lunes, 3 de mayo de 2021

PETRÓGLIFO DE MONTEALEGRE - CASTRO DE MONTEALEGRE - DOMAIO - MOAÑA

PETRÓGLIFO DE MONTEALEGRE

CASTRO DE MONTEALEGRE

DOMAIO

MOAÑA

Domaio
     San Pedro de Domaio é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Moaña na comarca do Morrazo.

      Segundo o IGE, en 2014 tiña 2127 habitantes (1030 homes e 1097 mulleres), 75 máis ca en 2004. 

     Ten seis entidades de poboación.

Xeografía
     A parroquia está situada na ría de Vigo, ao leste do concello de Moaña, lindando co veciño municipio de Vilaboa a través da parroquia de Cobres.

Patrimonio
     No Regueiriño achouse un importante asentamento correspondente ó neolítico final, e na Fontenla documentouse por primeira vez en Galicia a presenza de elementos da cultura do vaso campaniforme fóra de ambientes funerarios. 

     Acháronse tamén na zona ferramentas e armas de cobre e bronce, e consérvanse petróglifos. 

     Da época castrexa é o castro de Montealegre.

     A igrexa parroquial de san Pedro é un templo de estilo barroco serodio. Foi construída no século XVIII, logo de que en 1702 a parroquia fose saqueada logo da batalla de Rande. O templo está situado na enseada de Mouro, preto do estreito de Rande. Ten planta rectangular dunha soa nave e presbiterio cadrado con cuberta a catro augas. A gran torre campanario está situada no centro da fachada occidental, e ten dous corpos superpostos: o primeiro, de planta cadrada, con arcos de medio punto abertos nas catro caras, flanqueados por pilastras acaroadas, e rodeado completamente por un monumental balcón balaustrado. O segundo corpo, máis pequeno, é un macizo cilíndrico coroado con cupuliña. Complementan a decoración piramidóns rematados en bóla nos extremos da fachada e no alto das catro esquinas da torre. No interior do templo hai dous retablos barrocos do século XVIII, un deles datado en 1786.

     Outro templo relixioso é a ermida de san Bieito, situada no lugar do Calvar.


Lugares de Domaio

     O Calvar, Carballido, A Costa, Palmás, San Lourenzo, Verdeal  

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube


XOAN ARCO DA VELLA

CASTRO DE MONTEALEGRE - DOMAIO - MOAÑA

 CASTRO DE MONTEALEGRE

DOMAIO

MOAÑA

Castro de Montealegre
      O Castro de Montealegre é un poboado castrexo da península do Morrazo, situado nun outeiro á beira do mar na parroquia de Domaio (Moaña), moi preto do estreito de Rande. 

      É un castro de especial importancia, non só porque foi un dos primeiros escavados e publicados cientificamente en Galiza, senón tamén pola súa tipoloxía, pola súa situación xeográfica, polos seus petróglifos e, moi especialmente, pola conservación excepcional dalgún dos restos mobles atopados.

Descrición
     O poboado fortificado atopábase nun estado de conservación relativamente bo, pese ó abandono, ata o grave impacto da construción do corredor do Morrazo (CG-4.1), que atravesa o monte nun túnel pola súa base. 

     Pese a todo, as estruturas defensivas (murallas, foxos, aterrazamentos) seguen a ser facilmente identificables en superficie, especialmente na zona norte. 

      Ademais da construción da nova estrada, o sitio sufriu outras agresións en forma de desmontes de terreo, especialmente na zona sur.

Intervencións arqueolóxicas
     O sitio arqueolóxico era coñecido dende principios do século XX, sendo escavado por Antón Losada Diéguez entre outros e ofrecendo materiais moi interesantes.

     Porén, o lugar foi, en xeral, esquecido durante moitos anos, ata que o monte no que se sitúa foi atravesado polo túnel. 

      Esta obra obrigou á escavación arqueolóxica dunha parte do castro, tanto na ladeira leste como na ladeira oeste, no contexto da arqueoloxía de rescate ou arqueoloxía de urxencia, entre 2003 e 2004.

     Nesta intervención apareceron restos mobles en magnífico estado de conservación, especialmente nun grande cuncheiro localizado no contorno dunha casa na ladeira leste. 

     Estes obxectos (cerámicas, fibelas etc) foron de excepcional importancia para o coñecemento do comercio a longa distancia entre a sociedade castrexa das Rías Baixas e os pobos mediterráneos da época. 

      Unha parte das estruturas murarias desenterradas non foron destruídas e permaneceron no seu lugar sen que fosen sometidas a ningún tratamento de conservación e restauración. 

     O resultado é que no lugar aínda poden verse os restos destas casas ou estruturas en estado de ruína e deterioración progresiva.

     En 2016, o desdobramento do corredor do Morrazo puxo en perigo o xacemento.

Outros elementos de importancia
     No lugar aparecen varios gravados rupestres que foron declarados BIC no ano 1974 co nome Petróglifo Castro de Montealegre. 

     Outra construción relevante, tanto dende o punto de vista arqueolóxico como etnográfico, é o manancial de auga escavado en forma de mina coñecido como A Cova da Londra, situado na zona norte do castro.  

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

IGREXA DE SANTA MARÍA DE CHANDREXA - CHANDREXA - PARADA DE SIL

 IGREXA DE CHANDREXA

CHANDREXA

PARADA DE SIL


Chandrexa
     Santa María de Chandrexa é unha parroquia do concello ourensán de Parada de Sil na comarca da Terra de Caldelas.

     No ano 2007 tiña 103 habitantes, deles 50 eran homes e 53 eran mulleres, o que supón unha diminución de 20 habitantes en relación ao ano 2000.

Xeografía
     A parroquia de Chandrexa sitúase no extremo oeste do concello de Parada de Sil e fai fronteira norte da provincia de Ourense.


     En todo o seu bordo setentrional dá ao río Sil, que a separa da provincia de Lugo e das terras de Sober.

     As súas terras están situadas en zonas de moita pendente, de entre os 700 m na parte sur da parroquia ata os 200 m na norte, xusto cando chega ao nivel do río.


     Con todo, os principais núcleos habitados atópanse entre os 450 e os 500 metros sobre o nivel do mar.


Economía

     A pesar do agudo descenso poboacional que a parroquia sufriu durante a segunda metade do século XX, nos últimos trinta anos pasou a se converter nun dos máis coñecidos polos de atracción turística da Ribeira Sacra ourensá. 


     Ademais, conserva a súa tradicional produción de castañas e tamén a produción de viño.


Lugares de Chandrexa
     O Adrio, Arrabaldo, Os Calvarios, O Campo, Camporremide, A Carreira, A Casalta, A Eirexa, Entrambosríos, Os Fiós, Grandín, O Noguedo, O Pacio, A Pena, Purdeus, As Quintas, Rabacallos, Santo André, O Valado 

 

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA


domingo, 2 de mayo de 2021

CAPELA DA COSTRELA - COSTRELA - SACARDEBOIS - PARADA DE SIL

CAPELA DA COSTRELA 

COSTRELA

SACARDEBOIS

PARADA DE SIL

 Sacardebois
       San Martiño de Sacardebois é unha parroquia do concello de Parada de Sil (provincia de Ourense).

     Segundo o IGE en 2008 tiña 98 habitantes (46 homes e 52 mulleres) en sete aldeas.


Xeografía
     Está situada na comarca da Terra de Caldelas, na beira sur do río Sil. Linda ao norte coas parroquias de Pinol e Amandi, do veciño concello de Sober na provincia de Lugo; ao sur con Forcas, ao oeste con Chandrexa e ao leste con San Lourenzo de Barxacova.

     A súa orografía está formada por unha vertente orientada cara ao norte en forma de pequenas ondulacións e vales por onde percorren os regatos das Augas Brancas (cos seus afluentes: Chipela, Roxedoiro e Purdeus), regato da Gurbela ou San Fiz, regato da Confredaría ou da Barxa, e por último, regato de Peche ou da Costrela, nomeados eles, de oeste a leste.


     A parte alta do terreo está ocupada por unha fraga na cal o piñeiro e o eucalipto son case inexistentes. Da metade para abaixo (da vertente que forma a parroquia) está ocupada por bancais tamén nomeados patados, dedicados ó cultivo do viñedo. Onde o cultivo das vides se abandonou ou non se axeita, os terreos son de soutos, cos centenarios castiñeiros, nogueiras, e outras árbores froiteiras.


Economía
     As casas da parroquia son unhas cincuenta, pero co abandono das labouras agrícolas, non rendibles para a xuventude, moitas delas só cobran vida en momentos determinados, coma, nas vacacións, vendima ou castañeira.

      O cultivo do viñedo e as variedades de uvas garnacha, mouratón e mencía en tinto, así como a palomino en branca, tivo épocas espléndidas; hoxe en día, tres cooperativas están establecidas dentro da D.O. Ribeira Sacra, proseguindo a nivel industrial esta tradición.

Festas
      A parroquia ten como patrón a San Martiño que se celebra o 11 de novembro cunha festa popular gastronómica con magosto incluído, que nos últimos anos é tamén a festa do viño, pero hai outra festa de verán, a Virxe do Carme, que ten lugar o 16 de xullo. 

      Tamén son salientables as festas na Costrela, onde contan cunha capela en honra da Virxe das Neves, e mais recentemente en Calvos en honra a San Roque, como evento gastronómico é festivo só para os nados do lugar e os seus familiares, que se celebra o primeiro sábado despois do 15 de agosto.


Lugares de Sacardebois
     Bouzas, Calvos, A Costrela, Leiravella, O Val

Comarca da Terra de Caldelas
     A comarca da Terra de Caldelas é unha comarca galega situada no norte da provincia de Ourense. Pertencen a ela os concellos de Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil e A Teixeira.


Demografía
     A comarca de Terra de Caldelas contaba en 2017 cunha poboación de 2.990 habitantes.

     No 2014 a poboación menor de 15 anos era o 4.36% do total, o que representa uns niveis moi baixos en relación á media do resto de Galicia, mentres que pola outra banda o 45.02% contaba con máis de 65 anos, o que deixa unha poboación en idade de traballar dun 50.62%.

     A idade media da poboación en 2017 era de 59,26 anos, que supera a media galega.

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA