domingo, 6 de septiembre de 2020

MUIÑO DO CURA OU DE MACHÓN - O MACHÓN - CATOIRA

MUIÑO DO CURA OU DO MACHÓN
O MACHÓN
RÍO CATOIRA
CATOIRA


     Muíño cun sistema único, posto que aproveita tanto a auga das mareas como a do Río Catoira mediante un sistema de comportas que retiña as augas do mar ou do río, para posteriormente cando a presa estaba chea abrir os pasos e contar con suficiente caudal para mover os rodicios, e con eles as moas. 


     Aínda que non está clara a súa data de creación, sábese polas crónicas que en 1873, cando se constrúe a vía de ferrocarril Santiago-Carril, xa estaba operativo, pois pasa a escasos metros. 


     A propia construción está levantada na propia presa de contención da auga e conta con dúas moas.


Catoira
     Catoira é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas.


 
     Segundo o padrón municipal (INE 2013) conta con 3.421 habitantes (1.683 homes e 1.738 mulleres).



     O seu xentilicio é «catoirense».



Xeografía
     O concello, de 29,1 km², abrangue catro parroquias. Limita ao noroeste co río Ulla xa na desembocadura na ría de Arousa, ao nordeste con Valga, ao sueste con Caldas de Reis e ao suroeste con Vilagarcía de Arousa.



     O punto de maior altitude é no monte Xiabre (641 m), no límite con Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis. Está comunicada con Pontecesures e Vilagarcía de Arousa a través da PO-550, e co Barbanza (na provincia da Coruña) a través dunha ponte. Na estación de Catoira fan parada algúns trens da liña Vigo-A Coruña.


 
Historia
   O Monte das Mámoas é un conxunto de dúas mámoas do neolítico, situadas na parroquia de Santa Baia de Oeste, descubertas en 1956 por Ramón Sobrino Buhigas. Teñen uns 22 metros de diámetro cada unha, e están orientadas en dirección N-S. No lugar de Cores (de Abalo) foi atopada en 1988 unha hacha do calcolítico., feita con rocha metamórfica puída.



     No río Ulla, preto das Torres de Oeste, foron atopadas varias espadas de bronce, conservadas en mans de particulares, no Museo de Pontevedra e no Museo arqueolóxico da Coruña. Esta última ten estoque de bronce con encaixes semicirculares na base. Fáltanlle dúas terceiras partes da empuñadura, conservándose parte dunha das perforacións para un cravo e dous remaches. A folla está moi deteriorada e reducida, con vestixios de finas estrías e dous finos nervios paralelos que se unen no terzo inferior e rematan no pico. Tiña unha lonxitude de 50 cm, cun ancho de 4,5 cm na parte máis grosa.



     Da cultura castrexa consérvanse restos do castro de Tarrío, un poboado castrexo situado preto da igrexa de Dimo no que apareceron restos de cerámica. O castro das Torres mostra indicios dunha actividade metalúrxica e comercial importante, pois nel apareceron materiais de importación por vía marítima como ánforas, cerámica campesiña e fragmentos de tradición ibérico- púnica. Río arriba hai restos doutros asentamentos arqueolóxicos relacionados co comercio e as comunicacións.



     A zona sufriu as invasións normandas, tendo lugar os principais ataques nos anos 858, 968 e 1016. No segundo deles unha escuadra de cen naves desembarcou en Cabreira dirixíndose cara a Iria Flavia. Na batalla de Fornelos, á beira do río Louro, na que faleceu o bispo compostelán Sisnando.



     O rei Afonso V o Nobre doou a illa de Oneste no ano 1024 ó bispo iriense Vistruario para construír unha fortaleza, as Torres de Oeste, co fin de facer fronte aos ataques viquingos. O bispo de Iria Cresconio reformou a fortaleza e mandou tender unha grosa cadea entre as dúas beiras da ría para impedir o paso das naves. Os sucesores de Cresconio, Diego Páez e Diego Xelmírez, seguiron mellorando o recinto, que tomou a súa estrutura definitiva no século XII, quedando composta a fortaleza por sete torres que amurallaban un recinto arrodeado de pantanos.


     Xelmírez mandou construír unha capela adicada ao Apóstolo Santiago. A partir do século XV,a fortaleza comeza a súa decadencia, e finalmente no ano 1525 gran parte das construcións foron destruídas.



Turismo
     A Romaría Viquinga de Catoira, celebrada o primeiro domingo de agosto, está declarada de festa de interese turístico internacional.



     No segundo domingo de xullo celébrase a festa de Santo Antón de Padua, no marco da cal ten lugar a festa da solla de Catoira.



     Na parroquia de Dimo celébrase o San Pedro o 29 de xuño.


 
     Na parroquia de San Mamede de Abalo celébranse as festas patronais na última fin de semana de xullo. Na segunda fin de semana de agosto celébrase Santa Eulalia do Oeste.



    O concello está irmandado coa vila dinamarquesa de Frederikssund.



Lugares de interese

     As Torres de Oeste eran unha antiga fortificación localizada na desembocadura do río Ulla e actualmente neste lugar celébrase agora a Romaría Viquinga.



     A lagoa de Pedras Muídas é unha lagoa localizada na parroquia de Catoira.



     O miradoiro do Xiabre é un miradoiro situado no cumio do monte co mesmo nome entre o concello de Caldas de Reis. 


MAPA


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

Fuente: Web Patrimonio Galego
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901