domingo, 7 de marzo de 2021

EIRA DA CANTEIRA - BEARIZ - OURENSE

EIRA DA CANTEIRA

BEARIZ

OURENSE


Beariz
     Beariz é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Carballiño. 

     Segundo o Padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2018 era de 973 persoas (1477 en 2003).

     Limita cos concellos de Forcarei e A Lama na provincia de Pontevedra e Boborás, O Irixo e Avión na provincia de Ourense. O seu xentilicio  é bearizao ou bearicense.

Xeografía
     O concello limita ao norte co concello de Forcarei (provincia de Pontevedra), ao leste co Irixo e Boborás, ao sur con Avión e ao oeste coa Lama (provincia de Pontevedra).

     Ten unha altitude media de 610 m, e as súas augas verten no río Avia, afluente do Miño, sendo os seus vales abertos e orientados cara ao sur, con máis horas de Sol. Os seus cumios máis altos son Marcofán (940 m), o alto da Ruza (868 m) e a cima de Santo Domingo (848 m, lindando con Trasdomonte, en Forcarei). Todos eles pertencen á serra do Suído.

Arqueoloxía
     No concello consérvanse máis dunha ducia de mámoas, monumentos neolíticos tamén chamados antas. Destes restos provén o nome do lugar das Antas, lindante co concello do Irixo. 

     Con menos de 20 casas, chegou a formar parte de tres parroquias (Lebozán, O Regueiro e O Regueiro) tres dioceses e tres concellos distintos (Beariz, Boborás e O Irixo).

     Da idade de bronce non hai vestixios, pero puido ser moi rica e florecente, dada a cantidade de metal que existe nos montes de Beariz. Da Idade de Ferro salienta o castro de Magros, onde se encontraron restos de cerámica e pedras de moer gran. Da romanización consérvase parte dunha calzada romana e unha ponte sobre o río Verdugo.

     Na idade media, Beariz, ao igual que toda a Terra de Montes, foi gobernada polos arcebispos composteláns a través dos Xuíces-Meriños, nomeados por eles, e que tiñan a súa sede e residencia no castro de Montes, en San Miguel de Presqueiras, onde había unha fortaleza e unha torre, das que hoxe só quedan ruínas.

     Na Serra do Suído atópanse os singulares chozos.

     Na actualidade o concello sofre un proceso de retorno de emigrantes, especialmente de México. Moitos deles regresan con grandes capitais, tratándose este dun dos concellos coa renda per-capita máis alta de Galicia.

Recursos naturais
     No concello hai minas de de volframio e estaño, se ben ningunha está activa na actualidade. Durante a Segunda Guerra Mundial, axentes dos dous bandos buscaban non só apropiarse do necesario para a fabricación de pezas de artillería, senón tamén deixar ao outro bando sen esas materias primas. Así, o volframio acadou prezos moi altos, aproveitando moitos comerciantes para cobrar grandes comisións, mudando moita xente o seu oficio polo de mineiro. No concello vendíase como propio volframio obtido nas minas de Silleda, onde os labradores venderan a súa terra.

     As minas de estaño deron pé á industria dos fornos de fundición, fornos artesáns que fundían o metal mesturado con pedra recollida nas minas da contorna para elaborar lingotes. Os propietarios mercaban directamente aos mineiros segundo a calidade do material e a forma de pago, pero sempre a un prezo moi superior ao marcado polo goberno.

     A explotación das minas foi levaba a cabo non só por compañías, senón tamén por particulares, e nas escombreiras os nenos e mulleres recollían os restos do metal, que unha vez lavado no río achegaba ás familias unha axuda ben importante durante a posguerra.


Parroquias de Beariz    
     Beariz (Santa María), Lebozán (Santa Cruz), Xirazga (San Salvador)


Comarca do Carballiño
     A comarca do Carballiño é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é O Carballiño. Pertencen a ela os concellos de San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside, Piñor e Punxín.


Poboación
     No ano 2014 tiña 27.979 habitantes, deles 13.304 eran homes e 14.675 mulleres.  

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube


XOAN ARCO DA VELLA

EIRA DE PAREDES - PAREDES - SERANTES - LEIRO

 EIRA DE PAREDES

PAREDES

SERANTES

LEIRO

Paredes
     Paredes é un lugar da parroquia de Serantes no concello ourensán de Leiro na comarca do Ribeiro. 

     Tiña 98 habitantes no ano 2011 segundo datos do INE e do IGE, dos cales 47 eran homes e 51 mulleres.


Serantes
     San Tomé de Serantes é unha parroquia do concello de Leiro, na provincia de Ourense. 

     Segundo o IGE en 2013 tiña 155 habitantes (79 mulleres e 76 homes), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 230 habitantes.

Lugares de Serantes
     Paredes, Sa, San Tomé de Serantes, Suigrexa

Leiro
     Leiro é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Ribeiro. 

     Segundo o Padrón municipal de habitantes no 2015 tiña unha poboación de 1.630 habitantes, o que representa unha diminución constante respecto ós anos 2004, cando tiña 1.940 habitantes, e 2003, con 1.967.

Historia
     Xa no século VI, existía nestas terras unha próspera comunidade agrícola. En 928 os condes Álvaro e Savita fundaron o mosteiro de San Clodio, cedido á Orde de San Bieito xunto con gando e terras nas marxes do río Avia. No século XIII incorporouse á Orde do Císter, época de máximo esplendor. No século XIX foi desocupado, coa desamortización de Mendizábal.

     Outras terras do concello foron administradas por Berán, Lamas, Serantes e Orega, condes de Ribadavia, e as terras de Gomariz pertencían ao mosteiro de Sobrado dos Monxes.

Patrimonio
     No concello atópase o mosteiro de San Clodio que se remonta ao século VI e que na actualidade converteuse nun hotel monumento de catro estrelas.

     A arquitectura románica aparece nas igrexas parroquiais de Santa María de Lamas, San Tomé de Serantes (cun baldaquino gótico no seu interior), Gomariz e Lebosende (con fachada gótica do século XVI). A igrexa de San Breixo de Berán é barroca, do século XVIII, con restos renacentistas e un escudo dos Sarmiento na fachada. A capela de San Pedro, en Leiro, é de mediados do século XVII.


Patrimonio natural

     Salienta Pena Corneira, un espazo declarado monumento natural, onde atopamos formacións rochosas senlleiras e un importante patrimonio natural.

Parroquias de Leiro
     Berán (San Breixo), Bieite (Santo Adrao), Gomariz (Santa María), Lamas (Santa María), Lebosende (San Miguel), Leiro (San Pedro) | Orega (San Xoán), San Clodio (Santa María), Serantes (San Tomé)


Comarca do Ribeiro

      A comarca do Ribeiro é unha comarca galega situada na provincia de Ourense no curso medio do río Miño, que a percorre de nordeste a suroeste.

     A súa capital é Ribadavia, e a ela pertencen os concellos da Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia. Dálle nome ao viño do Ribeiro.

     Ocupa unha superficie de 407,1 km², nos que viven 16.547 habitantes (2017). 

     Por ela transcorren tamén os ríos Arnoia e Avia. O Miño está represado nos encoros de Castrelo de Miño e da Frieira. 

     Existen varios balnearios que aproveitan as augas. Desde a Serra do Suído e Faro de Avión, ao oeste, onde se chega ao 1.000 m de altitude, o relevo descende até só 97 m en Ribadavia e Arnoia. 

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA


PONTE DE CAEIRO - RÍO RONS - CERPONZÓNS

 PONTE DE CAEIRO

RÍO RONS

CERPONZÓNS

   Cerponzóns
      San Vicente de Cerponzóns é unha parroquia situada ao norte do concello de Pontevedra.

     No ano 2015 tiña 806 habitantes (366 homes e 385 mulleres), nove menos ca en 2004 (424 mulleres e 391 homes segundo o padrón municipal) e 39 menos ca en 1999. Ten trece entidades de poboación.

     Limita con Alba, Verducido e Lérez. Cerponzóns pertenceu ao concello de Alba, adherido en 1868 ao de Pontevedra.

Patrimonio
     A igrexa parroquial é un templo orixinario do século XII con diversas reconstrucións posteriores. O retablo maior ten unha imaxe de San Vicente mártir do século XVIII, que representa o santo con figura xuvenil, vestido de diácono e cunha cruz nunha man e os Evanxeos na outra. Tanto no interior do templo como no seu exterior, poden contemplarse varios escudos nobiliarios da familia Osorio-Galos.

     Desde o outeiro no que está situada, divísase a cidade de Pontevedra, o río Lérez e a ría de Pontevedra. Consérvanse tres cruceiros e varios muíños no curso do río Rons, algún deles aínda en funcionamento, ademais de catro edificios nobres, anteriores ao século XVIII, entre eles a casa reitoral.

     A ruta portuguesa do Camiño de Santiago entra en Cerponzóns pola ponte de San Caetano, sobre o río Rons. Río arriba, preto do seu nacemento, está o encoro de Pontillón de Castro, lugar empregado decote para celebrar competicións de piragüismo.

     Mentres se construía o camiño real de Pontevedra a Santiago de Compostela, en 1797 o arcebispo Malvar mandou construíu unha ponte para salvar o río Rons. Por ese camiño discorre a estrada N-550 que atravesa a parroquia, se ben en 1997 se construíu unha ponte paralela.

     Celébrase a festa patronal o cuarto domingo de xaneiro (San Vicente) e tamén a do Corpus Christi, coas súas alfombras florais.

Lugares de Cerponzóns
     A Balea, Bouza, O Bravo, O Castrado, A Costa, O Cunchido, A Ermida, Leborei, A Meán, Pidre, O Queimado, San Caetano, Tilve, Vigario

Río Rons
     O Rons é un río que discorre polo concello de Pontevedra e desauga no río Lérez no seu treito final na Xunqueira de Alba, na parte norte da cidade de Pontevedra.


     A foz no río Lérez localízase na zona das Correntes, así chamada porque neste punto xúntanse as correntes dos ríos Rons e Lérez e mailas augas da ría de Pontevedra

Percorrido
     A lonxitude do río Rons é de aproximadamente seis quilómetros. É o río que forma o encoro da cidade de Pontevedra, o encoro de Pontillón de Castro, situado na parroquia pontevedresa de Verducido. Nace moi preto do monte Acibal e parte duns poucos metros ao norte do Encoro de Pontillón de Castro até o río Gándara.

     Ambos conflúen na parroquia de Alba e xa co nome de Gándara desembocan na maior zona húmida do municipio de Pontevedra: as marismas de Alba, que forman parte do parque da Xunqueira de Alba.

     O río pasa por varias parroquias do municipio de Pontevedra, partindo de Verducido e pasando no seu treito alto por Cerponzóns.

     Nesta parroquia no lugar de Leborei é cruzado por unha ponte do século XVIII que ten un cruceiro monumental, chamado o cruceiro de Ánimas.


     Consérvanse varios muíños no curso do río. No seu treito baixo pasa pola parroquías de Campañó e de Alba 

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA