domingo, 11 de septiembre de 2022

FERVENZA DA XESTOSA - RÍO XESTOSA - OUROL

 FERVENZA DA XESTOSA

RÍO XESTOSA

OUROL


     A Fervenza da Xestosa, no concello de Ourol, é unha das máis bonitas da Mariña.

      Conta con distintos saltos, rematando nunha gran caída final de máis de 20 m de altura, precipitando as súas caudalosas augas con grande estrondo nalgunhas épocas do ano.

      O nome á fervenza dállo o Río Xestosa tamén chamado Xanceda que baña as serras da Gañidoira e da Coriscada e que se xunta co Landro, do que é tributario, en Xerdiz.

Ourol
     Ourol é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Mariña Occidental. Segundo o IGE, en 2014 tiña 1.090 habitantes.

Xeografía
       O concello, de 142,1 km², está situado ao norte da provincia de Lugo e abrangue oito parroquias. Limita ao norte cos concellos de Viveiro e Vicedo, ao sur con Muras, ao leste co Valadouro e ao oeste con Mañón (provincia da Coruña).

     A altitude media sobre o mar é de 405 m. Os ríos, que van dar ao mar Cantábrico, van en dirección sur a norte, con profundos vales e escarpadas zonas montañosas entre eles, diminuíndo a altitude media de sur a norte.

     O pico Veliña (937 m) está no límite cos concellos de Muras e O Valadouro, na fin da Serra do Xistral, que é unha zona especial de conservación (ZEC) da Rede Natura 2000[8]. O Pico Carballosa (732 m) está no límite das parroquias de Sisto e Ourol co concello de Muras.

     A rede fluvial vai dar a dous ríos: o Landro e o Sor. O primeiro, que desemboca na ría de Viveiro, discorre en parte polo municipio e fai de fronteira co concello de Viveiro. Está tamén declarado como ZEC Río Landro. Destaca pola presenza do salmón e polos hábitats de xunqueiras na marisma.

     O río Sor configura o límite oeste de Ourol, co concello coruñés de Mañón, e parte do límite sur con Muras.

     A el van dar dous dos seus afluentes pola esquerda, os ríos Toxoso e San Pantaleón, que atravesan as parroquias de Ambosores e Cabanas. Vai dar á ría do Barqueiro.

     O municipio conta con clima oceánico húmido, con suavidade térmica por mor da influencia mariña (11 °C de amplitude, cunha media anual de 14 °C) e con precipitacións durante todo o ano (1400–1500 mm).

Comarca da Mariña Occidental
A comarca da Mariña Occidental, ou terra de Viveiro, é unha comarca galega situada na provincia de Lugo cuxa capital é Viveiro.

      A ela pertencen os concellos de Cervo, Ourol, O Vicedo, Viveiro e Xove. Esta comarca é unha división oficial da Mariña de Lugo.

VIDEO

MAPA

 

 Fuente: Web Mariña Lucense

XOAN ARCO DA VELLA

FERVENZA DO POZO DA FERIDA - REGO DE LOUREIRO - VIVEIRO

FERVENZA POZO DA FERIDA

REGO DE LOUREIRO

VIVEIRO

  Pozo da Ferida
      É unha impresionante fervenza natural de máis de 30 metros, formada polo río Xudreiro, afluente do río Landro, nunha fermosa paraxe de limpas augas, que forma unha poza circular na súa base.

      Este salto atópase na parroquia de Monte, no concello de Xove. Pola parte de arriba do salto pódese ver un pequena pero fermosa presa, que era a que fornecía a auga a unha minicentral hidroeléctrica que se atopaba na parte baixa da mesma.

     Río abaixo a poza da fervenza desagua por unha serie de rápidos, nunha contorna chea de grandes eucaliptos.

      O nome recíbeo por unha lenda que xa moi poucos saben ou lembran. Segundo din, a cor das augas é dunha cor similar ao esterco por que nese pozo caeu de xeonllos unha vella xigante cun feixe (feixe moi grande que levaba sobre os ombreiros e as costas) de mulime (conxunto de vexetais cortados que se usaba para botar nas cuadras dos animais, para que estivesen secos e facer esterco) e xa nunca máis se puido levantar.

     Chégase pola estrada de Viveiro a Mondoñedo na que se colle un desvío a Valcarría, nas proximidades de Chavín.

     Desde este punto a fervenza atópase sinalizada, e é de moi fácil acceso.

     Tamén se pode acceder andando desde Casa do Batán, seguindo o curso do río Loureiro, que bordea a leira da casa e a pouco máis de 6 quilómetros desta, atópase esta paraxe natural de incrible beleza.

Roteiro Pozo dá Ferida
     O roteiro parte de Valado (Valcarría), subindo por un carreiro folgado. Despois de camiñar 1 Km. aproximadamente aparece un cruzamento ao pé do cal se haxa unha cruz que sinala a antiga existencia dun pequeno cemiterio, (onde enterraban os "anxiños", nenos que nacían mortos). 

     Deixando a cruz á esquerda, séguese o camiño todo recto ata alcanzar unha ponte (Ponte do Xudreiro).

 
     Cando se chega a este punto, transcorrería 1h. 30' aproximadamente, e pódese aproveitar a ponte para facer un pequeno descanso. 

      A marcha continua seguindo o carreiro de subida, sempre recto, deixando atrás varias desviacións, ata alcanzar unha serie de casas onde se atopa a primeira sinalización que indica o camiño de baixada (cada vez máis empinado), cara ao Pozo da Ferida.

VIDEO

MAPA

 

Fuente: Web Espacio Rural

XOAN ARCO DA VELLA

FERVENZA DO SALTO DO CORO - RÍO VALIÑADARES - MONDOÑEDO

 FERVENZA SALTO DO CORO

RÍO VALIÑADARES

MONDOÑEDO

A fervenza do Salto do Coro
     Salto de auga de 15 metros de altura

     A fervenza do Salto do Coro está situada nos montes de As Bouzas, en Mondoñedo, é unha contorna natural de gran interese turístico, a cal podemos acceder despois dun fermoso paseo entre regatos e saltos de auga.

A fervenza
      A Fervenza de Salto do Coro ten uns 15 metros de altura en caída de auga que se depositan sobra unha gran poza de augas limpas e cristalinas que nos meses de outono énchense das follas das moitas árbores que rodean este enclave.

     O caudal de auga non é constante, e é posible que se visitas a fervenza no verán te atopes cun fino fío de caída se non choveu en días recentes.


     Para ver de preto a fervenza é necesario acceder ata ela por medio dunhas escaleiras de pedra que nos permiten acceder aos pés da mesma, onde rompe a auga do río Valiñadares.

     A fervenza escóndese nun bosque infestado de vexetación verde e árbores autóctonas da zona. E as paredes rochosas do lugar forman un semicírculo coa fervenza ocupando a parte central.

Un roteiro dedicado á auga
     A súa visita é apropiada para os calorosos días de verán, mesmo podemos aproveitar para refrescarnos nas limpas augas do río Valiñadares. 

     Os amantes do sendeirismo, poden coñecelo a través do Roteiro da auga, é un roteiro de sendeirismo que parte da Fonte Vella no centro da vila de Mondoñedo, e despois da visita a dous muíños e varias aldeas ben conservadas, chégase ao Salto do Coro.

     O paseo é un agasallo aos sentidos en todo momento, especialmente ao da vista. As imaxes que se recompilan durante o paseo son dignas de reter na memoria durante un paseo no que o murmurio do correr da auga e o aire puro crean unha atmosfera envolvente que nos estimula durante o paseo.

     Este é un roteiro sinxelo que se pode facer tanto con nenos pequenos como con persoas con capacidades físicas máis limitadas, aínda que é certo que a subida ata a fervenza será máis complexa para estes últimos.

      En menos de tres horas faise o roteiro completo, que ten formato circular e uns oito quilómetros en total.

     Está perfectamente sinalizada para non perderse en ningún momento.

VIDEO

MAPA

 

Fuente: Paxinas Galegas

XOAN ARCO DA VELLA

 

DOLMEN DE ABUIME - SANTA MARÍA DE ABUIME - O SAVIÑAO

 DOLMEN DE ABUIME

SANTA MARÍA DE ABUIME 

O SAVIÑAO

 Dolmen de Abuime
     Na parroquia de Santa María de Abuime (O Saviñao-Lugo) localízanse varios túmulos neolíticos, pero só un deles, o dolmen de  Abuime, atópase coa súa cámara ao descuberto.

      O dolmen e o menhir son manifestacións do período Megalítico, cuxa cronoloxía abarca desde o Neolítico Medio ata a Idade de Bronce.

      Neste período prehistórico, de clima cálido e chuvioso, a sedentarización paulatina da poboación favorecerá o desenvolvemento da agricultura e, por tanto, o hábitat nun territorio determinado. 

      Próximos a eses hábitats eríxense os primeiros  túmulos que, ao contrario que as vivendas, son construídos con materiais non perecedoiros para que perduren no tempo.

      O dolmen de  Abuime conserva seis esteos graníticos de considerable altura que definen unha planta de tres metros de diámetro.

     As súas dimensións evidencian unha cámara pétrea de gran tamaño que actualmente carece de cuberta.

       Non podemos constatar a presenza ou non de corredor xa que non se conservan a totalidade das pezas.


     Estes corredores eran propios do momento de maior esplendor do megalitismo e salientaban o carácter monumental do túmulo.

     Finalmente, a cámara atoparíase cuberta por unha capa vexetal composta por terra e pedra miúda. É dicir, o seu aspecto final sería unha pequena montaña de terra definida por un diámetro de laxas coñecida co nome de mámoa.

MAPA

 

Fuente: Web Ribeira Sacra

XOAN ARCO DA VELLA

VALMOURISCO - MELÓN

 VALMOURISCO

MELÓN

Valmourisco
     Valmourisco é un lugar da parroquia de Melón no concello ourensán de Melón na comarca do Ribeiro.

     Tiña 3 habitantes no ano 2012 segundo datos do INE e do IGE, dos cales 1 era home e 2 mulleres.

Melón
     Santa María de Melón é unha parroquia do concello do mesmo nome (Melón), situada na provincia de Ourense.

     Segundo o padrón municipal (INE 2012) ten 603 habitantes (284 homes e 319 mulleres), o que supón unha diminución en 8 habitantes en relación ao ano anterior.

Patrimonio
     Nesta parroquia está o Mosteiro de Santa María de Melón.

Lugares de Melón
     Cima de Vila, A Cortella, O Coruxal, A Costa do Cuco, A Fonte Santa, A Hedreira, Melón, As Mestas, Penavaqueira, A Ponte, O Retiro, Seoane, Tourón, Valmourisco

Comarca do Ribeiro
     A comarca do Ribeiro é unha comarca galega situada na provincia de Ourense no curso medio do río Miño, que a percorre de nordeste a suroeste.

     A súa capital é Ribadavia, e a ela pertencen os concellos da Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia. Dálle nome ao viño do Ribeiro.

     Ocupa unha superficie de 406,92 km², nos que viven 15.571 habitantes (2020).

     Por ela transcorren tamén os ríos Arnoia e Avia. O Miño está represado nos encoros de Castrelo de Miño e da Frieira.

     Existen varios balnearios que aproveitan as augas. Desde a Serra do Suído e Faro de Avión, ao oeste, onde se chega ao 1.000 m de altitude, o relevo descende até só 97 m en Ribadavia e Arnoia.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA