miércoles, 21 de abril de 2021

MUIÑOS DE TABOEXA - LUGAR DO MOURO - REGO DE FESVELLO - TABOEXA - AS NEVES

MUIÑO DE TABOEXA

LUGAR DO MOURO

REGO DE FESVELLO

TABOEXA

AS NEVES


Taboexa
     Santa María de Taboexa é unha parroquia que se localiza no concello das Neves.

      Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 502 habitantes (252 mulleres e 250 homes), distribuídos en 21 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 2004 cando tiña 500 habitantes.

Xeografía
     A parroquia esténdese pola aba do monte de San Nomedio, o cumio máis alto dos arredores con case 700 metros de altitude.

Patrimonio
     O Castro de Altamira, escavado en 1976 por Alfredo García Alén, e do cal se conservan numerosas pezas no Museo Provincial de Pontevedra.

      Os petróglifos de Mouro e da Citania de Altamira están declarados Ben de Interese Cultural.

      O Centro de Interpretación do Patrimonio e Local Socio-Cultural está enfocado á posta en valor dos bens arqueolóxicos e arquitectónicos da parroquia.

     Segundo Pablo Osorio o monte de San Nomedio podería corresponderse co monte Medulio, en base á proximidade ao río Miño e á toponimia da zona. Segundo unha lenda, as augas de San Bartolomeu son férreas porque tras unha gran batalla librada alí, as armas foron soterradas nunha gruta. Outra lendas di que entre o monte e a igrexa parroquial existe unha cova escavada por mouros.

     O 7 de decembro de 2017, tras a vaga de lumes de 2017, descubriuse unha laxe con petróglifos sen catalogar.

Lugares de Taboexa
       Altamira, Arufe, As Barreiras, As Bouciñas, Bugalleiras, O Candón, O Caneiro, A Capela, A Carrasqueira, Carreirachán, O Casal, Corneda, O Corvo, O Cotiño, Covalagarto, A Custoura, Frián, A Gañavena, A Igrexa, Leiradiño, A Lomba, O Marco, O Mariño, Millaxendo, A Moreira, Morgallón, O Mouro, Novás, O Outeiro, O Pazo, A Pedreira, Perdeán, Os Píos, A Rata, O Rego Novo, O Reguengo, O Rodeiro, Sandomedio, O Toxal, Trigal, Valverde, A Viña do Pazo

As Neves
        As Neves é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Condado.

      Segundo o IGE, contaba no 2014 con 4.121 habitantes, o que supón unha diminución de habitantes con respecto aos censos anteriores. O seu xentilicio é nevense.


Xeografía
      O concello posúe catro elementos xeográficos que actúan de referentes principais: o val do río Xuliana polo oeste, o do Miño polo sur, o do Termes polo leste e os Montes da Paradanta polo norte, onde se sitúa o monte San Nomedio, de 690 metros de altitude.


Val do Xuliana

         O río Xuliana percorre as parroquias de Taboexa, Rubiós, Tortoreos e Liñares, onde desemboca no Miño. O val esténdese desde a aba do monte San Nomedio ata a foz do río en Liñares, a máis chan de todas as parroquias nevenses.


Val do Miño
      O río máis longo de Galiza baña ao concello nun treito de 10 quilómetros, servindo de fronteira co veciño Portugal. As súas augas transcorren polas parroquias, en sentido leste-oeste, de Vide, Setados, As Neves, Tortoreos e Liñares. Sendo Vide, Tortoreos e Liñares de escaso relevo, a orografía algo máis montañosa de Setados e As Neves convértenas en interesantes miradoiros nos que enxergar unha boa panorámica de Portugal.

Val do Termes
     O curso fluvial do Termes segue as parroquias de Cerdeira, San Xosé de Ribarteme, San Cibrán de Ribarteme e Santiago de Ribarteme, desembocando no Miño a xeito de fronteira entre Vide e Setados. O val abrangue desde a ladeira sur do Monte de Paradanta, onde se asenta Cerdeira, encaixándose logo entre este e o Monte de San Fins cara o nor-nordeste e o monte de San Nomedio en dirección nor-noroeste.

