domingo, 15 de octubre de 2023

PETRÓGLIGO DE LAXE FERRADA - AREAS - A SOMOZA - ANTAS DE ULLA

 PETRÓGLIFO DE LAXE FERRADA

AREAS

A SOMOZA

ANTAS DE ULLA

Petróglifo de Laxe Ferrada
       Laxe granítica duns 20 metros de longo por 10 de ancho.

      Presenta un gran número de combinacións de círculos concéntricos, coviñas, así como gravados.

       Estes últimos son probablemente de cronoloxía máis recente consistentes en representacións de aves, ferraduras e antropomorfos. Os sucos son, en ocasións, de grande profundidade.

A Somoza
        A Somoza é un lugar da parroquia de Areas no concello lugués de Antas de Ulla na comarca da Ulloa.

        Segundo o IGE, en 2011 tiña 27 habitantes (13 homes e 14 mulleres).

Areas
           Santa Cristina de Areas é unha parroquia que se localiza no concello de Antas de Ulla.

          Segundo o IGE en 2009 tiña 82 habitantes (49 mulleres e 33 homes), distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 119 habitantes.

Xeografía
        Areas está situada no sueste do concello. 

        A aldea da Somoza é o punto máis elevado do concello (720 m), no seu territorio está o monte Farelo.

Patrimonio

       A igrexa de Santa Cristina de Areas é da primeira metade do século XIX.

Festas
      Celebra as súas festas patronais na honra de San Lucas.

Lugares de Areas
     Castro, O Outeiro, Río, Santa Cristina, A Somoza

Comarca da Ulloa

        A comarca da Ulloa é unha comarca galega situada na provincia de Lugo cuxa capital é Monterroso. 

       A esta comarca pertencen os concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei. No ano 2020 tiña 8.879 habitantes, 4.430 homes e 4.449 mulleres.

        O seu nome procede do río Ulla, que nace na comarca.

VIDEO

MAPA

 

 Fuente: Web Patrimonio Galego

XOAN ARCO DA VELLA

sábado, 14 de octubre de 2023

PETO DE POGIDO - GONDARIZ - ARCOS DE VALDEVEZ

PETO DE POGIDO

GONDARIZ

ARCOS DE VALDEVEZ

    Peto de ánimas
     Os petos de ánimas atópanse en camiños e encrucilladas de toda Galicia e son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas. Tódolos construídos con anterioridade a 1901 son bens de interese cultural.

Significado
     O seu significado vén da crenza na continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ao ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida (o purgatorio), moi arraigada na mentalidade popular galega.

     Dentro das construcións populares, os petos de ánimas son os que evidencian a importancia do purgatorio. A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo.Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de se asegurar a propia.

     Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar. Son moi curiosas as advertencias que se fan no seu nome.

     Por exemplo, no de Famelga de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) lese textualmente: "Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás...". Tamén se invita a recordar os antepasados: "Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o parientes o amigos". E, noutra parte do oratorio, apréciase esta inscrición: "Rogade por nos, Señor, E socorrenos cos vosos sufraxios que nos pediremos por vos".

Orixe
     As almas do purgatorio que son a meirande devoción galega, despois dos santos, de Cristo e da Nai; e, aínda que o culto teña a súa raizame no cerne mesmo do espírito galego, as mostras que se conservan son serodias.

     A idea do purgatorio, aumentada e revitalizada a partir do Concilio de Trento (século XVI), fixo que se desenvolvese a práctica da construción destes monumentos populares cunha determinada iconografía.

     Pero segundo parece, en Galicia é no século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados corresponden ao século XVII.

Localización e dimensións
     As encrucilladas aínda inspiran temor aos naturais do país, e a súa causa está en que pervive nas crenzas actuais consideralas como lugar que fora destinado ao enterramento, especialmente dos apartados da comunidade cristiá. De aí a crenza de que polas mesmas vaguen durante a noite as almas dos condenados.

     Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil establecer unha morfoloxía xeral, aínda que si se pode indicar que o corpo central do peto está composto por unha cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo ou pintura, e un peto ou hucha para botar as esmolas. Estes elementos veñen a maioría das veces acompañados doutros secundarios: cornixas, pilastras, portiña de ferro etc.

O culto aos petos de ánimas
     Tamén é habitual que, ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio.
     Tamén se lles agradece algún favor feito, porque acostuman a axudar aos vivos.
     Pídeselles axuda para solucionar algún problema e colócanselles flores no seu recordo. Ás ánimas, sobre todo, ténselles respecto.  
 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

viernes, 13 de octubre de 2023

TUMBAS MEDIEVAIS DO CASTRO DE SAN LOURENZO - CEREIXA - A POBRA DE BROLLÓN

 TUMBAS MEDIEVAIS 

DO

CASTRO DE SAN LOURENZO

SAN PEDRO DE CEREIXA

A POBRA DO BROLLÓN

 Castro de San Lourenzo
       O castro de San Lourenzo presenta un perímetro total de preto de 8.800m2. O asentamento presenta un primeiro recinto circular cinguido por unha potente muralla aterraplenada.

     Nalgúns tramos aínda se enxerga o muro de cachotería da cara externa da muralla, ergueita a base de coios de cuarcita.

