sábado, 9 de septiembre de 2017

MUSEO DE RANDE - MEIRANDE - REDONDELA

MUSEO DE RANDE
"MEIRANDE"
REDONDELA


Centro de Interpretación de Rande
     O Centro de Interpretación da Batalla e do Patrimonio Cultural de Rande, o Meirande, ten como misión sensibilizar e concienciar á cidadanía da enorme riqueza non só artística, senón tamén, socio-cultural e paixasística da zona; e ante todo a necesidade da súa posta en valor.



MEIRANDE
     Meirande presentarche unha viaxe, unha viaxe cara ao pasado, cara tempos que xa se perderon da memoria das persoas e quedaron só impresos nos libros. 



     Tempos de persoas coma nós, que sufrían o día a día e loitaban para sobrevivir nunhas sociedades e mundos distintos ao o noso de hoxe en día.


     O Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural de Rande, o Meirande, ten como misión sensibilizar e concienciar á cidadanía da enorme riqueza non só artística, senón tamén, socio-cultural e paixasística da zona; e ante todo a necesidade da súa posta en valor. 


     Agardando, ademáis, que sexa un punto de encontro e de conexión directa coa veciñanza a cal poida verse reflectida no proxecto, aumentando deste xeito o carácter identitario do mesmo.


Batalla de Rande
     Entre a tarde e a noite do 23 de outubro de 1702, a baía de Vigo foi escenario dun dos combates marítimos máis feros da historia. A Batalla de Rande supuxo unha gran derrota sufrida polos partidarios de Felipe V, neto do poderoso rei de Francia Luís XIV, dentro do contexto da Guerra de Sucesión.



     Aínda que o Imperio Español iniciara xa a súa decadencia, as súas inmensas posesións eran cobizadas por todos aqueles países que ambicionaban o dominio na política internacional. 


     Por aquel entón, o Imperio Español monopolizaba o comercio con América: as carreiras das Indias. A Frota da Prata halara o ferro o 24 de xullo da Habana ao mando de Manuel de Velasco, cun dos maiores cargamentos de prata e outras ricas mercadorías xamais transportadas. 


     Á altura das Azores a frota, acompañada pola escuadra francesa, dirixida polo marqués de Châteaurenault, reciben a noticia do ataque a Cádiz, o seu porto de destino, polo que optan por un caladoiro máis seguro para a descarga: a Ría de Vigo.


     Logo da sinatura en 1702 do pacto de alianza entre Austria, Inglaterra e Holanda, parte de Inglaterra unha grande frota coa intención de ocupar o máis importante enclave estratéxico do Mediterráneo: Cádiz. 


     A frota está dirixida polo almirante Sir George Rooke, mentres que as operacións terrestres desa campaña dirixíaas o Duque de Ormonde. A tenaz resistencia da cidade de Cádiz fai desistir aos mandos da frota anglo-holandesa e Rooke reembarca as súas tropas cun profundo sentimento de derrota. Preto xa da Ría de Vigo, un navío procedente de Portugal infórmaos da presencia da Frota da Prata na nosa baía e deciden mudar de rumbo coa idea de que tal vez non todo estivese perdido.


     O 23 de outubro, contra as dez da mañá, o Duque de Ormonde desembarca en Teis con 2.000 homes, e Churchill fai o mesmo en Domaio co obxectivo de atacar os fortes de Corbeiro e Rande, ante os ollos das mal preparadas milicias civís, as únicas tropas dispoñíbeis en Galicia, xa que os terzos combatían en Italia. 


     As escuadras da Alianza irrompen na enseada aproveitando o vento de popa, o Torbay rachou coa barreira e pouco despois entrarían o resto dos buques sementando o terror entre franceses e españois. O Marqués de Châteaurenault resiste o máximo, e ante a imposibilidade de manobra ordena incendiar a frota para evitar que caia nas mans do inimigo.


     Dende entón 23 buques xacen no fondo da enseada.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
Fuente: Concello de Redondela
XOAN ARCO DA VELLA


viernes, 8 de septiembre de 2017

A CASA ESCUSALLA - LUDEIROS - LOBIOS

A CASA ESCUSALLA
LUDEIROS
LOBIOS
OURENSE


     A Escusalla é unha edificación feita a base de perpiaño granítico nunhas partes, e cachotaría noutras.


     Revélase como un edificio de dúas alturas, dividido en numerosas estancias. Posúe un gran patio interior no que atopamos dúas escaleiras, unha a cada lado da casa. Na fachada posterior podemos ver unha magnífica balconada con repisa sobre canzorros de perfil de modillóns, aínda que cuberta pola maleza.


     Na entrada principal atópase unha pequena capela ben conservada adicada a San Xosé, como reza a inscrición que aparece no lintel da porta de entrada: “SANTORUM D JOSEPH”.



   Segundo a documentación que hoxe en día se conserva ( Libro de Visitas Pastorais a Manín do 10 de setembro de 1831 e o Real de Eclesiásticos do Catastro de Ensenada de Traspórtela do 22 de agosto de 1753), a Casa da Escusalla foi construída a principios do século XVIII polo Abade de Manín, Don José Martínez y Parga, un párroco cun alto poder económico e que se cre pertenceu á Inquisición, como reitoral. Trala súa morte pasou duns clérigos a outros ata que, coa Desamortización de Mendizábal, caeu en mans privadas.



     Sobre a capela da entrada o Abade Martínez y Parga fundou unha Capelanía Colativa titulada de San Xosé. As Capelanías Colativas caracterizábanse pola intervención eclesiástica na súa fundación e a “espiritualización” dos bens sobre as que estaban fundadas.



     A día de hoxe a Casa da Escusalla é propiedade da Administración Xeral do Estado nun 75%, e o 25% restante está en mans privadas.



     A principios do século XX un canteiro de Padrón adquiríu a vivenda, e en 1931 hérdana os seus catro fillos. Tres mantiveron a titularidade, a que agora está en mans da Administración, pero o cuarto vendeu a súa parte por 1.750 pesetas e un traxe novo. Foi nese momento cando a casa perdeu a súa habitabilidade.



Tradición oral:
     Existen infinidade de lendas e contos relacionados coa Casa da Escusalla: Coméntase que neste lugar era habitual a práctica de bruxería e torturas.



     Segundo contan, o último habitante da casa foi un policía portugués ao que lle chamaban Tío Roque. Este home dicía que vira un fantasma dun freire cunha xiba con dúas monxas. Ao fantasma chamábanlle “Marrequiño”(chamado así porque tiña corcova) e contan que era un freire que viviu alí no S.VIII e se adicaba a matar aos xornaleiros portugueses que contrataba para non ter que lle pagar e logo enterrábaos no patio. Despois volvía contratar outra xente e volvía a matar. Cando en Portugal lle preguntaban polos anteriores traballadores, dicía que fuxiran.



     Outra versión di que era o Marrequiño quen mataba a xente que contrataba para a vendima.



     Nas noites que non hai lúa chea é posible ver as ánimas destes homes. Trala morte do policía portugués, uns vagabundos portugueses, despois de pasar unha noite alí contaron tamén que viran certas aparicións. Tamén se fala que durante as noites de lúa chea, pódense ver varios freires paseando pola casa e orando nas diferentes estancias. 



     Noutra variante, ese mesmo freire aparece con dúas damas vestidas de branco e que invita a todos os que pasean por alí a que no volvan. De feito un home que foi alí, veciño do lugar, díxolle a un estudoso de Santiago de Compostela que esquecera unha machada e cando regresou a recuperala a ánima reprendeulle.


     Nunha noite pechada e sen lúa, un home que baixaba para Aceredo alá polos anos 50, moito antes de que chegase a luz eléctrica a este lugares (se ben hai que resaltar que aínda hoxe non hai luz nesta paraxe) ou se coñecera aparato que puidese producir unha enorme cantidade de enerxía, este home cando pasaba por diante da casa atopouse co patio completamente iluminado cunha luz tan forte, que lle resultaba cegadora, unha luz que subía cara o ceo coma un raio, e que o fixo acanear, pero ante a cal non se detivo e continuo o seu camiño.



     Outra historia ten que ver co traslado dun cadaleito dende Ludeiros ata o cemiterio de Aceredo. Polo visto os homes que portaban a caixa, cando se achegaron á Escusalla, comezaron a non poder co peso e remataron por quedar derreados.



     A un veciño de Ludeiros, nunha noite que retornaba polo camiño cara a súa casa, logo de moito andar e estar un tanto canso, atopouse ao carón da Escusalla un burro, e o que se lle ocorreu é que podía chegar antes se montaba a cabalo do animal e o guiaba camiño arriba, pero polo visto tal e como relatou o tal personaxe, é que o burro comezou a medrar e medrar, que mesmo semellaba un monstro ou como dicía el, semellaba parecer o diaño.



     Nunha noite de verán, subía un home novo cara Ludeiros logo dunha xornada de fiadeiro en Aceredo, este home que destacaba por non ter medo a nada, ao chegar ás inmediacións da Escusalla, fronte do patio interior onde asoma un enorme balcón de pedra, detívose a ollar para Buscalque (lugar desaparecido polas augas do encoro de Lindoso, xusto entre esta aldea e Os Aguinchos, zona de praia do Río Limia), tiña fama de ser un lugar onde se xuntaban as bruxas para celebrar os seus aquelarres, e atendendo ás súas explicacións comezou a ver como voaban aquelas bruxas nas súas vasoiras, como danzaban en col a unha grande fogueira e a festa que alí se vivía resultaba tentadora, pero por se fose pouco, díxo que o viu con tal claridade que é coma se o tivese ao lado, e cando menos en liña recta, había uns tres quilómetros. Pero non deixou de ser máis que unha ilusión, pois cando subiu da casa da Escusalla cara Ludeiros, xa non era capaz de albiscar algo do visto minutos antes.



     Outra das lendas que circula no lugar é a de que en certa ocasión viña unha veciña de Compostela guiando o carro das vacas logo de descargar un viaxe de esterco nunha leira que tiña nas proximidades, e cando encarreiraba o camiño cara o lugar, ollou para unha das fiestras que dan para o camiño e viu a pantasma dun crego, a muller chegou á casa a tremer, e co impacto do que tiña visto non articulaba palabra, ata que pasado un tempo contou o que lle tiña acontecido.



     Tamén circulan comentarios sobre a posibilidade de que exista un túnel que dende a casa chegara ata as inmediacións do río Mao, pois hai quen afirmou que unha vez cando ía acompañando a auga para regar un campo, esta perdeuse por un burato no que se sentía como caía nun espazo oco de pedra.



     Nos anos noventa, aínda baixaba algún que outro veciño a coller o coche de liña á estrada nacional, e un deses días un pai que tiña acompañado a súa filla, de volta para Ludeiros, cando aínda era de noite, ao pasar pola Escusalla ollou algo que o estremeceu, algo que xamais contou.


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
 Fuente: Web Patrimonio Galego
XOAN ARCO DA VELLA

jueves, 7 de septiembre de 2017

CENDÓN - SEIXIDO - A LAMA

 CENDÓN
SEIXIDO
A LAMA


 Seixido
     San Bartolomeu de Seixido é unha das parroquias do concello da Lama. Segundo o padrón municipal de 2011 tiña 347 habitantes (182 mulleres e 165 homes), distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 374 habitantes.



Lugares da parroquia de Seixido
     Cabalar, O Campo, Carreiro, Casavella, Cendón, A Fentosa, A Gaiola, Pumar, O Seixido



A Lama
     A Lama é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. Segundo o IGE en 2016 tiña 2587 habitantes. Padrón municipal de 2003: 2957 habitantes. O seu xentilicio é lamense.



Xeografía
     O concello, de 117,76 km², está situado na serra do Suído, no leste da provincia de Pontevedra, a uns 25 km da capital provincial. Limita ao norte con Beariz (provincia de Ourense), Forcarei e Cerdedo-Cotobade, ao sur con Fornelos de Montes, ao leste con Avión e con Beariz (ambos os dous na provincia de Ourense) e ao oeste con Ponte Caldelas e con Cerdedo-Cotobade.



     Na súa extensión tópanse os seguintes montes de máis de 1000 metros:
     O Coto da Puza - Xesta   -  1035 m
     A Portela dos Xarotos - Xesta  -  1025 m
     A Pedra da Letra - Xesta   -  1019 m
     O Coto dos Pusallos - Xesta   -  1007 m
     O Foxo do Lobo - Xesta  -  1001 m
     O Seixo - A Barcia do Seixo  -  1000 m



     Outras elevacións importantes son Santa Mariña (993 metros) ou o Cando (968 metros).


Comunicacións
     A principal vía de comunicación é a PO-255 (que comunica con Ponte Caldelas e que permite chegar a Pontevedra e a PO-235 que une o concello con Carballedo, capital do municipio de Cerdedo-Cotobade.



Demografía
     Segundo o INE no 2015 vivían 2670 persoas no municipio, o que supón unha caída de case o 10% respecto ao 2010, cando tiña 2966 habitantes.



     A pirámide poboacional é a dun concello rural galego. É dicir, a poboación é avellentada. Pero recentes campañas municipais para atraer residentes ao termo municipal, conseguiron manter o censo. De todas as maneiras, segue sendo inferior ao censo de 1995 (cando vivían 3.517 veciños).


 
     A poboación do municipio está bastante diseminada nas 10 parroquias do concello. Mais a parroquia capital é con notoriedade, a máis poboada.



Historia
     Consérvanse restos arqueolóxicos das culturas megalíticas, como as mámoas de Portela da Cruz, O Seixo, O Suído, e Antas. Da idade de bronce atopouse na Lama unha espada de tipo argárico de hai 3500 anos, e en Verducido e no castro de Gaxate varias hachas de bronce. Desta idade son os gravados rupestres en Chan do Campo, Outeiro Seixiño, Val do Gato, e Laxa das Puzas (Verducido). Hai tres castros identificados: o monte do Castro en Gaxate, o monte do Castro na Lama, e o castro de Xende.



     Na época medieval a zona norte foi colonizada polos monxes do mosteiro da Armenteira a partir do século XV, e o resto pertencía aos señores de Soutomaior, que contaban cunha fortaleza en Fornelos.


     Nos séculos XVII e XVIII aumentou a poboación e a gandería pola introdución do millo, e a pataca procedentes de América. Coas mudanzas que implicaron na agricultura, comezou a desaparecer a emigración a Castela dos temporeiros para a sega do trigo en verán, e aumenta a construción de camiños, igrexas, pazos e pontes. Desta época son as pontes de Verducido sobre o río Parada, a do antigo camiño de Ribadavia a Pontevedra e o de Liñares.


     A emigración a América dos séculos XIX e XX fixo posible a compra das terras aos nobres e a construción de edificacións educativas e centros de beneficencia.


     En 1998 inaugurouse o centro penitenciario da Lama.


Turismo
     A Lama conta coa ruta homologada de sendeirismo PR-G 135 "Roteiro da Escuadra".



     É unha ruta sendeirista lineal de 7 km, entre o Peso (A Escuadra) e a área recreativa de Santa Mariña, na Serra do Cando.


     Na Serra do Suído atópanse os singulares chozos.


Parroquias da Lama
     Antas (Santiago), A Barcia do Seixo (Santa Ana), Covelo (San Sebastián), Escuadra (San Lourenzo), Gaxate (San Pedro), A Lama (San Salvador), Seixido (San Bartolomeu), Verducido (San Martiño), Xende (San Paulo), Xesta (San Bartolomeu)



Comarca de Pontevedra
     A comarca de Pontevedra é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Pontevedra. 



     Pertencen a esta comarca os concellos de Barro, Campo Lameiro, Cotobade (fusionado co concello de Cerdedo, da comarca de Tabeirós-Terra de Montes), A Lama, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa. No 2012 tiña 124.094 habitantes.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA