domingo, 6 de marzo de 2022

VILARIÑO - RANDÍN - CALVOS DE RANDÍN

 VILARIÑO

RANDÍN

CALVOS DE RANDÍN

 Vilariño
     Vilariño é un lugar da parroquia de Randín no concello ourensán de Calvos de Randín na comarca da Limia.

     Tiña 17 habitantes no ano 2011 segundo datos do INE e do IGE, dos cales 9 eran homes e 8 mulleres.

     Iso supón unha diminución da poboación respecto a 2010, cando tiña 18 habitantes (9 homes e 9 mulleres).

Randín
     San Xoán de Randín é unha parroquia do concello ourensán de Calvos de Randín na comarca da Limia.

      No ano 2007 tiña 254 habitantes (128 homes e 126 mulleres) distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 28 habitantes en relación ao ano 2000.

     No seu termo áchase o Castelo da Picoña.

Historia
     Na parroquia tivo lugar o 22 de febreiro de 1944 o accidente de Monteagudo, no que un avión británico bateu contra un monte e sufriu un incendio, morrendo os seus seis ocupantes.

Lugares de Randín
     Paradela, Randín, Vilar, Vilariño

Calvos de Randín
     Calvos de Randín é un concello da provincia de Ourense, pertence á comarca da Limia. 

      Segundo o padrón municipal, en 2015 tiña 922 habitantes (1242 en 2003).O seu xentilicio é calvense ou randinense.


Xeografía
     O concello, de 98 km², abrangue 9 parroquias. Está situado ao sur da provincia de Ourense, á beira das serras de Larouco, O Xurés e A Pena, acadándose nesta última os 1400 m de altitude. 

     O municipio está atravesado polo río Salas, afluente do Limia, onde se construíu o encoro de Salas. Á súa vez, este río recibe as augas do río Firbeda.

     É unha zona con clima oceánico de montaña, con fortes precipitacións e temperaturas baixas, se ben no verán adoita haber fortes secas.

Historia
     A situación fronteiriza con Portugal marcou a evolución histórica do concello. As terras da Picoña tiñan a súa cabeceira no castelo da Picoña, derruído en 1650 por tropas castelás. No século XVIII a zona pertencía á xurisdición do conde de Lemos.

    Historicamente, parte do seu territorio pertenceu ó Couto Mixto. Isto daba certos privilexios á súa poboación, como a exención de pagar tributos ás coroas de Portugal e Castela, a libre pertenza a un ou outro reino, e a elección dun alcalde. Estes dereitos abolíronse trala aplicación do Tratado de Lisboa de 1864.

     O 22 de febreiro de 1944 tivo lugar o accidente de Monteagudo, no que un avión británico bateu contra un monte e sufriu un incendio, morrendo os seus seis ocupantes.

Lugares de Calvos de Randín
     Calvos (Santiago), Castelaus (San Martiño), Feás (San Miguel), Golpellás (San Xoán), Lobás (San Vicente), Randín (San Xoán), Rioseco (Santa Mariña), Rubiás dos Mixtos (Santiago), Vila (Santa María)

VIDEO

MAPA 

 

XOAN ARCO DA VELLA

 

PETO DE COUSO DE SALAS - COUSO DE SALAS - MUIÑOS

 PETO DE COUSO DE SALAS

COUSO DE SALAS

MUIÑOS


   Petos de Ánimas
     Os petos de ánimas son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción das ánimas; non deixa de falarnos das ideas moi profundas na mentalidade galega sobre a vida e a morte.

     Afirman os historiadores e etnógrafos que o peto de ánimas xorde despois do século XVI, na situación político-relixiosa da Contrarreforma, é entón cando aparece a idea do Purgatorio.

Segundo Castelao:
     "A nova devoción suprímeo a idea de castigo eterno".

      A mediados do século XVII, Galicia xa deixara de pensar no Inferno para que se entregue de cheo a idea do Purgatorio, do que os seus mortos queridos podían salvarse a forza de oracións e boas obras.

     A finalidade destes elementos populares é a de ofrecer ofrendas de todo tipo (flores, cera, patacas, maíz, pan, aceite ...), ás ánimas que non atopan descanso no Purgatorio, para que alcancen a felicidade no Ceo; unha vez liberadas intercederán por quen fixo a ofrenda, e daban diñeiro para que o cura o administre e dixese misas polos defuntos.

     Os retablos das ánimas, os petos en que se pide a esmola durante a misa e as obras de cantería son manifestacións de culto ás ánimas.

     O estilo artístico , de cantería defínese como "popular"; os devotos coñecían perfectamente as formas e cores que querían e non lle pedían ao canteiro artesan outra cousa que facer a obra encargada coa súa mellor habilidade.

   Os petos unen arquitectura e escultura, e a súa estrutura divídese en tres partes:
- Estructura arquitectónica básica.
- Unha cavidade similar a unha capeliña que ocupa o eixe central e superior (buqueira).
- Unha cavidad case sempre na base da capeliña, tapada cunha lámina de ferro e un buraco para meter as ofrendas (Alxibeira).

MAPA 

 

XOAN ARCO DA VELLA

TORRE DO RELOXO - CAMINHA

TORRE DO RELOXO

CAMINHA

     A Torre do Reloxo, ou Torre do Relogio, é o símbolo icónico de Caminha, poboación situada na desembocadura do Rio Minho, no distrito de Viana do Castelo.

     Esta torre formaba parte das murallas construídas no século XIII polo rei Afonso III.

     Este gran conxunto defensivo contiña originalmente 13 torres, que se correspondían co mesmo número de portas.

     Na actualidade esta é a única torre do castelo que se manten intacta.

    De planta cadrada, a torre ten unha porta na planta baixa, no arco puxose unha imaxe de Nossa Senhora dá Conceiçao, ordenada poñer alí por D. Juan IV, e o escudo de armas de Portugal.

      O corpo da torre divídese en dúas plantas e está coroada por almenas e campanario de cuberta piramidal. 

     Na parte superior da torre, no conxunto de almenas, colocouse en 1673 o reloxo que máis tarde deu nome á torre.

      A Torre do Reloxo está aberta ao público como espazo museístico, que alberga o Núcleo Museolóxico do Centro Histórico de Caminha, adicado á historia urbana da poboación.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

sábado, 5 de marzo de 2022

CASTELO DA ROCHA FORTE - ROCHA VELLA - CONXO - SANTIAGO

 CASTELO DA ROCHA FORTE

ROCHA VELLA

CONXO

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Castelo da Rocha Forte
Situación
     A Fortaleza da Rocha Forte, tamén coñecida como Castelo dos Churruchaos, sitúase na parroquia de Conxo no lugar da Rocha Vella, pertencente ao concello de Santiago de Compostela.

      Atópase, a unha altitude de 185 metros, no lugar coñecido como a Rocha Vella, a carón da vía do ferrocarril, que o cruza ocultando gran parte do sitio e preto da actual saída da cidade cara a Pontevedra.

     Os terreos sobre os que se asenta son propiedade do Arcebispado de Santiago, que cedeu o seu uso por 50 anos ao concello. Calcúlase que o recinto ocupa uns 4.000 metros cadrados.

Descrición
     Trátase dun sitio arqueolóxico, catalogado como Ben de Interese Cultural e cunha adscrición cronolóxica de ocupación definida entre o século XIII e o XV.

     Na actualidade atópase en estado ruinoso, e está a ser estudado mediante escavacións arqueolóxicas levadas a cabo dende o ano 2001.

     Conformada por distintas cercas, consérvase a exterior nunha lonxitude de 40 metros na área sueste, da interior consérvase todo o perímetro amais doutras estruturas na zona central onde se podería situar a torre da homenaxe, así como os restos dos torreóns nos seus ángulos e flanqueando o acceso principal (malia que só se conservan os seus baseamentos). Conta ademais con dependencias subterráneas en relación coas que ata de agora só foron documentados os accesos escalonados.

     Amais do seu valor defensivo, xa que era o refuxio dos arcebispos de Compostela -o lugar onde refuxiarse cando había problemas cos levantiscos composteláns-, era un enclave perfecto para controlar a entrada e saída da cidade de xentes e mercadorías, xa que se atopa nas proximidades do antigo camiño que unía Santiago con Noia e co camiño de Padrón, ao Camiño portugués, que seguían os peregrinos a Santiago dende o sur de Galicia.

     Este foi o motivo principal de que o castelo, ao contrario do habitual, se colocara ao carón do río, no fondo dun val, e non nunha posición predominante en altura (posición dos denominados castelos rochosos).

     O castelo funcionaba como punto de control do camiño cara ao mar, como primeiro posto de defensa ante previsibles invasións que puideran entrar, a través da ría de Arousa e o río Ulla, contra a cidade.

Historia
     O castelo foi construído polo arcebispo Xoán Arias cara ao ano 1240 e, dende entón, serviu como residencia arcebispal e do cabido, sendo testemuña de gran parte da historia medieval de Santiago. 

     No ano 1255 aparece a primeira mención documental da fortaleza en relación coas constitucións capitulares de Xoán Arias.

    Tamén se rexistrou a reconstrución realizada por Berenguel de Landoira despois dos estragos causados polos cidadáns de Compostela no 1320, no que foi o primeiro enfrontamento documentado de moitos que tiveron lugar entre o concello e o bispado estando á fronte da sublevación Afonso Suárez de Deza, personaxe da familia dos Deza-Churruchaos e mordomo do fillo de Sancho IV de Castela, o infante Felipe.


     Estas loitas recolléronse no documento "Hechos de Don Berenguel de Landoira" no que se narra que no día da Purificación os cidadáns de Compostela atacaron e incendiaron o castelo, tendo que volver a ser levantado polo arcebispo.

      Modificacións substantivas tamén foron as feitas polo sureño arcebispo Lope de Mendoza. 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA