IGREXA DE FEÁS
BOBORÁS
OURENSE
Santo Antón de Feás é unha parroquia do concello ourensán de Boborás. A parroquia abarca os núcleos de poboación de Feás, Borraxas, Vilachá e A Fenteira. A capitalidade parroquial está na aldea de Feás.
No século XX sufriu un gran descenso de poboación pola emigración, maiormente a México, pero tamén a Panamá, Venezuela, Suíza, Alemaña e incluso a Sudáfrica. Segundo o IGE, en 2012 contaba con 427 habitantes (186 homes e 241 mulleres). O nome da parroquia ten orixe na palabra latina fenales, é dicir, lugar de feno, de herba seca.
Para chegar a Feás débese usar a estrada N-541 (Ourense-Pontevedra), desviándose á altura de Brués. A parroquia de Feás está situada ó abeiro da cadea montañosa do Testeiro, ó agarimo do norte nas estribacións da serra.
A evolución demográfica de Feás está marcada pola emigración cara a América e Europa e, como noutras moitas zonas de Galicia, polo progresivo abandono do mundo rural.
A parroquia de Santo Antón de Feás nace oficialmente o día 11 de xullo de 1789 ó segregarse xunto coa de Cardelle da de San Miguel de Albarellos á que pertencían as dúas. O primeiro párroco de Feás foi Agustín Otero, natural da mesma. Inicialmente quedou constituída polos lugares de Feás, As Costiñas, A Vesada, Puzós, Vilachá, A Fenteira e Antas Portas.
Este paso dunha importante vía de comunicación fai dela unha parroquia puxante e así, no ano 1842, comeza a realizarse cada día 5 -máis adiante pasará ó día 8- unha importante feira á que concorren as xentes do seu contorno a comerciar co gando e demais especies da zona. Esta feira mantivo certo pulo ate a década de 1980.
A presencia do home nesta terra vén dende moi antigo, quedando como testemuña milenaria desta pegada humana a existencia de numerosas mámoas espalladas por todo o seu territorio: 4 na Vesada, 3 no Curro, 5 en Vilachá e 1 na Fenteira. Estes indicios prehistóricos son tamén visibles no chamado Castro de Meimón, en Vilachá.
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA