viernes, 23 de abril de 2021

MUIÑO DE MIGUEL - SAN LOURENZO - ESCUADRA - RÍO BARBEIRA - A LAMA

 MUIÑO DE MIGUEL

SAN LOURENZO

ESCUADRA

RÍO BARBEIRA

A LAMA


 Escuadra
     San Lourenzo de Escuadra é unha parroquia que se localiza no concello da Lama. 

 
      Segundo o IGE en 2009 tiña 178 habitantes (100 mulleres e 78 homes), un menos ca en 1999. Ten once entidades de poboación.


Lugares de Escuadra
     Albáns, Barbeira, Os Cabanelas, Carrizáns, As Chozas, O Peso, Portela das Eiras, Rozadas, San Lourenzo, Sualomba, O Verdugo


A Lama
     A Lama é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra.


     Segundo o IGE en 2016 tiña 2587 habitantes. Padrón municipal de 2003: 2957 habitantes. O seu xentilicio  é lamense.


Xeografía

     O concello, de 117,76 km², está situado na serra do Suído, no leste da provincia de Pontevedra, a uns 25 km da capital provincial. Limita ao norte con Beariz (provincia de Ourense), Forcarei e Cerdedo-Cotobade, ao sur con Fornelos de Montes, ao leste con Avión e con Beariz (ambos os dous na provincia de Ourense) e ao oeste con Ponte Caldelas e con Cerdedo-Cotobade.


Historia

     Consérvanse restos arqueolóxicos das culturas megalíticas, como as mámoas de Portela da Cruz, O Seixo, O Suído, e Antas. Da idade de bronce atopouse na Lama unha espada de tipo argárico de hai 3500 anos, e en Verducido e no castro de Gaxate varias hachas de bronce.


     Desta idade son os gravados rupestres en Chan do Campo, Outeiro Seixiño, Val do Gato, e Laxa das Puzas (Verducido). Hai tres castros identificados: o monte do Castro en Gaxate, o monte do Castro na Lama, e o castro de Xende.


     Na época medieval a zona norte foi colonizada polos monxes do mosteiro da Armenteira a partir do século XV, e o resto pertencía aos señores de Soutomaior, que contaban cunha fortaleza en Fornelos.


     Nos séculos XVII e XVIII aumentou a poboación e a gandería pola introdución do millo, e a pataca procedentes de América. Coas mudanzas que implicaron na agricultura, comezou a desaparecer a emigración a Castela dos temporeiros para a sega do trigo en verán, e aumenta a construción de camiños, igrexas, pazos e pontes. Desta época son as pontes de Verducido sobre o río Parada, a do antigo camiño de Ribadavia a Pontevedra e o de Liñares.


     A emigración a América dos séculos XIX e XX fixo posible a compra das terras aos nobres e a construción de edificacións educativas e centros de beneficencia.


Turismo
     A Lama conta coa ruta homologada de sendeirismo PR-G 135 "Roteiro da Escuadra".
     É unha ruta sendeirista lineal de 7 km, entre o Peso (A Escuadra) e a área recreativa de Santa Mariña, na Serra do Cando.
     Na Serra do Suído atópanse os singulares chozos.

 
Parroquias da Lama     
     Antas (Santiago), A Barcia do Seixo (Santa Ana), Covelo (San Sebastián), Escuadra (San Lourenzo), Gaxate (San Pedro), A Lama (San Salvador), Seixido (San Bartolomeu), Verducido (San Martiño), Xende (San Paulo), Xesta (San Bartolomeu)
 

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

 

jueves, 22 de abril de 2021

PETO DA BARREIRA - A BARREIRA - TARÁS - OUTES

PETO DA BARREIRA

A BARREIRA

TARÁS

OUTES

  Peto de ánimas
     Os petos de ánimas atópanse en camiños e encrucilladas de toda Galicia e son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas.

     Tódolos construídos con anterioridade a 1901 son bens de interese cultural.


Significado
     O seu significado vén da crenza na continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ao ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida (o purgatorio), moi arraigada na mentalidade popular galega.


     Dentro das construcións populares, os petos de ánimas son os que evidencian a importancia do purgatorio. A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo.Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de se asegurar a propia.


     Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar. Son moi curiosas as advertencias que se fan no seu nome.


     Por exemplo, no de Famelga de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) lese textualmente: "Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás...". Tamén se invita a recordar os antepasados: "Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o parientes o amigos". E, noutra parte do oratorio, apréciase esta inscrición: "Rogade por nos, Señor, E socorrenos cos vosos sufraxios que nos pediremos por vos".

Orixe
     As almas do purgatorio que son a meirande devoción galega, despois dos santos, de Cristo e da Nai; e, aínda que o culto teña a súa raizame no cerne mesmo do espírito galego, as mostras que se conservan son serodias.


     A idea do purgatorio, aumentada e revitalizada a partir do Concilio de Trento (século XVI), fixo que se desenvolvese a práctica da construción destes monumentos populares cunha determinada iconografía. Pero segundo parece, en Galicia é no século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados corresponden ao século XVII.


Localización e dimensións
     As encrucilladas aínda inspiran temor aos naturais do país, e a súa causa está en que pervive nas crenzas actuais consideralas como lugar que fora destinado ao enterramento, especialmente dos apartados da comunidade cristiá. De aí a crenza de que polas mesmas vaguen durante a noite as almas dos condenados.


     Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil establecer unha morfoloxía xeral, aínda que si se pode indicar que o corpo central do peto está composto por unha cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo ou pintura, e un peto ou hucha para botar as esmolas.

     Estes elementos veñen a maioría das veces acompañados doutros secundarios: cornixas, pilastras, portiña de ferro etc.


O culto aos petos de ánimas
     Tamén é habitual que, ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles agradece algún favor feito, porque acostuman a axudar aos vivos.

     Pídeselles axuda para solucionar algún problema e colócanselles flores no seu recordo.

     Ás ánimas, sobre todo, ténselles respecto. 

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA


IGREXA VELLA DE SANTA COMBA DE LOURO - CORDEIRO - VALGA

 IGREXA VELLA DE SANTA COMBA

DE

LOURO

CORDEIRO

VALGA

Igrexa vella de Santa Comba de Louro
     A igrexa vella de Santa Comba de Louro foi un templo relixioso de orixe tardorromana situado na parroquia de Cordeiro (Valga).

Situación
       O recinto está nunha pequena valgada preto do lugar de Balleas. O lugar está recollido, con fortes pendentes agás cara ao lado leste, por onde discorre un rego de dirección sur-norte que vai dar ao río Louro. Está a 75 m sobre o nivel do mar.

      A actual igrexa parroquial está cara ao norte, a unhs 300 m.


Historia
     No lado oeste hai unha necrópole, con todas as tumbas orientadas de leste a oeste. As tumbas máis antigas son de orixe romana, con tégulas delimitando os soterramentos. A igrexa vella, adicada á mártir cristiá do século III Comba de Sens, naceu cara ao século IV como un templo tardorromano. 

     Desa época consérvase un forno e unha estela funeraria con inscricións en latín, na que aparece o nome da persoa que a deixou pagada.

     Na idade media reconstruíuse o templo, facéndoo de cruz latina e incluíndo un pequeno cenobio. No século XIV converteuse na igrexa parroquial. 

      Xa na idade moderna construíuse a sancristía ao norte da ábsida e unha capela no lado norte da igrexa. Nesta hai un sartego de pedra desorientado, pois está colocado en posición norte-sur.

       No século XVIII o recinto foi desmantelado, utilizándose a pedra para construír a actual igrexa. 

       Posteriormente seguiuse sacando a pedra para ser utilizada de novo en construcións recentes.


Escavacións
     A existencia do recinto estaba presente na memoria popular da xente da parroquia, así como en documentación escrita. No lugar consérvase un cruceiro, coñecido como cruceiro da Igrexa Vella.

     No ano 2010 realizáronse as primeiras prospeccións, financiadas polo concello de Valga e a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Turismo, e realizadas pola área de Arqueoloxía do departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela e por unha empresa privada. No ano 2012 a Xunta de Galicia financiou unha escavación, dirixida por Emilio Romil.  

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

miércoles, 21 de abril de 2021

MUIÑOS DE TABOEXA - LUGAR DO MOURO - REGO DE FESVELLO - TABOEXA - AS NEVES

MUIÑO DE TABOEXA

LUGAR DO MOURO

REGO DE FESVELLO

TABOEXA

AS NEVES


Taboexa
     Santa María de Taboexa é unha parroquia que se localiza no concello das Neves.

      Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 502 habitantes (252 mulleres e 250 homes), distribuídos en 21 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 2004 cando tiña 500 habitantes.

Xeografía
     A parroquia esténdese pola aba do monte de San Nomedio, o cumio máis alto dos arredores con case 700 metros de altitude.

Patrimonio
     O Castro de Altamira, escavado en 1976 por Alfredo García Alén, e do cal se conservan numerosas pezas no Museo Provincial de Pontevedra.

      Os petróglifos de Mouro e da Citania de Altamira están declarados Ben de Interese Cultural.

      O Centro de Interpretación do Patrimonio e Local Socio-Cultural está enfocado á posta en valor dos bens arqueolóxicos e arquitectónicos da parroquia.

     Segundo Pablo Osorio o monte de San Nomedio podería corresponderse co monte Medulio, en base á proximidade ao río Miño e á toponimia da zona. Segundo unha lenda, as augas de San Bartolomeu son férreas porque tras unha gran batalla librada alí, as armas foron soterradas nunha gruta. Outra lendas di que entre o monte e a igrexa parroquial existe unha cova escavada por mouros.

     O 7 de decembro de 2017, tras a vaga de lumes de 2017, descubriuse unha laxe con petróglifos sen catalogar.

Lugares de Taboexa
       Altamira, Arufe, As Barreiras, As Bouciñas, Bugalleiras, O Candón, O Caneiro, A Capela, A Carrasqueira, Carreirachán, O Casal, Corneda, O Corvo, O Cotiño, Covalagarto, A Custoura, Frián, A Gañavena, A Igrexa, Leiradiño, A Lomba, O Marco, O Mariño, Millaxendo, A Moreira, Morgallón, O Mouro, Novás, O Outeiro, O Pazo, A Pedreira, Perdeán, Os Píos, A Rata, O Rego Novo, O Reguengo, O Rodeiro, Sandomedio, O Toxal, Trigal, Valverde, A Viña do Pazo

As Neves
        As Neves é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Condado.

      Segundo o IGE, contaba no 2014 con 4.121 habitantes, o que supón unha diminución de habitantes con respecto aos censos anteriores. O seu xentilicio é nevense.


Xeografía
      O concello posúe catro elementos xeográficos que actúan de referentes principais: o val do río Xuliana polo oeste, o do Miño polo sur, o do Termes polo leste e os Montes da Paradanta polo norte, onde se sitúa o monte San Nomedio, de 690 metros de altitude.


Val do Xuliana

         O río Xuliana percorre as parroquias de Taboexa, Rubiós, Tortoreos e Liñares, onde desemboca no Miño. O val esténdese desde a aba do monte San Nomedio ata a foz do río en Liñares, a máis chan de todas as parroquias nevenses.


Val do Miño
      O río máis longo de Galiza baña ao concello nun treito de 10 quilómetros, servindo de fronteira co veciño Portugal. As súas augas transcorren polas parroquias, en sentido leste-oeste, de Vide, Setados, As Neves, Tortoreos e Liñares. Sendo Vide, Tortoreos e Liñares de escaso relevo, a orografía algo máis montañosa de Setados e As Neves convértenas en interesantes miradoiros nos que enxergar unha boa panorámica de Portugal.

Val do Termes
     O curso fluvial do Termes segue as parroquias de Cerdeira, San Xosé de Ribarteme, San Cibrán de Ribarteme e Santiago de Ribarteme, desembocando no Miño a xeito de fronteira entre Vide e Setados. O val abrangue desde a ladeira sur do Monte de Paradanta, onde se asenta Cerdeira, encaixándose logo entre este e o Monte de San Fins cara o nor-nordeste e o monte de San Nomedio en dirección nor-noroeste.

Montes da Paradanta
     A zona máis montañosa do concello é a correspondente ás parroquias de Cerdeira, San Pedro de Batalláns e Santa Eulalia de Batalláns, así coma o norte de Taboexa e o norte e leste de San Xosé de Ribarteme. No caso de Cerdeira e Santa Eulalia o seu relevo montañoso débese a estaren situadas nas abas sur e oeste do monte Paradanta, respectivamente, pertencendo o cumio do monte ao concello da Cañiza. Nelas acádanse as maiores alturas do concello, arredor dos 800 metros. As outras tres parroquias están dominadas pola presenza de San Nomedio, con cumio en Taboexa.


Parroquias
     Batalláns (Santa Eulalia), Cerdeira (San Xoán), Liñares (Santa María), As Neves (Santa María), Rubiós (San Xoán), San Cibrán de Ribarteme (San Cibrán), San Pedro de Batalláns (San Pedro), San Xosé de Ribarteme (San Xosé), Santiago de Ribarteme (Santiago), Setados (Santa Euxenia), Taboexa (Santa María), Tortoreos (Santiago), Vide (Santa María)

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA