domingo, 14 de mayo de 2023

ESTACIÓN DE QUEREÑO - QUEREÑO - RUBIÁ

ESTACIÓN DE QUEREÑO

QUEREÑO

RUBIÁ

 Estación de Quereño
      Quereño é unha estación de tren de Adif, situada en Quereño, no concello de Rubiá, provincia de Ourense.

      Ten servizos de Media distancia operados por Renfe.


Situación ferroviaria
     Está situada no punto quilométrico 282,7 da liña de ancho ibérico que une León e A Coruña, a 376 metros de altitude, entre as estacións de Pumares e Covas. O tramo é de vía única e está electrificado.

Historia
       A estación foi aberta ao tráfico o 4 de setembro de 1883 coa posta en marcha do tramo O Oural-Toural dos Vaos da liña que pretendía unir Palencia coa Coruña.

     As obras correron a cargo da Compañía dos Ferrocarrís de Asturias, Galicia e León ou AGL creada para continuar cos proxectos iniciados pola Compañía do Ferrocarril do Noroeste de España e xestionar as súas liñas. 

     En 1885, a mala situación financeira de AGL tivo como consecuencia a súa absorción por parte de Norte.

     En setembro dese mesmo ano abriuse na estación un lazareto ante a epidemia de cólera que asolaba España, dado que esta era a primeira parada existente en Galicia e o ferrocarril era un medio moi usado polos segadores galegos que ían en verán a Castela

     En 1941, a nacionalización do ferrocarril en España supuxo a desaparición desta última e a súa integración na reción creada Renfe. 

    Dende o 31 de decembro de 2004 Renfe Operadora explota a liña mentres que Adif é a titular das instalacións ferroviarias.

A estación
      Dispón dun edificio para viaxeiros de base rectangular e tres plantas con disposición lateral ás vías.

     Conta con tres vías e dúas plataformas, unha lateral e outra central. Ningunha delas está cuberta. Os cambios de plataforma realízanse a nivel.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA


sábado, 13 de mayo de 2023

ADEGAS DE O VAL - BEMBIBRE - VIANA DO BOLO

 ADEGAS DE O VAL

BEMBIBRE

VIANA DO BOLO

 Bembibre
      Santo André de Bembibre é unha parroquia do concello de Viana do Bolo na comarca de Viana, na provincia de Ourense. 

     Segundo o IGE, en 2015 tiña 62 habitantes (35 homes e 27 mulleres).

  
Historia e patrimonio

   En Bembibre está o castro de Vila de Sen. Alí atopouse unha figura antropomórfica, e mais a cabeza dun verrón, que se conserva no Museo Arqueolóxico de Ourense.

       Na baixa idade media construíuse nese lugar un pequeno mosteiro beneditino, e no século XIV Sancho IV de Castela cedeu o mosteiro e mais os seus terreos á diocese de Astorga, á que segue pertencendo a parroquia.

Viana do Bolo
      Viana do Bolo é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Viana.

     Segundo o padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2019 era de 2.886 persoas. O seu xentilicio é «vianés».

      Algúns estudosos consideran que o nome de Viana lle foi dado nunha carta foral arredor de 1206 e faría referencia á cidade francesa de Vienne (en occitano Viana), localidade que aparece na Historia Turpini, do Códice Calixtino. 

     Ese mesmo nome foille concedido despois ás localidades de Viana en 1219 e Viana do Castelo en 1262. O segundo elemento do nome: Bolo (do latín bullum 'outeiro' ou indicando a proximidade ao veciño concello do Bolo), consolídase na documentación escrita no século XVIII.

Xeografía
     Limita ao norte cos concellos da Veiga e O Bolo, ao sur coa Gudiña e A Mezquita, ao leste coa provincia de Zamora e ao oeste con Vilariño de Conso. Ten 271,51 km², e é o segundo concello máis extenso da provincia tras A Veiga.

Comarca de Viana
      A comarca de Viana é unha comarca galega situada na provincia de Ourense, á cal pertencen os concellos da Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. 

       Os dous primeiros forman parte da comarca natural das Frieiras e os dous últimos da Terra do Bolo.

      A comarca está atravesada polo río Bibei no seu curso alto. A principal vía de comunicación é a estrada OU-533, que vai de Freixido (Petín) á Gudiña.

VIDEO

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

BALNEARIO DE BEMBIBRE - BEMBIBRE - VIANA DO BOLO

 BALNEARIO DE BEMBIBRE

BEMBIBRE

VIANA DO BOLO

Balneario de Bembibre
       A primeira cita destas augas documéntase en 1697 na obra Espejo Cristalino de las Aguas de España:
“en el lugar de Bembibre en cuyo término está dicha fuente... metida dentro de un edificio a modo de arca de aqueducto basto, y ya medio desbaratado, en cuyo hueco cobran dos personas... El agua aunque es poca nunca falta, y es muy cristalina, el olor es muy malo como de azufre”.

     O manancial está incluído na Hidrología médica de Galicia de Taboada y Leal (1877), ao que se refire como “Aguas sulfurosas frías de Bembibre”. “Sus propiedades físicas son, como todas las de su clase, incoloras, claras y transparentes, con fuerte olor a huevos podridos, de sabor azufroso y de temperatura igual a la del agua común”, engade.

      A creación do balneario atribúese ao doutor vianés José Manuel Armesto, que abriu as instalacións no ano 1896, mantendo a súa actividade ata o ano 1958.

      Ao parecer Armesto adquiriu os terreos en 1894 e construíu unha edificación destinada a balneario.

       Co paso do tempo, as calidades salutíferas das augas e o seu poder curativo propiciaron o crecemento das instalacións, que se completou co levantamento dunha nova edificación de dúas alturas para acoller un hotel.

       A estas instalacións sumaríase outro inmoble, actualmente en ruinas e separado da hospedaxe, onde se trataba aos doentes con chorros de auga quente a presión.

       O quentamento das augas levábase a cabo por medio dunha caldeira.

       O balneario debeu manter unha actividade modesta, xa que en 1845 o Diccionario de Madoz limítase a sinalar que na parroquia hai auga “azufrosa”. 

       O manancial non figura no Anuario-Guía de las playas y balnearios de España (1924). En 1936 Vicente Risco escribe sobre Bembibre na Geografía del Reino de Galicia: “Hay buenas fuentes y una sulfurosa fuera del pueblo.”

     As augas subterráneas do balneario caracterízanse por  ser frías (16ºC) e por ter unha mineralización notable moi osixenada. 

      Son augas bicarbonatadas (fluorada), sódicas, con boro e arsénico, elementos indicadores dunha circulación profunda que se arrefrían a causa dunha circulación moi lenta no tramo de descarga do fluxo e por mestura con augas frías.

Os seus beneficios medicinais fan que fosen indicadas para o tratamento de doenzas da pel, fígado, riles, reuma, artrite e do aparato respiratorio.

VIDEO

MAPA

 

Fuente: Concello de Viana do Bolo

XOAN ARCO DA VELLA

 

 

jueves, 11 de mayo de 2023

IGREXA DE SANTO ANDRÉ DE BEMBIBRE - VIANA DO BOLO

 IGREXA DE SANTO ANDRÉ

BEMBIBRE

VIANA DO BOLO

 Igrexa de Santo André de Bembibre
     A igrexa de Santo André de Bembibre (do latín Bene vivere, literalmente, “onde se vive ben”), dependente da Diocese de Astorga, é matriz da de Santa María de Pradocabalos desde, cando menos, mediados do século XIX.

     Nela destacan os esgrafiados do muro exterior Leste, nomeadamente os que se sitúan xusto por debaixo da cornixa do altar maior.

      A súa fachada principal acolle os principais valores artísticos do templo, cunha fornela barroca baleira na actualidade enmarcada nunha moldura lobulada.

      O seu interior aparece ricamente decorado con volutas e altorrelevos a base de motivos florais e dous leóns rampantes afrontados.

       Remata en altura o conxunto unha elegante espadana de dous corpos decorada nos seus laterais por volutas e pináculos.

     No seu interior destaca unha elegante pía bautismal decorada cun avieirado, así como varias imaxes de Santo André, coa súa característica cruz en aspa.

      Dende o punto de vista arquitectónico sobresae o arco triunfal, de elegante factura academicista, así como tres retablos barrocos, en particular o principal, todo el dourado e entallado con motivos florais e xeométricos.

Comarca de Viana
     A comarca de Viana é unha comarca galega situada na provincia de Ourense, á cal pertencen os concellos da Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

     Os dous primeiros forman parte da comarca natural das Frieiras e os dous últimos da Terra do Bolo.

     A comarca está atravesada polo río Bibei no seu curso alto. A principal vía de comunicación é a estrada OU-533, que vai de Freixido (Petín) á Gudiña.

MAPA 

 

Fuente: Concello de Viana do Bolo

XOAN ARCO DA VELLA


martes, 9 de mayo de 2023

PONTE DE PREVISA - CASTELIGO - REGUEIRO DE CASTELIGO - CHANDREXA DE QUEIXA

 PONTE DE PREVISA

CASTELIGO

REGUEIRO DE CASTELIGO

CHANDREXA DE QUEIXA

 Ponte de Previsa

     Sobre o regueiro Casteligo. Segundo a tradición trátase dunha ponte construída polos romanos. O probable é que a súa orixe sexa moi posterior, erixida para o paso de persoas e animais.

     Situada nunha paraxe espectacular, está formada por unha gran laxe de máis de tres mestros de longa que asenta sobre grandes sillares graníticos.

Casteligo
     San Martiño de Casteligo é unha parroquia do concello de Chandrexa de Queixa na comarca da Terra de Trives, na provincia de Ourense. 

     No ano 2007 tiña 88 habitantes, deles 37 eran homes e 51 eran mulleres

Lugares de Casteligo  
  
   Bozqueimado, Casteligo, O Chao

Comarca da Terra de Trives
     A comarca da Terra de Trives é unha comarca galega situada na provincia de Ourense, na zona leste da Ribeira Sacra.

    A súa capital é A Pobra de Trives, e pertencen a ela os concellos de Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río.

Xeografía
     A comarca está bañada polo leste polo río Bibei. Un dos seus accidentes xeográficos máis importantes é o pico Cabeza de Manzaneda, con máis de 1.750 metros. 

     A extensión é de 431,71 quilómetros cadrados, un 1,46% da superficie total de Galicia. 

MAPA

 

Fuente: Web Patrimonio Galego

XOAN ARCO DA VELLA