viernes, 21 de mayo de 2021

CRUCEIRO DE CAPELA EN COROÑO "UN" - COROÑO - BOIRO

 CRUCEIRO DE CAPELA "UN"

COROÑO

BOIRO

 Cruceiro de capela
     Unha tipoloxía particular de cruceiro é o denominado cruceiro de capela, chamados así porque o fuste remata nunha pequena capeliña aberta ó fronte, que leva no interior a imaxe da Virxe. Sobre o teito desta capeliña érguese a cruz característica dos cruceiros.

     A maioría dos que se puideron datar corresponden ó século XVII, aínda que hai exemplares datados entre o XVI e o XVIII. Suxeriuse que están relacionados cos rollos ou picotas castelás, pelourinhos en Portugal, dos que xa non queda ningún en Galicia.


Estrutura
     Son todos eles menos esveltos cós cruceiros clásicos, cun fuste máis curto e groso, adoito de sección octogonal ou cadrada achafranada. Por veces, o fuste presenta algunha decoración, como pode se-los instrumentos da Paixón, imaxes de santos (San Francisco de Asís, San Antón de Padua, San Bieito, San Bernardo ou o apóstolo Santiago). Tamén poden verse cunchas de vieiras ou outros elementos.

     A base está formada por unha plataforma de planta cadrada con varios chanzos de pedra. En ocasións, é octogonal pero, en calquera caso, a plataforma é normalmente baixa. A columna carece de pedestal e remata nun capitel plano, coa única función de servir de base á capela. Por veces pode ter un anxo con ás esculpido na parte anterior e, ocasionalmente, tamén nos bordos laterais.

     A capela está formada por tres pedras cuadrangulares que abren polo frontal, formando unha estrutura prismática aberta. As paredes son lisas e sen ornamentar, aínda que ás veces presenta baixorrelevos nas caras externas –máis frecuentes nos cruceiros máis antigos- ou decoración de bólas nos bordos. Cando existe, esta decoración exterior pode representa-la Virxe, Santiago ou outra imaxe relixiosa (Cristo, San Francisco, o papa San Clemente ou San Gregorio). En Rois hai un que tamén presenta imaxes esculpidas nas caras interiores.

     A capela pecha por riba por un teito de base plana e coa parte superior a modo de telladiño a catro augas. Hai cruceiros, coma o de Loreto, en Porto do Son, nos que o teito remeda unha bóveda de canón.

     En case tódolos casos, a capeliña está ocupada pola imaxe dunha Virxe co meniño no colo; en exemplares máis modernos pode estar representada a Inmaculada ou a Virxe Dolorosa. É precisamente a Virxe de Loreto, frecuente nestas capeliñas, a que lle dá o nome de cruceiros de Loreto co que tamén se designan. Non son infrecuentes os cruceiros baleiros por roubo da imaxe, que nalgún caso foi substituída por outra moderna.

     Sobre a capela, érguese unha cruz coma nos cruceiros clásicos, co Cristo esculpido na cara anterior e só ocasionalmente unha Piedade na posterior, coma no Cruceiro das Neves de Ourolo, Taragoña, ou no de Pastoriza, tamén en Taragoña.

     Só se ten constancia dun dos escultores deste tipo de cruceiros, Xohán de Vilasoa, de Comoxo (Boiro). Castelao recolle de Pérez Constanti un documento datado en 1589 polo que se lle contrata a construción por nove ducados do cruceiro de Teaño (Boiro), "con su caja donde se ponga la imagen de Ntra. Sra. y con tres escaleras al pié, de buena piedra (...) y las imágenes muy buenas...". Deste cruceiro xa só quedan algúns restos.

     Descoñécese se orixinalmente estiveron pintados ou non, pero hai constancia nalgúns casos de que os veciños pintan as imaxes, sobre todo a da Virxe, con vivas cores. 

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

jueves, 20 de mayo de 2021

ALDEA ABANDONADA DOS MUIÑOS - BARBADÁS

 ALDEA ABANDONADA DOS MUIÑOS

BARBADÁS

 Os Muíños
     Os Muíños é un lugar da parroquia de Barbadás no concello ourensán de Barbadás na comarca de Ourense.

     Segundo o INE e o IGE en 2011 tiña dous habitantes (un home e unha muller), un máis ca en 2010, cando tiña un habitante (un home).

Parroquia de Barbadás
     San Xoán de Barbadás é unha parroquia do concello ourensán de Barbadás na comarca de Ourense.

     Segundo o IGE, en 2016 tiña 496 habitantes, dos cales 245 eran homes e 251 mulleres. Isto supón unha diminución de habitantes con respecto ao ano 2006 cando tiña 510.


Lugares de Barbadás
     O Alto do Pontón, Barbadás, Cimadevila, Os Fornos, Os Muíños, O Pontón, San Amaro


Concello de Barbadás
     Barbadás é un concello da provincia de Ourense, pertencente a comarca de Ourense.

     Segundo o IGE en 2016 tiña 10 638 habitantes (10463 en 2015, 8426 no 2006, 7939 no 2005, 7597 no 2004, 7193 no 2003).O seu xentilicio é barbadés ou barbalatense.

Xeografía
     O concello, de 30,33 km², abrangue 6 parroquias. Limita ao norte con Ourense. O seu principal núcleo é A Valenzá, vila dormitorio de Ourense.

     Cara ao norte está o río Miño, ao que se dirixe o río Barbaña, principal curso fluvial do concello. As zonas máis montañosas están cara ao suroeste, acadando os 600 m no Alto do Castro.


Patrimonio
     A igrexa de Santa María de Sobrado do Bispo é un templo de orixe románica. No exterior ten grandes contrafortes e ménsulas no tellado. Na portada lateral ten un arco apuntado de transición ao gótico, coroado por unha arquivolta de bólas. No interior hai un retablo barroco. Nesta mesma parroquia está a capela de San Xoán, de estilo neogótico.

     A igrexa de San Martiño de Loiro foi construída en 1110 e modificada posteriormente. Da primeira etapa conserva o arco triunfal cunha ventá sobre a ábsida románica. Ten dúas portas laterais, e na fachada principal unha porta con arquivoltas e tres mediacanas rodeando o tímpano, que ten unha ventá e dúas figuras humanas rodeando unha cruz. Sobre ela hai unha cornixa perlada sostida por arcos adornados con figuras humanas, mitolóxicas, animais, vexetais e xeométricas. Na cuberta da nave hai unha cruz, e no testeiro da ábsida un Agnus Dei.

     A ermida de San Bieito, na Cova do Lobo, é un pequeno templo, onde se celebra unha romaría.

     A igrexa de San Bernabeu da Valenzá construíuse en 1576, trala epidemia que asolagou a zona entre 1569 e 1571. Ten unha capela pegada, mandada construír en 1584 polo capitán Tomé Rodríguez Punxín, retornado das Indias.

     A igrexa de San Lourenzo de Piñor é do século XVI. A fachada está flanqueada nas esquinas por dúas pilastras que soportan un frontón partido por un fornelo coa imaxe de San Lourenzo. A porta de acceso está coroada por un deseño renacentista, e o acceso ao templo faise mediante unha grande escalinata barroca. O campanario está coroado cunha balaustrada.

     O pazo de Bentraces foi construído no século XV como residencia episcopal do mosteiro de Celanova. A familia portuguesa Soarez Tanxil transformouno en casa señorial. Da primeira época consérvase a área que une as tres edificacións actuais.

     O pazo de Piñor é do século XVI, ampliado posteriormente cunha solaina con ampla balaustrada barroca. Ten dúas edificacións anexas de dúas alturas, a máis moderna de planta rectangular. Dispón dunha capela próxima o edificio. A leira está rodeada por un muro de pedra.

     A capela de San Amaro, en Barbadás, ten un peto de ánimas.

Parroquias de Barbadás     
     Barbadás (San Xoán), Bentraces (San Xoán), Loiro (San Martiño), Piñor (San Lourenzo), Sobrado do Bispo (Santa María), A Valenzá (San Bernabeu)

MAPA 

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

 

ALDEA ABANDONADA DE SAN FIZ - SACARDEBOIS - PARADA DE SIL

ALDEA ABANDONADA DE SAN FIZ

SACARDEBOIS

PARADA DE SIL

Sacardebois
     San Martiño de Sacardebois é unha parroquia do concello de Parada de Sil (provincia de Ourense).

     Segundo o IGE en 2008 tiña 98 habitantes (46 homes e 52 mulleres) en sete aldeas.


Xeografía
     Está situada na comarca da Terra de Caldelas, na beira sur do río Sil. Linda ao norte coas parroquias de Pinol e Amandi, do veciño concello de Sober na provincia de Lugo; ao sur con Forcas, ao oeste con Chandrexa e ao leste con San Lourenzo de Barxacova.

     A súa orografía está formada por unha vertente orientada cara ao norte en forma de pequenas ondulacións e vales por onde percorren os regatos das Augas Brancas (cos seus afluentes: Chipela, Roxedoiro e Purdeus), regato da Gurbela ou San Fiz, regato da Confredaría ou da Barxa, e por último, regato de Peche ou da Costrela, nomeados eles, de oeste a leste.

     A parte alta do terreo está ocupada por unha fraga na cal o piñeiro e o eucalipto son case inexistentes. Da metade para abaixo (da vertente que forma a parroquia) está ocupada por bancais tamén nomeados patados, dedicados ó cultivo do viñedo. Onde o cultivo das vides se abandonou ou non se axeita, os terreos son de soutos, cos centenarios castiñeiros, nogueiras, e outras árbores froiteiras.


Economía
     As casas da parroquia son unhas cincuenta, pero co abandono das labouras agrícolas, non rendibles para a xuventude, moitas delas só cobran vida en momentos determinados, coma, nas vacacións, vendima ou castañeira.

     O cultivo do viñedo e as variedades de uvas garnacha, mouratón e mencía en tinto, así como a palomino en branca, tivo épocas espléndidas; hoxe en día, tres cooperativas están establecidas dentro da D.O. Ribeira Sacra, proseguindo a nivel industrial esta tradición.


Festas
     A parroquia ten como patrón a San Martiño que se celebra o 11 de novembro cunha festa popular gastronómica con magosto incluído, que nos últimos anos é tamén a festa do viño, pero hai outra festa de verán, a Virxe do Carme, que ten lugar o 16 de xullo. Tamén son salientables as festas na Costrela, onde contan cunha capela en honra da Virxe das Neves, e mais recentemente en Calvos en honra a San Roque, como evento gastronómico é festivo só para os nados do lugar e os seus familiares, que se celebra o primeiro sábado despois do 15 de agosto.


Lugares de Sacardebois
     Bouzas, Calvos, A Costrela, Leiravella, O Val


Parada de Sil
     Parada de Sil é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Caldelas e que forma parte da Ribeira Sacra.

     Segundo o padrón municipal en 2018 tiña 564 habitantes (808 en 2003).

Xeografía
     O concello, situado ao norte da provincia de Ourense, ten 62,4 km², e abrangue 9 parroquias. Limita ao norte con Sober (provincia de Lugo) a través do río Sil, ao sur con Montederramo, ao leste coa Teixeira e ao oeste con Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo.

     A parte norte pertence á Ribeira Sacra, no val do río Sil preto da desembocadura no Miño, determinado polo encoro de Santo Estevo. A parte sur ten zonas montañosas, como as lombas desgastadas da terra da Picoña, Cabeza de Meda, Os Confurcos, Os Burdiallos e Os Salgueiriños. Entremedias, hai unha área de media montaña con planicies onduladas e cumios como A Carpadena, Outeiro do Río, A Espereta, Biruxe, Corzas, A Gándara e Os Penediños. Estas zonas xeográficas determinan a climatoloxía, oceánica de montaña nas zonas máis altas, e oceánico mediterráneo na ribeira.


Parroquias de Parada de Sil     
     Caxide (Santa Cristina), Chandrexa (Santa María), Forcas (San Mamede), A Hedrada (Santiago), Parada de Sil (Santa Mariña), As Paradellas (Santa María), Pradomao (San Xiao), Sacardebois (San Martiño), San Lourenzo de Barxacova (San Lourenzo)


VIDEO

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

 

 


EIRA DE ROZADAS - VIÑA - VILAMARÍN

 EIRA DE ROZADAS

VIÑA

VILAMARÍN

Viña
     San Román da Viña é unha parroquia do concello de Vilamarín, na comarca de Ourense, provincia de Ourense.

     No ano 2007 tiña dezaseis habitantes (oito homes e oito mulleres).

     Esta parroquia é homónima coa limítrofe de Viña (San Cristovo de Cea).

Lugares de Viña
     Rozadas

Vilamarín
     Vilamarín é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Ourense. 

     Segundo o padrón municipal en 2014 tiña 2056 habitantes (2236 en 2003). O seu xentilicio é vilamarinés.

     Situado ao norte da provincia e a 17 km da súa capital, o concello de Vilamarín ocupa unha superficie de 56 km². 

     Limita ao norte co concello de Carballedo (provincia de Lugo) ao sur con Amoeiro, ao leste coa Peroxa e ao oeste con San Cristovo de Cea.


Parroquias de Vilamarín
     Boimorto (Santa Baia), León (Santa Baia), Orbán (Santa María), Reádegos (San Vicente), O Río (San Salvador), Sobreira (San Xoán), Tamallancos (Santa María), Vilamarín (Santiago), Viña (San Román)

Comarca de Ourense
     A comarca de Ourense é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Ourense. 

     Pertencen a esta comarca os concellos de Amoeiro, Barbadás, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén e Vilamarín.

     Limita ao norte coa comarca de Chantada (Lugo), ao nordeste coa comarca da Terra de Lemos (Lugo) e comarca da Terra de Caldelas, ao leste e sueste coa de Allariz-Maceda, ao sur coa de Celanova e ao oeste coas do Ribeiro e Carballiño. 

MAPA

 

SÍGUENOS:

Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA