domingo, 25 de agosto de 2019

MUIÑO DO REGO DO GATO - TOURÓN - MIRÓN - PONTE CALDELAS

MUIÑO DO REGO DO GATO
REGO DO GATO
MIRÓN 
TOURÓN
PONTE CALDELAS


Tourón
     Santa María de Tourón é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Ponte Caldelas.



      Segundo o IGE en 2016 tiña 1099 habitantes (536 homes e 563 mulleres) distribuídos en 6 entidades de poboación.



Xeografía e patrimonio
     Esta parroquia é a máis próxima a Pontevedra e linda con ese concello na parroquia de Marcón. Está atravesada pola estrada PO-532, tramo da antiga C-531.



     Hai varios petróglifos da Idade de Bronce, nos que predominan figuras animais (cabalos e cervos), circulares e cornixas.



     Na parroquia está o polígono industrial da Reigosa, anexo ao polígono industrial do Campiño. O punto de maior elevación é o monte do Pé da Moa, de 595 metros.



Lugares de Tourón
     Buchabade, Contixe, Mirón, A Reigosa, Tourón, Vilarchán



Ponte Caldelas
     Ponte Caldelas (do latín aquas calidas, 'augas cálidas, termais') é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. No ano 2016 tiña 5.573 habitantes, segundo datos do IGE. O seu xentilicio  é pontecaldelán.



Xeografía
     O municipio de Ponte Caldelas sitúase nunha zona xeográfica de transición entre as montañas do interior pontevedrés e as ribeiras das rías Baixas. Está encadrada nunha comarca natural que se estende polas estribacións occidentais da serra do Suído.



     É terra de mananciais e ríos (Oitavén e Verdugo), de abruptas serras (A Fracha, Castrelada...) e encaixados vales. Limita ao norte con Cerdedo-Cotobade, ao sur con Fornelos de Montes e Soutomaior, ao leste coa Lama e ao oeste con Pontevedra.



      Ponte Caldelas presenta unha morfoloxía de fortes contrastes topográficos provocados por unha intensa erosión diferencial favorecida pola rede de fracturas tectónicas ás que foi sometido polos episodios xeolóxicos.



     As superficies de aplanamento orixinarias percíbense nos cumios suaves dos seus montes, entre os que destacan a serra da Castrelada (663 m), O Couto da Brea (536 m), A Penarada (544 m), monte do Antón (453 m) e monte do Taboadelo (432 m). Encaixados entre as serras, os ríos discorren por vales abruptos e profundos, con pronunciadas pendentes.



     A súa densa rede fluvial organízase en torno aos cursos do Verdugo e do Oitavén, alimentados por afluentes curtos, pero de abundante caudal debido ás elevadas precipitacións que se rexistran no paso das frontes atlánticas.



     Entre estes afluentes destaca o Calvelle que se une ao Verdugo antes do seu paso pola capital municipal, onde por atravesar algunhas fallas orixina a aparición de mananciais de augas minerais, ben coñecidas polas súas propiedades.



     No río Oitavén construíuse a presa de Eirás, que abastece de auga a área urbana de Vigo, antes de que, xa no municipio de Soutomaior, una as súas augas ás do río Verdugo, que poucos quilómetros máis adiante desembocará na ría de Vigo.



Historia
     Pouco se sabe da orixe da vila, aínda que non son poucos os que a atribúen a unha fundación romana, e aínda alguén quere ver nos gregos ós primeiros poboadores do municipio.



     No ano 1126 o rei Afonso VII deulle o título de "Moi Leal". Conta a tradición tamén que a famosa raíña Lupa, a cal perseguiu aos discípulos do Apóstolo Santiago, foi natural desta vila ou residiu nela. Posteriormente no século XIX recibiu o tratamento de "Vila".



     Estas terras foron patrimonio da catedral de Santiago de Compostela, dándolle Xelmírez privilexios e franquías. No pasado, o agora término de Ponte Caldelas pertencía nunha metade á antiga provincia de Santiago (arciprestado do Morrazo), e na outra metade á de Tui (arciprestado de Soutomaior).



     No 1822 pasou formar parte da nova provincia de Vigo e en 1833, finalmente, á de Pontevedra.



Patrimonio
     No termo municipal ha numerosas testemuñas do seu pasado, destacando os castros de Santa María de Castro Barbudo e o monte Castrelo en Parada, onde tamén están os petróglifos de Tourón.



     A igrexa parroquial de Santa Eulalia de Ponte Caldelas destaca polo seu retablo pétreo, obra do mestre Manuel González, autor tamén da fonte que se atopa na praza do Bispo no centro da vila e do Calvario de Barbudo.



     A igrexa de Santa María de Tourón é de orixe románica de finais do século XII, conservando desa época algúns elementos dispersos. Nunha fachada lateral existe un escudo dos Pazos de Proben



     Destacan tamén as igrexas da Insua, aberta ao val cun Via Crucis de pedra arredor do adro, e a igrexa de Xustáns, cun conxunto de igrexa e cemiterio con outro cruceiro.



     Tamén destaca a Capela do Sagrado Corazón, dende onde se contempla a vista de paxaro a vila.



     Hai pazos e casas grandes en Tourón, Sande e San Ramón. Tamén destacan as casas de indianos de Caritel, A Insua e a da Vila.



Parroquias de Ponte Caldelas
     Anceu (Santo André), Caritel (Santa María), Castro Barbudo (Santa María), Forzáns (San Fiz), A Insua (Santa Mariña), Ponte Caldelas (Santa Eulalia), Taboadelo (Santiago), Tourón (Santa María), Xustáns (San Martiño)


MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901