jueves, 1 de mayo de 2025

PETO DO CARMEN - AS BURGAS - OURENSE

 PETO DO CARMEN

AS BURGAS

OURENSE

     O peto está gorecido no muro do colexio das Xosefinas, anteriormente fábrica de curtidos. 

    Trátase dunha fornela con arco de medio punto, con baseamento moldurado e decoración ao seu arredor, con sinxelas volutas.

     Todo elo apoiado sobre a repisa de cuarto bocel, moldurada e decorada. 

     Ten unha reixa de ferro que protexe a imaxe da Virxe que está no interior, cunha rañura para as esmolas. 

     Na parte superior, sobre moldura a modo de cornixa, ten unha pedra coa lenda: “N.S. DL CARMEN 1896”, tendo as letras en baixo relevo e repasadas con pintura negra.

      A imaxe que contén da Virxe, anteriormente pertenceu a unha antiga capela desaparecida no Xardín do Posío. 

NOTA:

      Moi agradecido a Marina Freire autora das fotos, gracias por cedermas .

MAPA

 

Fuente: Web Patrimonio Galego 

Fotos: Marina Freira

XOAN ARCO DA VELLA

lunes, 14 de abril de 2025

CRUCEIRO DO ADRO - IGREXA DE MACEIRA - MACEIRA - COVELO

CRUCEIRO DO ADRO

IGREXA DE MACEIRA

MACEIRA

COVELO

 Maceira
         É unha das parroquias máis importantes do Concello. 

      Situada a cinco quilómetros de Covelo (casco) posúe un Centro de Saúde propio, farmacia e unha casa de cultura restaurada e funcional.

        É de grande atractivo a súa praza central, a súa igrexa e o cruceiro existente próximo á igrexa. 

       A 558 metros de altitude atópase un depósito castreño sen levantar e diversas manifestacións de arte rupestre en forma de petroglifos . 

        Nunha cota de 680 metros atopamos a capela da Virxe da Guía, situada no monte da Guía de Maceira e onde se pode apreciar unha panorámica fermosa do Val do Tea. 

        O 15 de agosto celébrase no mesmo lugar unha romaxe onde acoden xentes de todo o municipio.

        Débese destacar a Praia Fluvial de Maceira , de fermoso deseño é moi frecuentada durante todo o verán. Nun lugar próximo á praia constrúese un Cámping de Montaña de 1ª categoría para dar cabida a unha crecente demanda de campismo de montaña que se manifesta na zona. 

        A escasa distancia deste lugar de esparexemento, atopa a parroquia de Fofe onde vale a pena visitar a Rectoral de Fofe.

        Cabe destacar tamén o serradoiro hidráulico "dos Carranos ". Funcionando exclusivamente a través da forza da auga, é unha manifestación única do patrimonio etnográfico da zona. 

         Este serradoiro esta catalogado por Patrimonio como un Ben de Interese Cultural de Galicia e atopase completamente restaurado para que poida ser visitado.

        Os seus barrios e lugares son: Ás Barcielas , Carmoniño , Castro, Castrorregueiro, Chicoreiros, Costeiriña, Cotiños, O Couso, Eidos Vellos, Figueiroa, A Igrexa, A Maquián, A Mouta, Outedo, Pancillos, Pedredo, Portagudiño, Portoparada, Riocortiñas, San Breixo, Souto, Trasfontán, Vales, Vilanova e Vixiáns.

MAPA

 

 Fuente: Concello de Covelo

XOAN ARCO DA VELLA


domingo, 13 de abril de 2025

CALVARIO DO ADRO DE COIRO - IGREXARIO - COIRO - CANGAS

 CALVARIO DO ADRO

IGREXARIO

COIRO

CANGAS

      O Calvario do Adro de Coiro está situado no muro que limita éste co vello camposanto. 

     Consta das tres cruces do Gólgota, pero tan só a central contén decoración figurada.

         A cruz central ten o varal de sección redonda, apoiado directamente no chán, sen plataforma nin pedestal. 

      O capitel ten un colarete moi pronunciado, e volutas xónicas no equino, mentres que no ábaco, no centro, aparecen cabezas de anxos aladas por tres caras, agás a frontal, coa caveira de Adán sobre tibias cruzadas. 

      A cruz é de sección cadrada, e sobre ela aparece un Cristo, de talla expresiva, amósase morto, cos ollos pechados e a cabeza abeirada á súa dereita, e suxéitase á cruz con catro cravos, cos pés en paralelo. Sobre a súa cabeza suxéitase a cartela do INRI. 

     No reverso da cruz, mirando cara a Igrexa, represéntase á Virxe, cuberta cun manto, de liñas sinuosas e esveltas, cos pés apoiados nunha cabeza de anxo alada, e as mans en actitude orante.

      As outras dúas cruces amosan características máis sinxelas. Carecen de plataforma e de peada, co varal de sección circular sobre o chan. 

       O capitel, con colarete marcado, ábaco troncopiramidal o da dereita, e redondo o da esquerda. As cruces, de sección cadrada, carecen de figuración nas dúas caras. 

MAPA

 

 Fuente: Web Patrimonio Galego

XOAN ARCO DA VELLA

EIRA DA CERA OU CURADOIRO DAS BRASILEIRAS

 EIRA DA CERA DAS BRASILEIRAS

A LAMOSA

COVELO

 Curadoiros ou Eira da cera
      Os curadoiros ou eiras da cera son espazos arquitectónicos ao aire libre, cubertos con lousas de pedra e que adoitan formas diversas, podendo estar a rentes do chan ou elevados.

      Normalmente están orientados cara ao sur, sen ningún obstáculo que produza sombra para favorecer o mellor aproveitamento da insolación.

       Son estruturas rectangulares, compostas por grandes lousas de granito, traballadas pola cara visíbel cunha leve inclinación.

       Conforman un empedrado perfecto e moi ben traballado que remata en todo o seu perímetro, nunha sorte de bordo feito en pedra elevado sobre a superficie da eira.

      Estes curadoiros poden chegar a ter unha superficie de 132 m2.

       Usábanse para branquear a cera ao sol (que era estendida sobre a súa superficie durante varios días).

      Con este proceso conseguíase que o efecto fotoquímico da radiación solar tornase a cera amarela en branca (chamada popularmente “cera esperma”).

VIDEO

MAPA

 

 Fuente: Web montesparanhos.com

XOAN ARCO DA VELLA

sábado, 12 de abril de 2025

IGREXA DE SAN MIGUEL DE ROSENDE - ROSENDE - SOBER

 IGREXA DE SAN MIGUEL DE ROSENDE

ROSENDE

SOBER

 Rosende
      San Miguel de Rosende é unha parroquia do concello de Sober, na comarca de Terra de Lemos, na provincia de Lugo. 

      Segundo o IGE, no ano 2007 tiña unha poboación de 105 habitantes.

       Atópase a 3 km ao oeste da vila de Sober, a uns 673 m de altura, na beira esquerda do río Cabe.

Xentilicio
       O seu xentilicio é rosendino.

Economía
        O sector primario, dedicado á gandaría bovina criada para consumo e a cría porcina, xunto coa agricultura orientada ao cultivo da vide, son as fontes de ocupación da poboación. En Rosende hai unha adega destinada a elaborar viños mencía e godello, incluídos no consello da denominación de Orixe Ribeira Sacra e clasificados na subzona regulada da ribeira do Miño.

         Outras actividades do sector dos servizos están asociadas á Escola de Hostelería da Fundación Belarmino Fernández, no pazo de Ribas, ou á Casa Grande de Rosende, establecemento de turismo rural integrado na rede Pazos de Galicia.

Patrimonio
       A igrexa parroquial foi reconstruída en diversas ocasións. O edificio orixinal pertencía ao mosteiro de San Miguel de Rosende, da orde de San Bieito e existente polo menos desde 1246, dependente como priorado do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Do primitivo edificio consérvanse restos románicos decorativos na torre campanario, mentres que o anexo do antigo priorado presenta unha balconada de estilo señorial. No interior gárdase un interesante retablo maior de estilo rococó con dúas alturas.

      A casa grande de Rosende, tamén coñecida A Casa das Señoritas, é un pazo que data do ano 1511. 

     Foi rehabilitada a finais do século XX e na actualidade funciona como casa de turismo rural. De sobria fachada destaca a súa torre, a solaina que da cara a un patio traseiro e o seu coidado interior.

      As festas patronais celébranse o último sábado de setembro. Tamén son populares as festas da Virxe do Carme. 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA


CRUCEIRO DE SAN ROQUE - PRAZA DE SAN ROQUE - SALCIDOS - A GUARDA

 CRUCEIRO DE SAN ROQUE

PRAZA DE SAN ROQUE

SALCIDOS

A GUARDA

     Este cruceiro do século XVIII consta dun so chanzo no que repousa unha base de forma cadrada. 

     Posúe un fuste cilíndrico estriado. 

     O capitel de estilo corintio da paso a unha cruz cilíndrica na que podemos ver no seu anverso a figura do Cristo crucificado, de pequenas dimensións cunha cartela de INRI na súa parte alta; e no seu reverso, a figura da Virxe cun gran manto que lle chega aos pés.

       O conxunto atópase rodeado cun enreixado de ferro.

     Os cruceiros e petos de ánimas de máis de 100 anos están protexidos polo Decreto 571/1963, de 14 de marzo, “sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico”; ademais, teñen a consideración de Bens de Interese Cultural (BIC) segundo o establecido na disposición adicional segunda da Lei 16/85 de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.

     Asi mesmo o recoñece e garante a Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, no que hórreos, cruceiros e petos de ánimas, “son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901.

     Os hórreos, cruceiros e petos de ánimas cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada anteriormente poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico”. 

MAPA

 

 Fuente: Web Patrimonio Galego

XOAN ARCO DA VELLA