sábado, 5 de marzo de 2022

CASTELO DA ROCHA FORTE - ROCHA VELLA - CONXO - SANTIAGO

 CASTELO DA ROCHA FORTE

ROCHA VELLA

CONXO

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Castelo da Rocha Forte
Situación
     A Fortaleza da Rocha Forte, tamén coñecida como Castelo dos Churruchaos, sitúase na parroquia de Conxo no lugar da Rocha Vella, pertencente ao concello de Santiago de Compostela.

      Atópase, a unha altitude de 185 metros, no lugar coñecido como a Rocha Vella, a carón da vía do ferrocarril, que o cruza ocultando gran parte do sitio e preto da actual saída da cidade cara a Pontevedra.

     Os terreos sobre os que se asenta son propiedade do Arcebispado de Santiago, que cedeu o seu uso por 50 anos ao concello. Calcúlase que o recinto ocupa uns 4.000 metros cadrados.

Descrición
     Trátase dun sitio arqueolóxico, catalogado como Ben de Interese Cultural e cunha adscrición cronolóxica de ocupación definida entre o século XIII e o XV.

     Na actualidade atópase en estado ruinoso, e está a ser estudado mediante escavacións arqueolóxicas levadas a cabo dende o ano 2001.

     Conformada por distintas cercas, consérvase a exterior nunha lonxitude de 40 metros na área sueste, da interior consérvase todo o perímetro amais doutras estruturas na zona central onde se podería situar a torre da homenaxe, así como os restos dos torreóns nos seus ángulos e flanqueando o acceso principal (malia que só se conservan os seus baseamentos). Conta ademais con dependencias subterráneas en relación coas que ata de agora só foron documentados os accesos escalonados.

     Amais do seu valor defensivo, xa que era o refuxio dos arcebispos de Compostela -o lugar onde refuxiarse cando había problemas cos levantiscos composteláns-, era un enclave perfecto para controlar a entrada e saída da cidade de xentes e mercadorías, xa que se atopa nas proximidades do antigo camiño que unía Santiago con Noia e co camiño de Padrón, ao Camiño portugués, que seguían os peregrinos a Santiago dende o sur de Galicia.

     Este foi o motivo principal de que o castelo, ao contrario do habitual, se colocara ao carón do río, no fondo dun val, e non nunha posición predominante en altura (posición dos denominados castelos rochosos).

     O castelo funcionaba como punto de control do camiño cara ao mar, como primeiro posto de defensa ante previsibles invasións que puideran entrar, a través da ría de Arousa e o río Ulla, contra a cidade.

Historia
     O castelo foi construído polo arcebispo Xoán Arias cara ao ano 1240 e, dende entón, serviu como residencia arcebispal e do cabido, sendo testemuña de gran parte da historia medieval de Santiago. 

     No ano 1255 aparece a primeira mención documental da fortaleza en relación coas constitucións capitulares de Xoán Arias.

    Tamén se rexistrou a reconstrución realizada por Berenguel de Landoira despois dos estragos causados polos cidadáns de Compostela no 1320, no que foi o primeiro enfrontamento documentado de moitos que tiveron lugar entre o concello e o bispado estando á fronte da sublevación Afonso Suárez de Deza, personaxe da familia dos Deza-Churruchaos e mordomo do fillo de Sancho IV de Castela, o infante Felipe.


     Estas loitas recolléronse no documento "Hechos de Don Berenguel de Landoira" no que se narra que no día da Purificación os cidadáns de Compostela atacaron e incendiaron o castelo, tendo que volver a ser levantado polo arcebispo.

      Modificacións substantivas tamén foron as feitas polo sureño arcebispo Lope de Mendoza. 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901