Montes da Paradanta
     A zona máis montañosa do concello é a correspondente ás parroquias de Cerdeira, San Pedro de Batalláns e Santa Eulalia de Batalláns, así coma o norte de Taboexa e o norte e leste de San Xosé de Ribarteme. No caso de Cerdeira e Santa Eulalia o seu relevo montañoso débese a estaren situadas nas abas sur e oeste do monte Paradanta, respectivamente, pertencendo o cumio do monte ao concello da Cañiza. Nelas acádanse as maiores alturas do concello, arredor dos 800 metros. As outras tres parroquias están dominadas pola presenza de San Nomedio, con cumio en Taboexa.


Parroquias
     Batalláns (Santa Eulalia), Cerdeira (San Xoán), Liñares (Santa María), As Neves (Santa María), Rubiós (San Xoán), San Cibrán de Ribarteme (San Cibrán), San Pedro de Batalláns (San Pedro), San Xosé de Ribarteme (San Xosé), Santiago de Ribarteme (Santiago), Setados (Santa Euxenia), Taboexa (Santa María), Tortoreos (Santiago), Vide (Santa María)

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

lunes, 19 de abril de 2021

SALTO DA VELLA CENTRAL - RÍO DEZA - ZOBRA - LALÍN

SALTO DA VELLA CENTRAL

RÍO DEZA

ZOBRA

LALÍN

 Zobra
     Santa Mariña de Zobra é unha parroquia que se localiza no concello de Lalín.

     Segundo o IGE en 2011 tiña 152 habitantes (81 mulleres e 71 homes), distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 185 habitantes.

Historia
     Nesta parroquia o Mosteiro de Aciveiro tivo unha granxa priorado con terras e colonos; neste señorío sucedeulles a Casa de Chedas, que segue presidindo a arquitectura local.


Patrimonio
     A igrexa parroquial de Santa Mariña de Zobra, con fábrica orixinal no século XII, é obra dos canteiros locais. Tamén ofrece interese a Casa de Cabana, que estivo vinculada ao Pazo de Des, en Soutolongo.

Lugares de Zobra
     Acevedo, Ameixedo, Cabana, O Cantiño, Chedas, Liñeiras, Portela, Porto Martín, A Regouza, A Trigueira, Zobra

Comarca de Deza
     A comarca de Deza é unha comarca da provincia de Pontevedra e a súa capital é Lalín.

     Pertencen a ela os concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. A súa poboación é de máis de 40.000 habitantes.

    O Deza coincide coa antiga comarca de País do Deza, isto é, as xurisdicións de Deza, Camba, Dozón, Trasdeza, Carbia e Valquireza.


Xeografía
     A comarca de Deza ven coincidir co centro xeográfico de Galicia. Limita ao norte coas comarcas de Santiago, Arzúa e Terra de Melide, ao sur coa do Carballiño, ao leste coas de Ulloa e Chantada e ao oeste con Tabeirós-Terra de Montes.

     A comarca está estruturada pola dorsal galega, coas serras do Faro ao leste, da Martiñá ao sur, do Candán ao oeste coa e o río Ulla, que a separa da Terra de Santiago ao norte. O conxunto constitúe unha comarca natural que xa se referencia en documentos do ano 569 ao se conformar o Condado Decense no seo da diocese de Lugo.

     Caracterízase por un clima atlántico, sen temperaturas extremas nin en inverno nin en verán, con paisaxes fluviais que permiten o desenvolvemento de especies vexetais mediterráneas e o cultivo de vides, limoeiros etc.

     Os ríos Deza e Arnego, afluentes do Ulla, cruzan paralelos a comarca do sur ao norte. 

     O Deza e o seu afluente, o Asneiro, nacen no monte Testeiro; o Arnego nace na Serra de Faro.

     A estes úneselles o río Toxa que baixa desde o Candán e na súa caída ao Deza forma unha das máis significativas fervenzas de Galicia (fervenza do Toxa). 

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA


domingo, 18 de abril de 2021

PETO DE PULLEDO - PULLEDO - PEREDA - SAN CRISTOVO DE CEA

 PETO DE PULLEDO

PULLEDO

PEREDA

SAN CRISTOVO DE CEA


  Peto de ánimas
   Chámanse petos de ánimas a unha das manifestacións materiais do culto aos mortos e son, xeneralmente, sinxelos monumentos de piedade popular asociados á idea do purgatorio.


    En Galicia é frecuente atopalos en camiños, encrucilladas, atrios de igrexas, etc.


     Os historiadores e etnógrafos sitúan a súa aparición a partir da Contrarreforma, datándose os máis antigos no século XVII, aínda que non sería ata o século XVIII cando se constrúan con máis profusión.


     A súa finalidade é a de ofrecer esmolas de todo tipo ás ánimas do Purgatorio, sendo o seu castigo temporal e podendo así alcanzar o Ceo.


     En compensación, unha vez liberadas intercederán por quenes realizaron as ofrendas.

     As esmolas non eran de carácter estrictamente monetarias, tamén podía tratarse de produtos agrícolas.

     Os petos de ánimas adoitan estar construídos en pedra cunha cruz no alto, polo xeral con imaxes das ánimas no lume do purgatorio e unha figura que as vela (santo, rei ou bispo).

     Na parte frontal aparece un peto para depositar a esmola e protexido cunha reixa ou un cristal.

Algúns levan lendas do tipo:
     Un alma tes e non máis, si a pérdes que farás...

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

 

PETO DE OURANTES - OURANTES - PUNXÍN

 PETO DE OURANTES

OURANTES

PUNXÍN

  Peto de ánimas
     Os petos de ánimas atópanse en camiños e encrucilladas de toda Galicia e son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas. 

     Tódolos construídos con anterioridade a 1901 son bens de interese cultural.


Significado

     O seu significado vén da crenza na continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ao ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida (o purgatorio), moi arraigada na mentalidade popular galega.


     Dentro das construcións populares, os petos de ánimas son os que evidencian a importancia do purgatorio. A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo.Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de se asegurar a propia.


     Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar. Son moi curiosas as advertencias que se fan no seu nome.


     Por exemplo, no de Famelga de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) lese textualmente: "Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás...". Tamén se invita a recordar os antepasados: "Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o parientes o amigos". E, noutra parte do oratorio, apréciase esta inscrición: "Rogade por nos, Señor, E socorrenos cos vosos sufraxios que nos pediremos por vos".

Orixe
     As almas do purgatorio que son a meirande devoción galega, despois dos santos, de Cristo e da Nai; e, aínda que o culto teña a súa raizame no cerne mesmo do espírito galego, as mostras que se conservan son serodias.


     A idea do purgatorio, aumentada e revitalizada a partir do Concilio de Trento (século XVI), fixo que se desenvolvese a práctica da construción destes monumentos populares cunha determinada iconografía. Pero segundo parece, en Galicia é no século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados corresponden ao século XVII.


Localización e dimensións

     As encrucilladas aínda inspiran temor aos naturais do país, e a súa causa está en que pervive nas crenzas actuais consideralas como lugar que fora destinado ao enterramento, especialmente dos apartados da comunidade cristiá. De aí a crenza de que polas mesmas vaguen durante a noite as almas dos condenados.


     Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil establecer unha morfoloxía xeral, aínda que si se pode indicar que o corpo central do peto está composto por unha cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo ou pintura, e un peto ou hucha para botar as esmolas. 

     Estes elementos veñen a maioría das veces acompañados doutros secundarios: cornixas, pilastras, portiña de ferro etc.


O culto aos petos de ánimas

     Tamén é habitual que, ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles agradece algún favor feito, porque acostuman a axudar aos vivos.


     Pídeselles axuda para solucionar algún problema e colócanselles flores no seu recordo.

     Ás ánimas, sobre todo, ténselles respecto.

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA