PINCELO
SARIÑA 
CHANTADA
LUGO 
Pincelo
     Pincelo é un lugar na parroquia de A Sariña, no concello de Chantada, na comarca de Chantada, pertencente a provincia de Lugo. 
     No ano 2011 tiña 13 habitantes segundo datos do INE e do IGE. deles 8 eran homes e 5 eran mulleres.
Lugares da parroquia da Sariña    
     Pincelo, O Pousadoiro, Soutariz
Sariña
     San Vicente da Sariña é unha parroquia do concello de Chantada, situada preto da ribeira do río Miño, a 2 km da ponte de Portotide, e a 6 km da vila de Chantada. 
     No ano 2011 tiña 44 habitantes distribuídos en 1,14  km², segundo datos do INE e do IGE, deles 22 eran homes e 22 eran mulleres.
Economía
     As principais actividades desta parroquia baséanse na explotación dos recursos naturais propios desta terra; así, os seus habitantes dedicáronse dende sempre á venda de produtos naturais como os tomates, patacas, froita de tempada, etc, nas feiras e mercados máis próximos e coñecidos, como son os de Chantada e Escairón, aínda que tamén existe actividade gandeira e sobre todo vitivinícola, debido en gran parte á cultura do viño promovida pola proximidade da coñecida Ribeira Sacra lucense.
     Pódese apreciar certa actividade artesá, pois era a xente da parroquia quen facía coas súas propias mans as cestas para a recollida das uvas na vendima ou as olas de vimbio.
Patrimonio
     A pesar de se tratar dunha pequena parroquia, destaca a súa fermosa igrexa, coñecida como Igrexa de Santa María da Sariña. Construída na primeira metade do século XVIII, presenta planta e ábsida rectangulares. Os muros son de cantaría de granito e a cuberta a dúas augas. A fachada, que se remata cunha espadana de dous vans, responde a características barrocas, cun frontón partido pola espadana e un gran óculo central. No lado norte atopamos un altar exterior pegado ó muro, cunha imaxe da Virxe sobre un podium, todo isto en pedra. Dentro impresiona o maxestoso altar que a domina. Esta igrexa xurdiu en principio como unha ermida de peregrinación.
     Era coñecida ata hai ven pouco a romaría do día 9 de setembro, que actualmente vai a menos a pesar dos esforzos dos escasos párrocos para atender as numerosas parroquias da zona.
Ribeira Sacra
     A Ribeira Sacra é especialmente coñecida polos seus tesouros naturais e biolóxicos, constituíndo un vastísimo ecosistema de gran variedade e riqueza. Son salientables os Canóns do Sil pola súa espectacular paisaxe.
     Esta é unha zona na que o río discorre encaixonado a través de paisaxes e montañas dunha gran beleza; os canóns dispoñen de miradores habilitados para admirar a súa impactante monumentalidade, así como de un catamarán aberto ao público que transita os canóns dun lado ao outro.
     Ribeira Sacra, como denominación de orixe, é tamén coñecida pola calidade dos seus viños, que popularmente se coñecen na zona co nome xenérico de Mencía, debido a que son elaborados principalmente coa uva mencía, aínda que tamén se usa a uva Godello.

     
     As viñas, que se poden contemplar seguindo o curso do río, están dispostas nun sistema de chanzos de pedra, chamados socalcos, ao longo da ribeira, e datan da época romana.
 
     Os romanos xa tiñan en grande aprecio estes caldos, que son afroitados e de gran presenza, ideais para tomar con carnes, e hai unha lenda que di que unha das variantes deste viño, o Amandi (procedente da zona do mesmo nome), facíaselle traer ao César desde a Gallaecia romanizada.
 MAPA
XOAN ARCO DA VELLA