martes, 5 de diciembre de 2023

IGREXA DE SANTA MARÍA DE GOMARIZ - GOMARIZ - LEIRO

 IGREXA DE SANTA MARÍA DE GOMARIZ

GOMARIZ

LEIRO

 Igrexa de Santa María de Gomariz
        A igrexa de Santa María de Gomariz é un templo de orixe medieval (concretamente da segunda metade do século XII), que conserva gran parte da súa fisonomía románica, o que fai que sexa un moi bo exemplo deste tipo de arquitectura rural de Galicia.

Situación
      Está situada na parroquia de Gomariz, no concello de Leiro (comarca do Ribeiro).

      Sitúase nun alto no medio do lugar de Gomariz desde o que divisa de xeito privilexiado o río Avia.

Historia
       Formou parte como priorado do Mosteiro de Toxos Outos de Lousame, por doazón do Emperador Afonso VII do 9 de maio de 1138

     Foi causa de graves conflitos e moitos preitos o tomar posesión dela a familia dos Sarmiento de Ribadavia a partir de 1369 e o Cabido da Catedral de Ourense no 1492 volvendo ao Mosteiro de Sobrado no 1504.

     A igrexa orixinal, moi antiga, puido ser feita polos templarios.

     Formaba parte do priorado de Sobrado dos Monxes hoxe desaparecido que tiña moita importancia para o mosteiro, xa que lle serviría como adega. 

     Das posibles edificacións propiedade do mosteiro quedan algúns restos nun edificio que se distingue pola cantería do muro e os canzorros que terman do beirado.

     Se foi un celeiro, como supoñen algúns autores, sería unha das poucas obras civís románicas que se conservan.

Descrición
     Posúe unha soa nave e ábsida amais de portada principal entre contrafortes prismáticos, de arquivoltas semicirculares sobre columnas acobadadas nas xambas.

      Orixinalmente estaba formada por tres naves, En 1499 aínda quedaba en pé a "Torre dos signos".

     A cabeceira e a nave son rectangulares. A fachada é a parte máis interesante desta igrexa. 

     Dous pares de columnas estriadas e lisas manteñen o voo das arquivoltas peraltadas da porta principal.

       Decóranse con capiteis zoomorfos de singular beleza. 

     Unha ventá románica sobre o saínte enmarcada tamén con columnas e un arco de medio punto. 

      Remátase cunha espadana que acolle as dúas campás da igrexa.

      A ventá románica do testeiro é de grandes proporcións e ten unha curiosa decoración nos capiteis.

MAPA 

 

XOAN ARCO DA VELLA

PETROGLIFO DE COTO SIRIBELA - TOURÓN - PONTE CALDELAS

 PETROGLIFO DE COTO SIRIBELA

TOURÓN

PONTE CALDELAS

 Área arqueolóxica de Tourón
       O concello de Ponte Caldelas presenta numerosos recursos rupestres. Os máis significativos están na parroquia de Tourón onde se atopa un dos complexos de arte rupestre ao aire libre mais singulares do territorio galego, a Área arqueolóxica de Tourón, un recinto de máis de 150.000 metros cadrados que nos permite visitar cinco estacións con gravados nunha ruta de grande beleza paisaxística.

      A área Arqueolóxica do monte de Tourón é unha boa antesala para coñecer máis a fondo o sentido dos petroglifos que se despregan por toda a zona.

     Estes gravados rupestres representan unha gran variedade de motivos que van desde as combinacións xeométricas ata as habituais escenas de caza.

        Desde o punto de vista compositivo podemos diferenciar a existencia de petroglifos sinxelos, como os círculos de Outeiro dá Forcadela, e outros extraordinariamente complexos, como o gran panel de Laxe dás Cruces, que contén un numeroso e heteroxéneo conxunto de motivos xeométricos e naturalistas, ou a gran escena de caza gravada en Naval de Martiño.

       Para visitar o recinto ir provisto de roupa abrigo e calzado cómodo, xa que estamos nunha zona de montaña. Recorda que a luz do amencer e do atardecer reforza a percepción dos surcos.

“Coto da Siribela”
        Estación onde destaca o petroglifo do ‘Orante de Siribela’, unha figura de aparencia humana con brazos abertos e amplas mans ou quizais ás e dotado con falo. Está situado baixo unha parella de cervos, un con gran cornamenta.

Ademais de escenas de equitación con xinetas, tamén destaca un animal sen cornamenta, unha espiral, cazoletas e combinacións circulares.

       Ao seu lado esta o monumento “Recordando os Cervos”, unha moderna escultura construída con grosa láminas aceiro corten con figuras modernas dun grupo de cervos que recordan aos cérvidos que habitaban estes montes, na Idade de Bronce ( III e II A.C.), e que cazaban os nosos antepasados. O seu emprazamento é un excelente mirador.

 

MAPA 

 

Fuente: Web Terras de Pontevedra

XOAN ARCO DA VELLA

lunes, 4 de diciembre de 2023

PONTE LONGAL - PONTE DA VEIGA - RÍO ARENTEIRO - O CARBALLIÑO

 PONTE LONGAL

RÍO ARENTEIRO

PONTE DA VEIGA

O CARBALLIÑO

 Río Arenteiro
     O río Arenteiro é un curso fluvial galego, afluente do río Avia. Nace a unha altura de 840 m na Pena de Francia.

      Tamén recibe as súas primeiras augas desde riba da aldea da Cabana (no concello de San Cristovo de Cea), un pouco máis abaixo da Pena Bico. Pouco despois para pola aldea de Arenteiriño.

     Tras recibir pola banda esquerda o río Oseira baña a vila do Carballiño. 

     Ao final, desemboca no Avia, na parroquia de Pazos de Arenteiro, Boborás, tras percorrer 33 km en dirección NL-SO. 

       Segundo Edelmiro Bascuas, o hidrónimo Arenteiro procede de Argentarium, facendo referencia á prata atopada no curso fluvial.

Comarca do Carballiño
     A comarca do Carballiño é unha comarca galega situada na provincia de Ourense. Toma o nome da súa vila principal.

     Pertencen a ela os concellos de San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside, Piñor e Punxín.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

PETO DA CHÁN - A CHÁN - TORTOREOS - AS NEVES

 PETO DA CHÁN

A CHÁN

TORTOREOS

AS NEVES

    Os petos de ánimas, os cruceiros e os hórreos son os tres referentes do que poderiamos chamar os monumentos de arte menor da arquitectura rural de Galicia.

     Para a arte maior deixamos as igrexas, muiños, pazos e outras construcións de carácter civil ou militar como torreóns, murallas, etc.

     Polos montes e vales do sur de Galicia e do norte de Portugal, topámosnos/topámonos con frecuencia con estas encantadoras expresións da arte rural.


     Hoxe adicámoslle a nosa atención aos petos de ánimas e pequenos monumentos piadosos que ao longo dos séculos, sobre todo a partir do XVII han ir xurdindo en pobos e aldeas.

     Os petos de ánimas son esas pequenas capillitas que se atopan polo xeral nos camiños e encrucilladas para honrar ás ánimas que esperan a súa liberación no purgatorio en cuxa hucha ou peto depositan os fieis as súas esmolas para financiar as misas que axuden a levalos ao ceo onde, xa na gloria, intercederán polos seus benefactores.

     Estes sinxelos monumentos obra dos canteiros locais, adoitan estar decorados cunha representación das pobre ánimas mergulladas en linguas de lume e en actitude suplicante, cara seu intercesor que adoita ser un santo, San Antonio, por exemplo, un bispo ou a Virxe do Carmen, entre outros.

    Tamén se atopan, sobre todo en Portugal, construcións deste tipo, pero non adicadas ás ánimas do purgatorio senón a unha devoción en particular, sendo bastantes frecuentes as relacionadas con Cristo cruficado.

     En Fornelos, que significa hornacina en galego, teñen unha dedicada a San Lorenzo.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

domingo, 3 de diciembre de 2023

PETO E CRUZ CASA DOS BURINES - RIBAS DE MIÑO - CERQUELIÑOS - ARBO

 PETO E CRUZ CASA DOS BURIÑES

RIBAS DE MIÑO

CERQUELIÑOS

ARBO

Casa dos Burines
     Edificación do século XVIII con modificacións posteriores de deformaron as características máis representativas do pazo.

     O conxunto está formado por un edificio principal e dúas edificacións adxectivas, todas elas feitas en pedra, e con teitumes a dúas e catro augas.
      No interior da finca existen dous hórreos.

     Un dos elementos máis importantes é o portalón que da acceso patio interior. Neste portalón podemos ver varios elementos como unha inscrición, un peto de ánimas e un escudo nobiliario.

A inscrición aparece no lintel da porta e di o seguinte:

“E. ILLMO. SEÑOR D. JUAN GAR
CIA DE BENITO OBISPO Y SEÑOR DE
TUI CONCEDIO 40 DIAS DE INDUL
GENCIA A TODOS LOS FIELES QUE
RECEN UN PADRE NUESTRO Y UN AVE
MARIA Y GLORIA PARA LA IMAGE
DESTE CRUCIFIXO”.

Ribas de Miño
     Ribas de Miño é un lugar da parroquia de Cequeliños, no concello pontevedrés de Arbo, na comarca da Paradanta. Segundo o IGE, en 2015 tiña 6 habitantes (4 homes e 2 mulleres).

Cequeliños
      San Miguel de Cequeliños é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Arbo. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 178 habitantes (84 homes e 94 mulleres) distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2004 cando tiña 218 habitantes.

Lugares de Cequeliños
      Cequeliños, A Cigarreira, A Igrexa, Mandelos, A Moreira, O Picoto, A Rasela, Ribas de Miño

Comarca da Paradanta
       A comarca da Paradanta é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra. A ela pertencen os concellos de Arbo, A Cañiza (a súa capital), Covelo e Crecente.

     Limita ao norte coas comarcas de Vigo e do Ribeiro, ao leste con esta última e coa de Terra de Celanova, ao sur con Portugal e ao oeste coa do Condado. 

     Ocupa unha extensión de 339,85 quilómetros cadrados e contaba cunha poboación de 12.060 habitantes no ano 2020.

MAPA

 

Fuente: Web Patrimonio Galego

XOAN ARCO DA VELLA