martes, 24 de abril de 2018

PONTE DE FILLABOA - SALVATERRA DE MIÑO - RÍO TEA

 PONTE DE FILLABOA
RÍO TEA
SALVATERRA DE MIÑO


Ponte de Fillaboa
     A ponte de Fillaboa é unha ponte baixo-medieval de orixe romana situada na parroquia de San Lourenzo de Salvaterra, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño. 



     Atravesa o río Tea no antigo camiño que unía as vilas de Ribadavia e Tui. É a máis próxima da desembocadura das catro pontes centenarias do río Tea, xunto á de Cernadela, á dos Remedios, e á das Partidas. O nome de Fillaboa débese a unha grande insua do Miño que se atopa a dous quilómetros abaixo da ponte, na desembocadura do Tea.



Descrición
     Esta ponte en arco é, malia a existencia de grandes vans, de aparencia ruda e maciza. Atravesa o río Tea, e está feita en fábrica de cantaría de perpiaños de pedra de gra. A lonxitude total do taboleiro é de 70 metros e posúe catro luces de diferente tipoloxía e talle, das cales tres arcos fican sobre o curso do río, o central (o maior de todos) de volta perfecto cun lixeiro apuntamento; a altura no punto central acada os 11 metros; os piares deste arco posúen augas arriba dous grandes tallamares (con grandes fendas antes da restauración). 



     Á beira do arco central aparecen dous arcos oxivais máis pequenos; e nun dos extremos da ponte un cuarto arco tamén apuntado como aliviadoiro para as enchentes; o caudal, xa importante de por si, chega a ser moi intenso polo outono e inverno, xa que non hai encoros para regular a auga. 


     A calzada do taboleiro de rasante alombada e 4,5 metros de largo, conserva o chan de laxes de granito altomedieval, en contraposición á ponte das Partidas, que foi desprovista das súas antigas laxes. Posúe un peitoril de pedra.


Historia
     A orixe da ponte é romana, e xunto ás outras pontes do Tea: das Partidas e dos Remedios, servía de paso para a Vía XX que unía as capitais da Gallaecia: Asturica Augusta con Bracara Augusta. Disque os romanos foron os que introduciron o viño no Condado. 



     Na Idade Media a ponte sofre deterioración polas enchentes do Tea, ficando en ruínas.


     O 2 de novembro de 1615 preséntanse perante Diego de Orozco, correxedor da vila de Baiona, as condicións dadas por Gaspar de Arce Solórzano (daquela aparellador da Catedral de Santiago de Compostela) para a reconstrución da ponte. 


     A ponte actual data logo do século XV e non queda vestixio ningún da época romana. Salvaterra de Miño era daquela unha vila estratéxica por se atopar na raia creada entre Galicia e Portugal, mostra disto era a existencia do castelo e do desaparecido Forte de San Lourenzo; a ponte era unha das entradas á vila e obxectivo dos ataques lusos, polo que á beira desta erguéronse algúns recintos fortificados, hoxe case desaparecidos, para evitar o paso cara a Tui. 


     Durante a Guerra de Restauración portuguesa, no século XVII, sufriu diferentes reconstrucións, sendo a de 1615 a máis salientábel. En 1643 Salvaterra pasa, de feito, a pertencer á coroa portuguesa.


     No documento de Gaspar de Arce fálase dunha ponte de cinco arcos no canto dos catro actuais, deles, o central era de 35 pés de alto, e os laterais de 24 e 12 pés respectivamente, e mais dous arquiños para desaugamento. Nos catro piares centrais atoparíanse catro estribos con punta tusa e triángulo para que corten e desvíen a forza da auga" e augas arriba outros tres estribos das mesmas características (hoxe só atopamos dous augas arriba). 


     Sobre eles disporíanse dez desvíos para facilitar o paso dos carros e as xentes. A obra completaríase coa reconstrución da calzada e a edificación dos paredóns augas arriba e augas abaixo...a ponte debe ser de bo perpiaño de granito, sen barro nin seixos. A ponte actual é algo diferente.


     O custo da obra foi de 1.500 ducados, pagados en quintas partes. Gaspar de Arce Solórzano estaba daquela á fronte das obras da capela de San Xacinto, no convento de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela, polo que é posíbel que delegase este traballo en Domingo Alvarez, aparellador do mosteiro de San Martiño Pinario.



     A deterioración dos últimos anos levou á Xunta de Galicia a lle conceder ao concello de Salvaterra de Miño unha partida orzamentaria no ano 2014 para a súa consolidación e restauración.


Estado de conservación
     O estado xeral de conservación é regular. No ano 2014 a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia concedeulle unha partida orzamentaria de 117.000 € para a súa restauración e consolidación. 



     No proxecto procederase a consolidar e recalzar a cimentación do piar número 2, a reparación do tallamar deste piar, así como asegurar a estabilidade da bóveda número 2 mediante un tirante. O Concello de Salvaterra tamén planea a habilitación e acceso á insua de Fillaboa.

MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

lunes, 23 de abril de 2018

PONTE DE DA SENRA - RÍO TEMES - RIBARTEME

 PONTE DA SENRA
RÍO TEMES
RIBARTEME
AS NEVES


PONTE DA SENRA
     Ponte Romana sita sobre o río Termes, incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia co código GA36034048 e igualmente recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC).


     Esta ponte conta cun arco de medio punto dunha altura de 3,50 metros. 


     A lonxitude total da ponte é de 14 metros e o seu ancho de 3,30 metros. 


       Está realizada con pequenos sillares de distinta tipoloxía e perfección, situándose os máis perfectos no arco.


     Ademais de resultar un atractivo por si mesma, atópase nun valioso conxunto etnográfico, conformado por muíños e un peto de ánimas. 


     Dise que por ela xa pasaba a raíña Isabel de Portugal, na súa peregrinación a Santiago de Compostela. 


     Hoxe en día esta ruta é coñecida como o Camiño dos Frades.


Lenda
     A lenda conta que toda muller cun embarazo complicado, debía achegarse á ponte e deitarse debaixo dela, á espera de que chegaran un home e unha muller, que posteriormente serían os padriños do neno. 



     Estas persoas terían que acudir a xunto da rapaza e botarlle auga sobre o abdome. 


     Durante este proceso, ningún animal podería cruzar a ponte para que o feitizo fora efectivo polo que, co motivo de tentar evitalo, a cada lado da ponte se situaría algún familiar da futura nai. En caso contrario muller abortaría.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
 Fuente: Concello de As Neves
XOAN ARCO DA VELLA

domingo, 22 de abril de 2018

SANTUARIO DA PEÑA DE FRANCIA - PARADA DE ACHAS - A CAÑIZA

SANTUARIO DA PEÑA DE FRANCIA
PARADA DE ACHAS
A CAÑIZA


 Parada das Achas
     Santiago de Parada das Achas é unha parroquia que se localiza no sur do concello da Cañiza na comarca da Paradanta. 

 

     Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 397 habitantes (194 mulleres e 203 homes) distribuídos en 53 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 830 habitantes.


Lugares de Parada das Achas
   A Aldeíña, O Arendo, O Barreiro, A Bidueira, A Bouza, Briabí, Os Bruñeiros, O Cabo, Os Cachete, As Caldas, A Cigarreira, A Costa, A Costeira, O Coto, O Cruceiro, A Cruz, A Cuqueira, O Feal, O Feirón, Ferredo, Figueiras, Folgoso, O Formigueiro, A Frangosa, A Ibia, A Igrexa, A Lameira, A Miranda, Nocelláns, Novás, O Pardiñeiro, A Pereiriña, As Poldras, A Ponte Parada, A Ponte, As Portaleiras, A Portela, A Pousa, A Retorta, A Reza, O Rial, As Seixeiras, Sotorraña, O Torgo, As Touciñas, O Touzal da Retorta, O Touzal do Barreiro, A Uceira, Ventana, Vilamide, Vilanova, Vilariño, Visticovo



A Cañiza
      A Cañiza é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca da Paradanta. 



     Segundo o IGE no 2014 tiña 5342 habitantes (6719 en 2003), incluídas 126 persoas de orixe estranxeira.


Toponimia
     A Cañiza é un dos poucos topónimos castelanizados de Galicia aínda vixente e que así consta no Nomenclátor oficial de Galicia. Desta forma deriva o xentilicio cañicense.



      A Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia estableceu, de feito, que o nome correcto e orixinal era A Caniza, forma aínda viva entre algúns habitantes das parroquias do concello. Non obstante, durante as dúas lexislaturas de Alberto Núñez Feijóo ao cargo do goberno galego non se executou a aprobación por parte do Consello da Xunta de dita modificación.


      O topónimo orixinal fai referencia ás primeiras construcións na zona: casetas ou canastros feitas de canas entrelazadas e colmados (coñecidos na zona coma canizos ou canizas) e ergueitas polos veciños de Valeixe.


Xeografía
     Limita ao norte cos concellos de Covelo e Melón (este da provincia de Ourense), ao sur con Crecente, Arbo e As Neves, e ao oeste con Salvaterra de Miño, Mondariz e Covelo.



     O seu relevo é accidentado, pois está situado entre unha zona de monte baixo da serra do Faro de Avión (situada ao nordeste) e o val do río Deva (ao sur). A maior altitude acádase no Alto da Cruz (1095 m).


     A súa rede hidrográfica está formada polos ríos Uma (afluente do Tea), Ribadil e Deva (afluentes do Miño).


     Climatoloxicamente está situada en transición entre o clima oceánico e o mediterráneo, segundo a zona.


Historia
      Na zona habitou a tribo dos oestrimnios, que foron expulsados polos celtas. Da cultura megalítica quedan diversos restos, como os complexos rupestres de Laxiña das Cruces, Coto da Regueira do Valiño e Casiñas dos Mouros, os complexos megalíticos con gravados de Tomada de Estremadoiro e Coto da Vella, e os complexos megalíticos de Guntín, Aráns, Casiñas dos Mouros e A Cañiza.



      Durante a Idade de Ferro o lugar estivo posiblemente habitado polos grovios. Daquela época quedan o castro de Grades, o castro de Monte Coto do Castro, o castro de Coto das Cavadas e o castro de Barreiros.


      Logo da romanización as terras do concello foron enmarcadas no conventus Bracarensis. Na Idade Antiga, tralo I Concilio de Braga, as terras quedaron adscritas á diocese de Tui. O mosteiro da Franqueira posiblemente teña a súa orixe nunha ermida do século VI, da época de Martiño de Dumio.


     No século IX, durante o reinado de Afonso II de Asturias, as terras do castelo de Sobroso, ao que pertencía o val de Achas, foron incluídas no reino de Galicia.


      En 1056 Fernando I dá un privilexio do mosteiro da Franqueira, as súas terras e moradores ao abade Alvito e os monxes beneditinos. En 1147 Afonso VII outorga ao abade Odoario e aos monxes o dereito de coto. En 1293 a orde do Císter constrúe a igrexa de Santa María. Paio de Soutomaior, señor de Salvaterra, doou as terras dos cotos da Franqueira, O Cebreiro, Uma, Sendín e Pintelos, doazón que confirmaron Xoán I e Henrique III. O mosteiro desapareceu como tal en 1835, trala desamortización de Mendizábal.


     A vila da Cañiza aparece documentada por primeira vez en 1583. As primeiras edificacións foron canastros (que nesta zona reciben o nome de canizos) feitas polos veciños de Valeixe para atender os cultivos da zona. Logo de construírse a capela do Doce Nome de Xesús, en 1790 o bispo de Tui, Domingo Fernández Angulo, erixiu A Cañiza como parroquia adxunta á de Valeixe, separándose definitivamente en 1815.


Parroquias da Cañiza    
     As Achas (San Sebastián), A Cañiza (Santa Teresa),  O Couto (San Bartolomeu), A Franqueira (Santa María), Luneda (Santa María), Oroso (Santa María), Parada das Achas (Santiago), Petán (San Xián), Valeixe (Santa Cristina)



Comarca da Paradanta
     A comarca da Paradanta é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra. A ela pertencen os concellos de Arbo, A Cañiza (a súa capital), Covelo e Crecente. 



     Limita ao norte coas comarcas de Vigo e do Ribeiro, ao leste con esta última e coa de Terra de Celanova, ao sur con Portugal e ao oeste coa do Condado. 


     Ocupa unha extensión de 333,3 quilómetros cadrados e contaba cunha poboación de 13.226 habitantes no ano 2014.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA