miércoles, 15 de noviembre de 2023

IGREXA DE SAN MARTIÑO DE NOGUEIRA - NOGUEIRA DE RAMUÍN

 IGREXA DE SAN MARTIÑO DE NOGUEIRA

NOGUEIRA DE RAMUÍN

       A igrexa de San Martiño de Nogueira tan só conserva as portadas da fábrica románica. O resto da igrexa foi modificada, alongándose a nave en 1917.

     A igrexa crese que foi construída arredor do ano 1195, cunha clara influencia do taller da catedral de Ourense, que chega á cidade procedente de Santiago.

     A porta norte destaca lixeiramente do muro. Ten arquivolta dobre de medio punto con decoración vexetal.

      Os capiteis posúen unha decoración vexetal estilizada con bólas nas esquinas que nos evoca a algún da catedral de Ourense. O tímpano é liso e perdeu unha das ménsulas.

     Na portada principal queda máis clara a dependencia do taller da porta sur da catedral ourensá. Presenta dobre arquivolta semicircular. Os capiteis teñen decoración vexetal no arco maior.

      Nos capiteis do arco menor, á esquerda, podemos ver dous dragóns que enroscan os pescozos e morden os rabos longos de réptil.

      Á dereita pódese ver un de maior calidade. Mostra en cada unha das caras unha sirena paxaro de faccións coidadas. Calquera destes capiteis non desentoaría na propia catedral. As arquivoltas presentan decoración vexetal.

      As xambas, lisas, rematan en ángulos saíntes que conteñen un anxo sentado coas ás estendidas e cun libro aberto no colo que agarra coas mans. Nelas apóiase un arco lobulado con pinxantes intermedios perfilados por bólas pequenas.

      Esta portada é unha obra interesante e pouco coñecida na que participou un mestre formado no taller da porta sur da catedral de Ourense.

Nogueira de Ramuín
     San Martiño de Nogueira de Ramuín é unha parroquia do concello ourensán de Nogueira de Ramuín na comarca de Ourense.

      No ano 2007 tiña 88 habitantes (48 homes e 40 mulleres) distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 8 habitantes en relación ao ano 2000.

Lugares de Nogueira de Ramuín  
     Baldomar, Fontefría, Fontes, Lama Forcada, Liñares, Luíntra, Nogueira, Pacios, A Seara de Arriba

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901