martes, 9 de mayo de 2017

CARMEN PENIM - COMPOSITORA, CANTANTE

 CARMEN PENIM
COMPOSITORA - CANTANTE

      
    Quero agradecerlle a Carmen este tempo que nos dedicou e que persoalmente me soupo a pouco.
     Foi unha entrevista nun sitio moi especial  á beira dun regato e dunha árbore que creo foi testigo de mil pasares polo camiño que está ó seu carón.
     Decíame Carmen que ó pé desa árbore e por ese camiño foi onde case se compuxo HERDEIRAS. Sei que este traballo vai ser xenial porque notei en Camen a paixón con que falaba del. Por iso sei que vai gustar.
     Repito outra vez mil gracias, e pídoche nos sigas contando de como vai HERDEIRAS. Eu case o sinto tamén meu e espero os seguidores tamén.


 Algo de ti?
     Dende o Couto Mixto en terras arraianas de Ourense, ata o Morrazo, ó que cheguei hai máis de vinte anos. E antes diso, moitos lugares nos que fun vivindo por ser filla da emigración e polo meu traballo como profesora de instituto, no que me gusta particularmente a lingua oral, que é no que me especialicei cando me doutorei. Tamén traballei seis anos en Italia, onde estudei canto. Como cantante levo publicados co dúo 2naFronteira catro discos dedicados na súa maioría á lingua e cultura galegas, unha das miñas principais paixóns.



 Por que Música?
     Iso lévoo no sangue. Aínda que nunca se dedicaron á música profesionalmente, na miña familia paterna había boas voces moi apreciadas na contorna. Cantaban nos encontros sociais, festas…pero eran tempos duros e tocaba emigrar. Dende pequena fago cancións e canto. E o escenario é algo que me enche moitísimo e o trato co público, compartir con eles emocións, ideas.
 E por que Herdeiras?
     Como muller son consciente do importante que é para construír a nosa identidade saber de onde vimos, cal é a nosa historia, cales son as nosas heroínas, intelectuais, artistas, etc que nos poden servir de modelo ou inspiración. E cando hai guerras ou situacións precarias de calquera tipo, a muller sufre sempre máis por ser muller. E sen embargo, a historia está chea de nomes de home e nós quedamos na escuridade. Quixen aportar un grauciño de area á xustiza que supón recuperar eses nomes das heroínas do 36 e os anos seguintes, que mostraron unha coraxe e solidariedade admirables.



 Lía que decias ESAS MULLERES DO 36 podia ser EU ou NOS?
     Si. Cando fas un traballo deste tipo, tes que meterte na pel das súas protagonistas. E arrepíame pensar que tería sido de min se chego a ser unha muller no 36, 37, 38 e as décadas seguintes nas que non tiñamos dereitos nin recoñecemento, confinadas só ó fogar. Pregúntome se eu tería sido tan valente coma elas.
Cóntanos como colaborar en Herdeiras?
     Agradézoche que mo preguntes porque a colaboración da xente é fundamental para editar este traballo. Teño aberta unha campaña de micromecenazgo (crowdfunding) en https://www.gofundme.com/HERDEIRAS pero tamén se pode ingresar no banco e logo eu engado ese diñeiro á campaña. ES16 2080-0533-08-3000017065 a nome de Carmen Pérez Fernández (A Banca). Iso si, teñen que darme o seu enderezo postal a comunicacionherdeiras@gmail.com para poder mandarlles o disco se non viven perto de Moaña. Así, coa compra anticipada do disco, fan posible este soño.



 Quen participa no libro - CD
     É un traballo realmente coral: son vinte colaboradoras e colaboradores, entre textos divulgativos sobre a memoria das mulleres e poemas ós que eu poño música no disco. E ademais da música, no disco estará a curtametraxe da cineasta galega Margarita Ledo que fixo para Herdeiras: Bucle. As poetas musicadas son Helena Villar, Carmen Blanco, Eva Veiga, Marga do Val e Marta Dacosta. E hai tamén tres temas meus en letra e música. E os investigadores ou herdeiros da memoria son: Aurora Marco, Luís Bará, Pepe Cáccamo, Valentín García Bóveda, Carmen G. Rodeja (ARMH), Montse Fajardo, María Torres, Xosé Álvarez, investigadores; Ana Paula Mejuto, herdeira, con Olivia Rodríguez, investigadora; Xosé Manuel Cid, Xesús Alonso Montero, Presidente da RAG ata o 2016; René Pacheco, arqueólogo da ARMH. E Amalia Bóveda, filla do insigne Alexandre, escribiu o prólogo. 



Que ten de novidades este traballo
     Por fortuna, estase traballando moito actualmente pola memoria e polas mulleres. Hai publicacións tanto escritas como artísticas. Penso que o mérito de Herdeiras está en aglutinar a tantas persoas de disciplinas distintas en torno á memoria e a muller, unha idea de xustiza: hai audiovisual, música, danza, poesía, ensaio…Ademáis os textos e varios dos poemas son inéditos. E no escenario será un potente espectáculo con catro músicas e unha bailarina. Por tanto, un traballo eminentemente feminino tanto no plantexamento como na súa realización.
A sociedade avanza en dereitos da muller?
     Debería, e aparentemente podería parecer que si. Pero eu penso que os avances significativos déronse no pasado e agora percibo un maior grau de conformismo. Hai que estar alerta e seguir denunciando e loitando e rescatando pezas dese noso puzzle que se nos escatimou. Loitando contra as inxustizas e contra os clichés e os esquemas, que nos mutilan a todos, tanto homes coma mulleres. A loita polos dereitos da muller enténdoa dentro do marco da loita pola igualdade e a dignidade de todas as persoas. Non podes loitar só por un colectivo, senón polas persoas todas. Só que claro, a min tócame de perto a das mulleres porque a vivo na propia carne e en todas as minorías somos dobremente marxinadas.



 Loitando contra as inxustizas e contra os clichés e os esquemas, que nos mutilan a todos, tanto homes coma mulleres.

Falabamos de inmaterial o material na nosa Terra, como a ves ti?

     Hai moita xente aínda por namorar. É moi bonito dicir que te sintes galego e logo despreciar a lingua ou tantos rasgos da nosa cultura, mesmo o noso acento tan bonito. Unha terra é todo, pero sobre todo a lingua e as tradicións van ser aquelo que nos dea unha identidade diferente e propia e temos que conservalo con firmeza. E transmitilo ós máis novos.

 

Unha terra é todo, pero sobre todo a lingua e as tradicións

E a nosa Cultura como está?
     A cultura está estupendamente! Nunca tantas iniciativas houbo. O que está é malpagada. Iso exerce unha enorme presión sobre as persoas que nos dedicamos a ela, que temos que compaxinala con outro traballo. Así, non podes facer todo o que poderías dar da túa creatividade. Noutros países, por dicir un exemplo, hai subsidios para os meses nos que se produce unha obra e non se está sobre o escenario e por tanto, non se gaña. No fondo desta situación está o modelo de sociedade que temos, na que se valora producir cousas materiais para vender, comprar…esquecendo que o que nos fai máis o que somos, humanos, é outra cousa que non se compra. E a arte, a cultura achégante a esa esencia.



Unha pregunta persoal, ARBORES NATUREZA... Notei na entrevista tes admiración por eses temas?
     Si, é verdade. Penso que a harmonía das persoas co entorno natural é a clave do noso equilibrio mental, físico e emocional. Aínda que eu non vivo esa conexión de forma racional senón totalmente visceral. Cando ando polo monte, síntome máis na casa que en ningures. Síntome conectada a todo e faime tamén máis permeable ó resto das persoas, máis paciente. Creo que parte dos nosos problemas provén do feito de terlle virado as costas á natureza.



Cando ando polo monte, síntome máis na casa que en ningures.

Novos proxectos?
     De momento Herdeiras ocupa o meu pensamento e o meu tempo. Aínda queda traballo de produción por facer e agora entramos na fase de fabricación, edición, etc. que require moita atención. Pero si que é verdade que coqueteo con novas ideas. Con 2na Fronteira gustaríame recoller cancións tradicionais e continuar o noso traballo de censo de harmonios de igrexa. E como traballo persoal de Carmen Penim, creo que seguirei afondando en temas relacionados coas mulleres e as inxustizas.
 Crees que as artes están apoiadas neste país?

     Aínda que eu teño que estar moi agradecida pola confianza e o apoio que teñen tido os nosos proxectos, teño que dicir tamén que a cultura non se apoia como se debe, nin como produto final nin como argumento educativo que tratar nas escolas. Estamos nun momento de grande superficialidade e creo que a administración debería comprometerse cos proxectos que coidan a cultura propia e a educación dos máis novos. Por enriba da comercialidade ou popularidade, que son conceptos que pouco ou nada teñen que ver coa arte e o crecemento como persoas, tan necesario sempre.



Un libro?
     Planilandia, unha noveliña breve de Abbot, do séc. XIX, porque predica a tolerancia contada cunha fina e divertida ironía a través dun mundo poboado por figuras xeométricas.
 Unha película?
     Sacrificio, de Tarkovsky, das clásicas. E logo encántame Matrix e a Guerra das Galaxias (isto non o esperabas, eh?),
Un soño?
     Para min non podo pedir máis do que teño. Creo que é unha vida chea de esforzo pero perfecta. Para o mundo, non paro de soñar, a ver se soñando o empuxamos un pouquiño cara unha maior xusticia e conciencia.



  Para o mundo, non paro de soñar, a ver se soñando o empuxamos un pouquiño cara unha maior xusticia e conciencia.

 
Algo imprescindible?
     A igualdade, a libertade. E material, tantas pequenas cousas que fan a vida agradable: os beixos, o té, ir ó o monte cos meus cans…
Que cambiarías?
     A hipocrisía, a violencia, o sistema. Niso estamos, non?
 A Sociedade ten arreglo?
     Nisto, como en tantas cousas, se miras cara o horizonte, pódeche dar impaciencia e desalento. O importante é o camiño, porque ese camiño é o único que podes percorrer na túa honestidade como persoa e como cidadán. Os resultados non son para hoxe, pero recibes continuas pequenas recompensas que te fan crer que si, que un cambio profundo é posible, aínda que lento.




  O importante é o camiño, porque ese camiño é o único que podes percorrer na túa honestidade como persoa e como cidadán.
 
XOAN ARCO DA VELLA

2 comentarios:

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901