Cerdedo é un concello situado na zona centro de Galicia e
perfectamente comunicado coas Rías Baixas (28 km) , con Santiago de
Compostela( 45 km) e Ourense (50 km). Cunha extensión duns 80
quilómetros cadrados e unha poboación de 4000 habitantes é un refuxio
ideal para os amantes da natureza, os deportes ó aire libre e
a boa mesa. Limita ó norte cos concellos da Estrada e Forcarei, ó sur
con Cotobade e Forcarei, ó este con Forcarei, e ó oeste con Campo
Lameiro e Cotobade.
Cerdedo está atravesado pola estrada N-541 (Ourense – Pontevedra), que forma o seu eixo principal de comunicación. Xeograficamente, o Término Municipal de Cerdedo localízase na porción meridional da dorsal galega, na súa vertente occidental, de tal xeito que o conxunto montañoso disponse en anfiteatro. As súas maiores elevacións atopámolas no Outeiro do Couto do Monte do Seixo (1024 m) e no Outeiro de Couso.
O río Lérez constitúe o principal cauce fluvial, atravesando o término municipal en dirección este - oeste. A existencia dunha numerosa, aínda que de pequena escala, rede de afluentes do Lérez fai que as terras sexan productivas e axeitadas para a agricultura e a gandeiría.
As condicións climáticas de Cerdedo están condicionadas pola súa
situación nas serras prelitorais, e a súa orografía montañosa actúa como
pantalla pluviométrica, polo que as súas precipitacións son elevadas.
Os núcleos de poboación máis importantes son Cerdedo(capital) , Pedre, Figueroa, Fondós,Covas, Tomonde e Os Castros.
O nome de Cerdedo procede según Millán González Pardo de "Ceratesum",
que significa "lugar de cereixas", o que fai supoñer que foi un lugar
de producción abundante desta froita.
Toda a comarca de Terra de Montes é de indudable atractivo
histórico-artístico. En Cerdedo predominan os cruceiros, igrexas de gran
valor arquitectónico, pontes de diversos estilos e calzadas romanas.
Pódense ver tamén importantes mostras de arte prehistórica e restos
arqueolóxicos.
Non podemos esquecer tampouco os eirados de Pedre, Filgueira e Cerdedo, conxuntos de canastros en bo estado de conservación que constitúen conxuntos arquitectónicos casi únicos en Galicia e de especial beleza.
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA