PASO DOS PRADOS
FRAGA DO BARRAGAN
RÍO BARRAGAN
TRASPIELAS
FREAZA
FORNELOS DE MONTES
O río Barragán pasa polos concellos de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. No ano 2011 creouse e púxose en valor a Ruta das Fragas do Barragán (PR-G164).É un sendeiro de aproximadamente 18 km, de desnivel e dificultade media.
Son necesarias case 5 h para facer o percorrido completo.
Trátase dun itinerario que mestura natureza e patrimonio nun só lugar, xa que percorre un dos bosques oceánicos mellor conservados da provincia de Pontevedra e discorre xunto a un patrimonio cultural importante.
Exemplo diso é un acueduto do s. XVIII, a Casa da Raíña, numerosos muíños recuperados e o Monte da Cidade, un poboado do s. XVII
Traspielas
Santa María de Traspielas é unha parroquia que se localiza no concello de Fornelos de Montes.
Segundo Ige de 2006 tiña 289 habitantes (152 mulleres e 137 homes), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 379 habitantes.
Lugares de Traspielas
Freaza, Pardalongas, San Amaro, Traspielas
Fornelos de Montes
Fornelos de Montes é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo. Segundo o IGE, no ano 2018 a súa poboación era de 1.640 persoas. O seu xentilicio é "fornelán/fornelá" ou "fornelense".
Xeografía
O concello sitúase no centro-leste da provincia de Pontevedra. Está formado por sete parroquias con 24 núcleos de poboación. Limita ao norte coa Lama e Ponte Caldelas, ao oeste con Soutomaior e Pazos de Borbén, ao sur con Mondariz e Covelo e ao leste con Covelo e Avión (provincia de Ourense).
A zona montañosa da franxa leste pertence á serra do Suído. Nela están os cumios de Couto Minuto (1.059 m) e Outeiro Vello (1.007 m). Cara ao oeste as altitudes van diminuíndo, pasando a un territorio caracterizado polos vales fluviais.
Os río máis importante é o río Oitavén, no que se sitúa o encoro de Eiras, que abastece a Vigo e parte da súa comarca. O río Parada, que nace na serra do Suído, aflúe na marxe esquerda do Oitavén. O río Barragán, tamén afluente do Oitavén pola marxe esquerda, ten no tramo final, antes do encoro de Eirás, un estreito val cun bosque de ribeira ben conservado.
Climaticamente caracterízase polas fortes choivas, sendo un dos concellos galegos con maiores precipitacións (até 2.862 mm anuais). Isto causa frecuentes correntes de auga, que co paso do tempo conformaron pequenas fervenzas de curso inestable. As temperaturas adoitan ser suaves nos meses de maior calor (17 °C en xullo) e frías en inverno (5 °C en febreiro).
Patrimonio
A fortaleza de Alemparte foi asolada polos irmandiños na Gran Guerra Irmandiña (1467). En 1482 foi cercada polo bispo de Tui e os seus cabaleiros, apoderándose dela posteriormente Pedro Madruga. Os restos que quedaban da fortaleza foron desfeitos definitivamente en 1893.
O poboado castrexo da Cidadela do monte da Cidade conserva restos das pequenas edificacións, feitas en granito. A maioría delas conservan erguida parte da súa estrutura externa, consistente nunha parede de pedra de granito, podendo adiviñarse algúns elementos como as portas de entrada ou detalles do interior das vivendas. As edificacións atópanse, en liñas xerais, agrupadas nun único núcleo agás no comezo da Cidadela onde as primeiras casas aparecen diseminadas respecto ás do resto.
Bordeando a Cidadela hai un camiño cuberto con pedras de formas irregulares e que unha vez deixadas atrás as vivendas nos conduce cara a un acueduto do último terzo do século XVIII, en perfecto estado de conservación malia estar cuberto por vexetación autóctona. A edificación está realizada en pedra e na súa parte central presenta un arco de tipo oxival, a través do que cruza o sendeiro, que ben puido servir antigamente como entrada á cidade.
Debido á grande presenza de cursos fluviais, hai numerosos muíños de auga por todo o territorio, destacando a parroquia de Fornelos de Montes con nove e a de Traspielas con seis. As parroquias de Laxe e Ventín son as que presentan un menor número de muíños con dous e un respectivamente.
Así mesmo, co fin de salvar o paso dos ríos existentes, destaca tamén a presenza de pontes de pedra, destacando as pontes de Laxe, de Verducido, a Ponte Grande, a de Portorrío ou a do Barbado. Non todas elas están ben conservadas debido ao abandono. Existen máis de 30 fontes de auga e 15 lavadoiros repartidos por todo o concello.
Hai dúas casas grandes: a de Marrán, en Vilán, e a dos Alemparte. A primeira, ben conservada, ten planta con forma de L, destacando a balconada corrida no interior e unha notable cheminea. A casa dos Alemparte, do século XV, presenta un estado bastante malo de conservación, destacando no seu conxunto a gran balconada sobre pilastras rústicas orientada cara a solaina, que é o que se atopa mellor conservado de toda a edificación, así como a robusta escaleira e un arco nunha porta con forma semicircular e que contén un escudo de armas.
Ademais das igrexas parroquiais hai tres capelas, a de San Caetano en Estacas, a de San Amaro en Traspielas e a de Santa Cruz en Fornelos de Montes. Tamén conta con diversos cruceiros, destacando o de San Xosé de Laxe, e 5 petos de ánimas: dous en Ventín e un en Fornelos, Estacas e Laxe.
Outro tipo de patrimonio etnográfico son as construcións vinculadas ao uso do monte, como os chozos (construción menor de pedra que daba acubillo aos pastores da serra ao longo do ano), parideiras (construcións en pedra en forma de cercado e para gardar o gando, e foxos de lobos, recintos moi elementais e primitivos destinados á caza do lobo. Todas elas están na parroquia de Laxe, ao pé da serra do Suído.
Parroquias de Fornelos de Montes
Calvos (Santo Adrián), As Estacas (Santa María), Fornelos de Montes (San Lourenzo), A Laxe (San Xosé), Oitavén (San Vicente), Traspielas (Santa María), Ventín (San Miguel)
VIDEO
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
Fuente: Web Turismo Rias Baixas
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901