viernes, 16 de mayo de 2025

IGREXA DE SANTA CRISTINA DE CAMPAÑA - A EIREXE - CAMPAÑA - VALGA

 IGREXA DE SANTA CRISTINA

CAMPAÑA

A EIREXE

VALGA

       Figura en varios documentos antigos, como na concesión que Xelmírez fai a favor do Convento de San Martiño Pinario en 1115 (Sanctam Christinam de Campania cum suis adjuntionibus), ou no testamento de 1131 que Odairo Afonso lega a favor do seu presbítero Pedro (Ad Petro, presbytero de Campania). 

      A datación alto-medieval desta igrexa podería ter correspondencia con vestixios soterrados asociados a ela.

       No 1115, o bispo Diego Xelmírez confirma a independencia e autoridade de San Martiño Pinario e Santa María da Corticela, o cobramento do terzo do dezmo do Xiro e posesión das igrexas, xunto coas súas rendas, vilas, coutos e vasalos de, entre outras parroquias, da de Santa Cristina de Campaña.

       A igrexa parroquial de Campaña está formada por unha única nave sen cruceiro, de planta rectangular.

       Ábsida prismática e nave lateral de menor altura de época posterior, onde se sitúa a sancristía. 

         A nave principal atópase dividida en tres treitos por dúas parellas de columnas e un arco triunfal de medio punto aberto no muro da nave con aresta vista sen moldura. 

      A fachada conserva a portada románica abocinada de dobre arquivolta tórica e arco semicircular de billetes no exterior. 

      No cemiterio atopamos unha cruz feita dun só bloque granítico e un cruceiro do século XX.


     Na década dos noventa do século pasado, durante unha treboada, o antigo campanario situado na parte superior do templo, resultou destruído debido a un lóstrego que caeu sobre as campás do mesmo.

      O campanario foi reconstruído, situándose o novo separado da igrexa, nunha torre de planta rectangular.

     Nunhas reformas ás que foi sometida o templo, ao retirar un retablo que se erguía obre o antigo cabeceiro da ábsida, descubríronse unhas pinturas góticas. Ao estar ocultas, sufriron moita humidade, mais a pesar disto, consérvanse bastante ben. 

     Teñen un gran interese polo tamaño das mesmas e a proporcionalidade das figuras, reflexando fielmente o xeito de traballar os artesáns pictóricos entre os séculos XV-XVI en Galicia. Destaca a pintura da Anunciación, obra moi ben terminada segundo os técnicos, presidida polo Pantocrátor na súa parte superior.

       No ano 2010, fíxose entrega dunha reliquia de Santa Cristina de Bolena á parroquia de Campaña, traída desde Italia.

MAPA

 

 Fuente: Web obaixoulla.gal

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901