CRUCEIRO DO CRISTO DE XENDE
A IGREXA
XENDE
A LAMA
O que podemos ver aquí é un conxunto formado por un cruceiro baixo un templete ou baldaquino construído no ano 1868 polo artista popular Manuel González Perdiz natural da parroquia lamesa de Covelo.
Este cruceiro forma a estación número doce do Vía Crucis.
O cruceiro, que aínda conserva restos da súa policromía orixinal, nace sobre un so chanzo de sección cadrada cos esquinais recortados.
A continuación unha gran base moldurada e decorada. Sobre ela outra pequena base moldurada con lendas nos seus catro lados:
“SE HIZO SIEN-
DO ABAD Dº ANTº
BENITO GARRIDO”
“Y ADMINIS
TRADORES DOMº
ANTº HERMIDA”
“Y MANUEL
FRANCO
AÑO DE 1868”
“EL MAESTRO
MANUEL GONZALEZ
Y PERDIZ”
O varal comeza en sección cadrada e segue en octogonal. Posúe unha variada decoración da paixón (escadas, látego, …), unha representación de Adán e Eva coa serpe ao seu redor sobre unha peaña con forma de cabeza humana, unha imaxe masculina apoiada sobre unha columna e sobre unha peaña, e outra imaxe relixiosa sobre peaña que ensina o que semella un pano de pureza co rostro de Xesús.
O capitel, de estilo corintio decorado con motivos vexetais, volutas e rostros humanos nos catro lados, da paso a unha cruz de sección cilíndrica con nos na que aparecen as imaxes de Cristo crucificado acompañado dun anxo que recolle o seu sangue nun cáliz, e no reverso da cruz vemos a imaxe da Virxe sobre peaña con forma de cabeza de anxo alado. Na súa parte superior aparecen dous anxos.
O baldaquino remata nunha cúpula que conserva restos de policromía, e varias imaxes pétreas nos esquinais e no cume. Os lados abertos do baldaquino teñen un enreixado metálico.
Nas escaleiras que dan aceso a este conxunto podemos ver tamén unha fonte feita polo mesmo escultor.
Os cruceiros e petos de ánimas de máis de 100 anos están protexidos polo Decreto 571/1963, de 14 de marzo, “sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico”; ademais, teñen a consideración de Bens de Interese Cultural (BIC) segundo o establecido na disposición adicional segunda da Lei 16/85 de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.
Asi mesmo o recoñece e garante a Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, no que hórreos, cruceiros e petos de ánimas, “son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901.
Os hórreos, cruceiros e petos de ánimas cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada anteriormente poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico”.
Tradición oral:
“Segundo se conta, estando mestre traballando nos andamios, un día pola mañá, as campás da igrexa comezaron a tocar como por arte de maxia.
Perante a extrañeza do feito os veciños achegáronse para ver que sucedía. O mestre baixou do andamio e, diante das preguntas da xente sobre o que sucedera negou que acontecera nada.
Tres días dospois o andamio veu abaixo e Manuel González quedou pendurado dunha corda polos pés. Este accidente provocoulle un dislocamento das articulacións dos nocellos, quedándolle un oso saínte nun pé que lle estropeaba o calzado.”
MAPA
Fuente: Web Patrimonio Galego
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901