en Galiza. Trala guerra civil suspendeu as súas actividades ata 1955. Entre os bens que xestiona destaca o monte do Galiñeiro.


Lugares de Morgadáns
     A Abelosa, Baralla, A Batizosa, O Camiño Branco, O Carballás, A Carballeira, Os Eidos de Abaixo, As Entreviñas, Ervillás, Gonda, Guillufe, Gulfar, O Lago, Murxido, Os Padróns, A Pedra, O Picouso, Prado, San Roque, Vilas, Viñó, Xende

VIDEO
MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

Fuente: Blog enricvillanueva.wordpress.com
XOAN ARCO DA VELLA

viernes, 11 de septiembre de 2020

O CALVARIO - VILAR DA PONTE - ANTEFOZ - CARTELLE

O CALVARIO
VILAR DA PONTE
ANTEFOZ
CARTELLE


Cartelle
     Cartelle é un concello da provincia de Ourense, pertencente á Comarca da Terra de Celanova. 


     Segundo o padrón municipal en 2014 tiña 2.944 habitantes (3.641 en 2003).


Xeografía
      O concello, de 93,94km², abrangue 12 parroquias. Está situado na cunca do río Arnoia, afluente do Miño. Está comunicado con Ourense e Celanova a través da estrada N-540. A capital está na aldea de Outomuro.


     O territorio é unha superficie de erosión desenvolvida entre as máximas alturas, situadas no extremos noroeste, Coto de Novelle de 718 metros e ó nordés situase o Alto do Castro con 635 metros. Ao sur, o Val do río Arnoia é a unidade xeográfica fundamental cara ao que aflúen numerosos emisarios.


     Trátase dun terreo escarpado e alterable, polo que os procesos de erosión evidéncianse na paisaxe; a abundancia de cursos de auga compleméntase cunhas multiplicidades de lombas e suaves montículos distribuídos por todo o territorio.


Climatoloxía
     En Cartelle, os veráns son curtos, cálidos e maiormente despexados e os invernos son fríos, mollados e parcialmente nubrados. 
 

     Durante o transcurso do ano, a temperatura xeralmente varía de 4°C a 28°C e de cando en cando baixa a menos de -1°C ou sobe a máis de 34°C.


Patrimonio relixioso
     A igrexa de Santa Baia de Anfeoz é barroca, cun grande campanario e pertencente no seu momento ao mosteiro de Celanova. No seu muro hai un peto de ánimas do mesmo estilo e que data do ano 1839.
     A igrexa das Marabillas, a igrexa, barroca, é de gran sinxeleza. A fachada principal atópase enmarcada en pilastras encostadas, sendo estas o único elemento ornamental. Sobre a porta sitúase un sinxelo frontón, lixeiramente insinuado nos súas volutas, en cuxo centro atopamos unha fornecina coa imaxe da Virxe. Na parte central elévase o campanario, de dous corpos e con contrafortes para alixeirar o seu peso, cuxo empuxe vertical contribúe a dinamizar a fachada. O seu interior destaca pola sinxeleza. No retablo maior sitúase a imaxe da Virxe vestida de dama.


     Igrexa de Sabucedo dos montes. Foi construída entre 1895 e 1924. Segundo moitos autores, a obra, abovedada constitúe un exemplo de estilo neogótico. No seu interior destaca o retablo maior.
     Igrexa de San Miguel de Espiñoso. É unha igrexa barroca construída en 1749 e ampliada en 1780. O seu corpo aparece cuberto cunha estrutura de cemento que substitúe a antiga cuberta de madeira. A capela maior presenta unha bóveda de crucería estrelada. A fachada finalízase cunha espadana e co escudo de armas dos Zúñigas e Biedamas. A decoración vexetal e a flor de lis nas partes inferiores dos capiteis estilizados das pilastras que flanquean a porta de entrada adscriben tipolóxicamente esta fachada ao Mestre Serapio. No seu interior conserva un retablo maior neoclásico así como dous retablos laterais un neogótico con relevos do século XVIII e outro do século XIX e XX.


     Igrexa de San Salvador de Sande. Edificio dunha soa nave, dividida en catro tramos separados por arcos de medio punto con contrafortes exteriores e capela maior individualizada e con acceso a través dun arco de medio punto. Ata a súa recente reconstrución, a nave estaba cuberta por un interesante artesanado. Na actualidade loce parte do mesmo. Ao exterior, no cara norte ábrese unha porta lateral moi decorada. A fachada, que presenta torre dun só corpo con balaustrada que permite o acceso ao templo por unha porta entre pilastras, remarcada con molduras en liña crebada. O tímpano, recto no seu parte superior aparece seguido por unha xanela que ilumina a sancristía. No seu interior destaca o retablo maior, de Castro Canseco do primeiro cuarto do século XVIII.
     Igrexa de Santa María de Cartelle. Datada no século XVIII, a igrexa de Santa María de Cartelle é de planta basilical con tres naves e outras tantas portas na fachada principal. No seu interior destaca un interesante retablo barroco. A igrexa pertenceu aos templarios, e estivo baixo a xurisdición de Quiroga (Lugo)


     Igrexa de Santa María de Mundil, foi construída entre os anos 1788 e 1791 e é o lugar onde foi soterrado o Padre Feijóo. Destaca a fachada barroca, dunha soa torre que se alza á dereita da fachada principal. A torre divídese en tres corpos, separados por balaustradas. A fachada principal posúe un curioso frontón, cuxas formas curvas contribúen á ornamentación do edificio.
     Igrexa de Santiago de Penela. Amorno de cronoloxía indefinida, con fachada finalizada en espadana. O seu interior con cobertura de madeira. Destaca o retablo maior, de finais do século XVIII, barroco. Os retablos laterais se embuten dúas pequenas imaxes de San Pedro (un no lateral dereito e outro no esquerdo) que destacan pola súa talla; ambas son obra barroca da segunda metade do século XVII.


     Igrexa de Santa María de Vilar de Vacas. Construída no século XVIII, xa que en 1718 fúndase unha Capelanía nesta freguesía de advocación á nosa Señora da Compaixón. Posteriormente o templo foi reconstruído no século XIX. Ao exterior, é unha construción simple finalizada en espadana. No seu interior, cuberto totalmente de madeira destaca o retablo maior, obra barroca da segunda metade do século XVIII.
     Igrexa de Santa María de Couxil. É unha Igrexa do século XVIII con cuberta de madeira e unha fachada simple con espadana de dous corpos. Ao exterior da igrexa, e cara ao final ao lado dereito, despois da sancristía destaca un ara romana con inscricións incrustadas na edificación


Arquitectura
     A ponte romana de Freixo (Penela) está declarada monumento histórico-artístico dende 1984, ao ano seguinte foi incluída no “Inventario de Pontes Históricas de Galicia”, e puido ser un dos ramais secundarios da Vía Nova do itinerario de Antonino. É ademais, xunto coa do río Bibei, a única enteriamente romana que se conserva en Galicia.
     A Ponte Nova sobre o Arnoia é dos séculos XVI e XVII.
     A torre de Sande é unha fortaleza medieval próxima xa ás terras do Ribeiro, declarada Ben de Interese Cultural. Foi doada ao mosteiro de Celanova por Alfonso VII, alcumado O Emperador, en 1141. Próxima a ela está a Casa de Outeiro, do século XVIII.


Patrimonio Natural
     Área recreativa de Ponte Nova. Enclave de gran beleza natural e paisaxística onde as augas do río Arnoia limitan os concellos de Cartelle e Ramirás.


Comarca da Terra de Celanova
     A comarca da Terra de Celanova é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Celanova. 


     A cal pertencen os concellos de A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea.

MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

MENHIR CABEZA DE SAN PEDRO - MONTE ACIBAL - A PICOTA - AMIL - MORAÑA

MENHIR CABEZA DE SAN PEDRO
 A PICOTA
AMIL
MONTE ACIBAL
MORAÑA


     É unha desconcertante escultura situada a 300 m de altitude na ladeira norte do monte Acibal que funciona como marco ou fito separador entre as parroquias de Rebón e Amil. 


     Está situada nunha faldra do monte, nunha forte pendente que dende o río Gundeiro sobe por unha devasa. 


     Crese que é da Idade de Bronce e presenta semellanzas con estatuas-lapa das illas de Córcega e Cerdeña. 


     Para esculpir a cara empregouse un tetón natural da laxa. 


     Os ollos están representados por dúas lixeiras fochas, o nariz por un suco en ferradura e a boca, algo inclinada, por outro suco mal trazado. 


     Descubriuna en 1962 o mestre Carlos Paratcha.


Moraña
     Moraña é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. 



     Segundo o IGE no 2014 tiña 4.362 habitantes. O seu xentilicio é «morañés».


Xeografía
     Ten unha superficie de 41 km², repartidos entre 9 parroquias. Atópase situado na zona intermedia entre a chaira litoral e as terras altas da provincia.



Patrimonio
     Entre o seu patrimonio destaca a Lapa de Gargantáns, elemento central do escudo municipal. Trátase dun menhir situado na parroquia de Gargantáns e datado no Neolítico, de 192 cm de altura e 50 de diámetro, con forma cónica e base cadrada. Na súa superficie aparecen unha vintena de cazoletas gravadas, xunto a varias marcas en forma de ángulo e dúas liñas serpenteantes. É o motivo principal do escudo do concello de Moraña. 


VIDEO
MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

 Fuente: Concello de Moraña
XOAN ARCO DA VELLA