CRUCEIRO PETO DE FILGUEIRA
IGREXA DE SAN PEDRO DE FILGUEIRA
CRECENTE
Filgueira
San Pedro de Filgueira (do latín filicariam plural de filicem, 'fento ou fieito' e sufixo abundancial ariam) é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Crecente na comarca da Paradanta.
Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 193 habitantes (91 homes e 102 mulleres), distribuídos en 23 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 261 habitantes.
A parroquia está ás beiras do río Miño e preto do encoro da Frieira. Pódense atopar muíños e tamén unha fermosa capela na honra de San Xosé. Tamén hai un miradoiro dende o cal se pode ver toda a parroquia e o río Miño. En Filgueira existe unha das mellores vereas do concello.
Toponimia
O fitónimo galego Filgueira (do latín FĬLĬCARIA, derivado de FĬLIX, -ĬCIS refírese a un lugar abondoso en fentos. A súa orixe dáse entre o século X e XIII.
Historia e patrimonio
Durante a romanización de Galicia construíuse unha calzada, e a conexión a través do río Miño facíase posteriormente coa barca de Filgueira.
No século XVIII constituíuse a parroquia da A Ameixeira, segregándose os seus lugares de Filgueira. A Ameixeira, que dependía da capela de San Colmede, anexo de Filgueira, reclamou constituírse como parroquia após o derrubamento deste templo para aproveitar as pedras na construción da actual igrexa parroquial de Filgueira.
A igrexa de San Pedro de Filgueira é do século XVIII con fachada neoclásica, os cruceiros son da mesma época (o do atrio é de influencia portuguesa).
Consérvanse varias pontes e muíños sobre pequenos ríos que baixan do monte Chan de Moeiras, entre os que destaca a ponte de San Xosé (sobre un regato do mesmo nome) cunha capela vella en fronte da ponte.
A finais do século XIX chegou o ferrocarril e fórmase o barrio de Filgueira estación, un lugar moi concorrido xa que desde alí se cruzaba o Miño cara a Celanova e o balneario de Cortegada de Baños e se comerciaba, sendo moi importante o tráfico de madeira.
Durante séculos funcionou como lugar de paso do Miño un posto de barcas entre ambas as dúas beiras e que ocasionou preitos entre o mosteiro de Celanova e unha familia nobre polas ganancias de dita barca, que funcionou dende a idade media ata principios do século XX, cando se construíu a ponte vella de Cortegada-Filgueira.
O esmorecemento do lugar continúa coa emigración durante a segunda metade do século XX, cando se construíu o encoro de Frieira.
MAPA
XOAN ARCO DA VELLA