       O acceso á croa probablemente se ubica na estrema NE onde se empraza a cota máis alta do castro e quizais se ubique un torreón defensivo vencellado á porta.

      Como singularidade cómpre remarcar a presenza dunha sorte de muradella discontinua en dirección N-S que divide a croa en dúas partes, e que non se corresponde cun valado de linde xa que non ten nada que ver co parcelario tradicional da zona.

      Castro d’Alende ou San Lourenzo é un sitio arqueolóxico que se atopa na parroquia de San Pedro de Cereixa (Pobra de Brollón, Lugo) sobre a marxe dereita do río Sáa na pequena dorsal que serve de transición entre a penichaira de A Chá de Castro e o val fluvial.

       O castro, é un poboado fortificado ergueito trala conquista romana para albergar os traballadores nas explotacións auríferas da bisbarra entre os séculos I-II da nosa era. 

      Probablemente estivo vencellado tamén á metalurxia do ferro, polo que se trataría dun poboado especializado dentro da rede de castros que controlaban a minería nas bacías sedimentarias dos ríos Lor, Sáa e Cabe.

     En época medieval a poboación labrega de Cereixa construíu unha ermida na honra de San Lourenzo, que foi rehabilitada en 1876 para caer despois no abandono. A fins dos anos 60 e comezos dos anos 70 a ladeira suroeste do castro viuse afectada por unha explotación de grava e area. Actualmente a superficie do castro está ocupada por vexetación autóctona (nomeadamente carballos) e monte baixo.

      A este primeiro recinto xúnguese pola cara E unha segunda muralla que acouta un espazo de reducidas dimensións, nada semellante ás terrazas que adoitan formar parte dos poboados fortificados da Idade do Ferro.

           No extremo S, case sobre o parapeto, sitúase a bocamina coñecida como O Burato dos Mouros. Este é un elemento que consideramos diagnóstico para defender a cronoloxía romana do xacemento.

        Nas coroas mineiras do NW adoitan documentarse prolongacións de foxos e murallas para abranguer dentro dos recintos recursos hídricos e mineiros importantes. Sos os chamados brachia, liñas de defensa que aseguraban a conexión da estrutura fortificada principal con outras estruturas de fortificación secundarias e/ou determinados puntos estratéxicos.

      Este sistema de brachium (liñas de fortificación saíntes do recinto fortificado cun propósito defensivo prático) documéntase mesmo en establecementos militares romanos do NW.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA


domingo, 8 de octubre de 2023

MUIÑO DO CARBALLO . REGO DE PONTE PEDRIÑA - BEARIZ

 MUIÑO DO CARBALLO

REGO DE PONTE PEDRIÑA

BEARIZ

   Beariz
      Beariz é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Carballiño.

      Segundo o Padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2018 era de 973 persoas (1477 en 2003).

     Limita cos concellos de Forcarei e A Lama na provincia de Pontevedra e Boborás, O Irixo e Avión na provincia de Ourense. O seu xentilicio é bearizao ou bearicense.

Xeografía
     O concello limita ao norte co concello de Forcarei (provincia de Pontevedra), ao leste co Irixo e Boborás, ao sur con Avión e ao oeste coa Lama (provincia de Pontevedra).

     Ten unha altitude media de 610 m, e as súas augas verten no río Avia, afluente do Miño, sendo os seus vales abertos e orientados cara ao sur, con máis horas de Sol.

     Os seus cumios máis altos son Marcofán (940 m), o alto da Ruza (868 m) e a cima de Santo Domingo (848 m, lindando con Trasdomonte, en Forcarei). Todos eles pertencen á serra do Suído.

Arqueoloxía
     No concello consérvanse máis dunha ducia de mámoas, monumentos neolíticos tamén chamados antas. Destes restos provén o nome do lugar das Antas, lindante co concello do Irixo. Con menos de 20 casas, chegou a formar parte de tres parroquias (Lebozán, O Regueiro e O Regueiro) tres dioceses e tres concellos distintos (Beariz, Boborás e O Irixo).

      Da idade de bronce non hai vestixios, pero puido ser moi rica e florecente, dada a cantidade de metal que existe nos montes de Beariz. Da Idade de Ferro salienta o castro de Magros, onde se encontraron restos de cerámica e pedras de moer gran. Da romanización consérvase parte dunha calzada romana e unha ponte sobre o río Verdugo.

     Na idade media, Beariz, ao igual que toda a Terra de Montes, foi gobernada polos arcebispos composteláns a través dos Xuíces-Meriños, nomeados por eles, e que tiñan a súa sede e residencia no castro de Montes, en San Miguel de Presqueiras, onde había unha fortaleza e unha torre, das que hoxe só quedan ruínas.

     Na Serra do Suído atópanse os singulares chozos.

     Na actualidade o concello sofre un proceso de retorno de emigrantes, especialmente de México. Moitos deles regresan con grandes capitais, tratándose este dun dos concellos coa renda per-capita máis alta de Galicia.

Parroquias de Beariz     
     Beariz (Santa María), Lebozán (Santa Cruz), Xirazga (San Salvador)

Comarca do Carballiño
A comarca do Carballiño é unha comarca galega situada na provincia de Ourense. Toma o nome da súa vila principal.

       Pertencen a ela os concellos de San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside, Piñor e Punxín.

VIDEO

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA