martes, 8 de septiembre de 2020

PEDRA DO BECERRAL - XEVE - PONTEVEDRA

PEDRA DO BECERRAL
XEVE
PONTEVEDRA


     A chamada Pedra do Becerral atópase bastante preto dun outeiro da parroquia, chamado Outeiro do Castro. 


     Este ben trátase dun conxunto de tres pedras superpostas, dúas enriba da terceira.

 
     O conxunto é comúnmente usado como punto de reunión polos rapaces do pobo, que se suben á cima dunha das dúas pedras superiores (a máis baixa).



      Na parte superior desta, a pedra ten pías tanto circulares coma ovaladas, que semellan ser naturais. 



     Sen embargo, na parte superior da pedra de máis altura pódense observar cazoletas, atopadas no bordo, e só ata lugares alcanzables dende o alto da segunda rocha.


Xeve
     Santo André de Xeve é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. Segundo o padrón municipal de 2017 tiña 1.066 habitantes (560 mulleres e 506 homes), distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2004 cando tiña 1.219 habitantes. 



     Até 1944 pertenceu ao concello de Xeve como concello independente, aínda que agora pertence ó de Pontevedra. Nesta parroquia naceu a escritora Fina Casalderrey.


     A parroquia sitúase no nordeste da cidade e linda con Santa María de Xeve, Mourente, Bora, así como co veciño concello de Cerdedo-Cotobade.



Lugares de interese

      Na parroquia emprázase o campo de tiro de Cernadiñas Novas, onde se celebran competicións nesta modalidade deportiva. Destacan a igrexa parroquial (do século XVI e reformada no XVII), a casa reitoral, situada nas súas inmediacións, e a capela de san Roque.



Celebracións relixiosas

     O patrón da parroquia é santo André e a súa festa celébrase o día 30 de novembro. Tamén se celebran os días de san Roque, do Santísimo (no primeiro domingo despois do Corpus Christi) e da Virxe do Carme (o terceiro domingo de agosto).



Lugares de Xeve
     O Couso, Filgueira, Fragoso, Maúnzo, Santa Cruz, Sobral


VIDEO
MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

Fuente: Web Patrimonio Galego
XOAN ARCO DA VELLA

PRESA DO INFERNO - RÍO VERDUGO - TABOADELO - PONTE CALDELAS

 PRESA DO INFERNO
RÍO VERDUGO
TABOADELO 
PONTE CALDELAS


Río Verdugo
     O Verdugo é un río galego da provincia de Pontevedra, cuxa foz se sitúa no fondo da ría de Vigo.


Percorrido
     O Verdugo nace a 760 m de altura no monte do Outeiro Grande, na aldea de Cernadelos (Santa Mariña de Presqueiras, Forcarei). 


     No seu primeiro tramo baixa encaixado atravesando os concellos de Beariz, A Lama e Ponte Caldelas, facendo un val máis amplo na súa entrada en Soutomaior.


     No seu último tramo serve de fronteira entre Soutomaior e Pontevedra, desembocando entre Arcade e Ponte Sampaio.


     No concello de Ponte Caldelas atravesa os pasos da Fraga, onde se conservan varios muíños e un peto de ánimas. Despois de formar a praia fluvial da Calzada, na vila de Ponte Caldelas hai un paseo fluvial, a carón do antigo balneario, onde hai un monumento ao pescador.


Características
     O seu afluente principal é o río Oitavén, que se lle une pola esquerda, en Ponte da Barca, e que desenvolve un percurso de lonxitude similar á do Verdugo, desde o seu nacemento até a confluencia (32 km).


     De modo que ás veces se fala do sistema Verdugo - Oitavén (o curso común é de 7 km), e máis se se ten en conta que o caudal do Oitavén é superior. Outros dos seus afluentes son o Calvelle e o Barbeira.


     O tamaño total da conca é de 357 km² (177,7 km² corresponden á bacía do Oitavén). O caudal absoluto do Verdugo na desembocadura é de 17 m³/s (o do Oitavén, antes da confluencia, atinxe os 10,5 m³/s).


     O Verdugo e os seus afluentes son ríos de réxime pluvial. As precipitacións medias na súa conca atinxen os 1884 mm anuais.


Aproveitamento
     No Verdugo sitúanse tres encoros: os de Feixa I e Encoro de Feixa II, localizados no concello de Ponte Caldelas e máis o encoro da Ponte do Demo, no de Soutomaior. Son de potencia inferior a 10 Mw.


     O río Verdugo ten sona pola pesca da troita. O último domingo de maio celébrase en Ponte Caldelas a festa da troita e o concurso internacional de pesca de salmónidos.

VIDEO
MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

lunes, 7 de septiembre de 2020

CHOZO DO PINAR DO REI - CASAL DO REI - CAMPAÑO

CHOZO DO PINAR DO REI
CASAL DO REI
CAMPAÑO


Chozo do Pinar do Rei
     Chozo destinado a labores de pastoreo para acubillo dos pastores ou ben dos años.


     Tratase dun con de grandes dimensións cunha pía de erosión na parte superior a que se lle labrou unha pequena canle de desembocadura. 


     O con apoiase en tres puntos deixando unha cámara embaixo, cuios laterais ao descuberto cubríronse con muros de cachotería para impedir o paso do vento ao interior, deixando unha entrada mirando cara ao norte.


     A destacar a erosión do granito pola acción da auga na cara inferior, o granito representa unha erosión alveolar pouco común. 


     Hai restos de fume no interior inda que non hai restor de lumes no chairo.


Campañó
     San Pedro de Campañó é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. 


     Segundo o padrón municipal de 2014 tiña 1892 habitantes (919 homes e 973 mulleres), 132 menos ca en 1999. Ten 31 entidades de poboación.


     Sitúase ao pé do monte Castrove, a tres quilómetros da cidade de Pontevedra. Por ela pasa o río Rons e a estrada PO-531.


     É unha parroquia rica en restos arqueolóxicos, tras o achado de petróglifos e cerámicas. Nela hai un poboado castrexo, o castro de Campañó. Moitos cruceiros espállanse polo seu territorio, a meirande parte situados no antigo sitio de Bartram, durante o século XVI. A comezos do século XVII certas terras da parroquia foron aforadas polo arcebispo de Compostela, Maximiliano de Austria.


     O templo é de orixe románica, pero reformouse no século XVIII. No interior presenta variada decoración e un gran retablo coa figura de San Pedro ao fondo; hai unha imaxe da Virxe do gótico do século XIV.


Festividades
     Ao comezo do verán celébranse as festividades de San Pedro (29 de xuño) e de San Paio (30 de xuño). A Virxe das Dores celébrase os días 17 e 18 de setembro. 


     O 12 de outubro, polo día do Pilar, tamén hai festa na parroquia, sendo a única que se celebra no lugar de Sabarís.


Lugares de Campañó
     Altabón, Barragáns, O Bispo, A Boca, Cabaleiro, O Cachapal, Campañó de Arriba, Carballiños, O Casal de Rei, Casal do Mendo, O Cochón, A Corredoira, Ferreiros, O Freixo, A Galiana, Moldes, Os Muíños, Parada, Pedreira, Piñeiro, O Ribeiro, Sabarís, Soutonovo, O Vao


VIDEO
MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

Fuente: Web Patrimonio Galego
XOAN ARCO DA VELLA

domingo, 6 de septiembre de 2020

MUIÑO DO CURA OU DE MACHÓN - O MACHÓN - CATOIRA

MUIÑO DO CURA OU DO MACHÓN
O MACHÓN
RÍO CATOIRA
CATOIRA


     Muíño cun sistema único, posto que aproveita tanto a auga das mareas como a do Río Catoira mediante un sistema de comportas que retiña as augas do mar ou do río, para posteriormente cando a presa estaba chea abrir os pasos e contar con suficiente caudal para mover os rodicios, e con eles as moas. 


     Aínda que non está clara a súa data de creación, sábese polas crónicas que en 1873, cando se constrúe a vía de ferrocarril Santiago-Carril, xa estaba operativo, pois pasa a escasos metros. 


     A propia construción está levantada na propia presa de contención da auga e conta con dúas moas.


Catoira
     Catoira é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas.


 
     Segundo o padrón municipal (INE 2013) conta con 3.421 habitantes (1.683 homes e 1.738 mulleres).



     O seu xentilicio é «catoirense».



Xeografía
     O concello, de 29,1 km², abrangue catro parroquias. Limita ao noroeste co río Ulla xa na desembocadura na ría de Arousa, ao nordeste con Valga, ao sueste con Caldas de Reis e ao suroeste con Vilagarcía de Arousa.



     O punto de maior altitude é no monte Xiabre (641 m), no límite con Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis. Está comunicada con Pontecesures e Vilagarcía de Arousa a través da PO-550, e co Barbanza (na provincia da Coruña) a través dunha ponte. Na estación de Catoira fan parada algúns trens da liña Vigo-A Coruña.


 
Historia
   O Monte das Mámoas é un conxunto de dúas mámoas do neolítico, situadas na parroquia de Santa Baia de Oeste, descubertas en 1956 por Ramón Sobrino Buhigas. Teñen uns 22 metros de diámetro cada unha, e están orientadas en dirección N-S. No lugar de Cores (de Abalo) foi atopada en 1988 unha hacha do calcolítico., feita con rocha metamórfica puída.



     No río Ulla, preto das Torres de Oeste, foron atopadas varias espadas de bronce, conservadas en mans de particulares, no Museo de Pontevedra e no Museo arqueolóxico da Coruña. Esta última ten estoque de bronce con encaixes semicirculares na base. Fáltanlle dúas terceiras partes da empuñadura, conservándose parte dunha das perforacións para un cravo e dous remaches. A folla está moi deteriorada e reducida, con vestixios de finas estrías e dous finos nervios paralelos que se unen no terzo inferior e rematan no pico. Tiña unha lonxitude de 50 cm, cun ancho de 4,5 cm na parte máis grosa.



     Da cultura castrexa consérvanse restos do castro de Tarrío, un poboado castrexo situado preto da igrexa de Dimo no que apareceron restos de cerámica. O castro das Torres mostra indicios dunha actividade metalúrxica e comercial importante, pois nel apareceron materiais de importación por vía marítima como ánforas, cerámica campesiña e fragmentos de tradición ibérico- púnica. Río arriba hai restos doutros asentamentos arqueolóxicos relacionados co comercio e as comunicacións.



     A zona sufriu as invasións normandas, tendo lugar os principais ataques nos anos 858, 968 e 1016. No segundo deles unha escuadra de cen naves desembarcou en Cabreira dirixíndose cara a Iria Flavia. Na batalla de Fornelos, á beira do río Louro, na que faleceu o bispo compostelán Sisnando.



     O rei Afonso V o Nobre doou a illa de Oneste no ano 1024 ó bispo iriense Vistruario para construír unha fortaleza, as Torres de Oeste, co fin de facer fronte aos ataques viquingos. O bispo de Iria Cresconio reformou a fortaleza e mandou tender unha grosa cadea entre as dúas beiras da ría para impedir o paso das naves. Os sucesores de Cresconio, Diego Páez e Diego Xelmírez, seguiron mellorando o recinto, que tomou a súa estrutura definitiva no século XII, quedando composta a fortaleza por sete torres que amurallaban un recinto arrodeado de pantanos.


     Xelmírez mandou construír unha capela adicada ao Apóstolo Santiago. A partir do século XV,a fortaleza comeza a súa decadencia, e finalmente no ano 1525 gran parte das construcións foron destruídas.



Turismo
     A Romaría Viquinga de Catoira, celebrada o primeiro domingo de agosto, está declarada de festa de interese turístico internacional.



     No segundo domingo de xullo celébrase a festa de Santo Antón de Padua, no marco da cal ten lugar a festa da solla de Catoira.



     Na parroquia de Dimo celébrase o San Pedro o 29 de xuño.


 
     Na parroquia de San Mamede de Abalo celébranse as festas patronais na última fin de semana de xullo. Na segunda fin de semana de agosto celébrase Santa Eulalia do Oeste.



    O concello está irmandado coa vila dinamarquesa de Frederikssund.



Lugares de interese

     As Torres de Oeste eran unha antiga fortificación localizada na desembocadura do río Ulla e actualmente neste lugar celébrase agora a Romaría Viquinga.



     A lagoa de Pedras Muídas é unha lagoa localizada na parroquia de Catoira.



     O miradoiro do Xiabre é un miradoiro situado no cumio do monte co mesmo nome entre o concello de Caldas de Reis. 


MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

Fuente: Web Patrimonio Galego
XOAN ARCO DA VELLA