IGREXA DE SANTO ANDRÉ
SANTO ANDRÉ
AS NOGAIS
Santo André
Santo André é unha parroquia do concello das Nogais na comarca dos Ancares, na provincia de Lugo.
Segundo o IGE en 2011 tiña 139 habitantes, deles 74 eran homes e 65 eran mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 151 habitantes.
Patrimonio
A súa igrexa parroquial foi declarada Ben de Interese Cultural.
Lugares de Santo André
Busgulmar, As Castiñeiras, A Ferrería, Fonfría, A Fonte do Cando, A Lagúa, A Lama da Vila, A Pintinidoira, Santo André, Vilar, Vilavexe
As Nogais
As Nogais é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca dos Ancares linda con Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Becerreá e Triacastela.
Segundo o IGE en 2015 tiña 1.191 habitantes. O seu xentilicio é nogalego
Xeografía
O concello esténdese pola vertente meridional da serra dos Ancares e o val que forma o curso alto do río Navia. Limita ao noroeste con Becerreá, ao noroeste con Cervantes, ao sur con Pedrafita do Cebreiro e ao oeste con Triacastela. É un territorio extenso (112,4 km²), cunha densidade de poboación moi reducida, inferior aos 15 hab./km². Atravésao a N-VI e a A-6 (km 444).
As alturas máximas atópanse na serra dos Ancares, en serras pequenas como Travesa, Pintinidoira e Chan de Pereira (entre os 1.000 e os 2.000 m) e nas estribacións das Serras do Piornal e Rañadoiro, para o sur e o suroeste, que superan os 1.300, chegando aos 1.387 m. no Pico do Corvo. O fondo do val do Navia transcorre entre os 500 e os 800 m.
O Navia, que nace en Pedrafita do Cebreiro, atravesa As Nogais de sueste a noroeste e recolle a auga de, entre outros, o río de Valdeparada e o regato de Boullón.
Os invernos son fríos e os veráns frescos, cunha temperatura media anual é de 9 °C e unha oscilación térmica de 13 °C.
Historia
Houbo asentamentos castrexos como os do castro de Vilabol, Vilaesteva e Quintá. Sitúase aquí, posibelmente, a mansión romana de Ponte Naviae, da calzada de Braga a Astorga. No camiño real que levaba a Castela, a parte máis dura da subida a Pedrafita comezaba aquí.
Esta entrada a Galiza era defendida pola torre de Doncos e os castelos de Doiras e Valcarce. No século XIV, Doncos era propiedade do adiantado maior de Galicia, García Rodríguez de Valcarce; no XV pertenceu ao conde de Ayala e a condesa de Monterrei, pero en 1603, cando era propiedade de Fernando de Toledo, figura xa como torre abandonada.
O beneficio eclesiástico correspondía á casa e señorío de Torés, tenencia do marquesado de Camarasa. Parece que no lugar de Santo André houbo un eremitorio, convertido en mosteiro e pronto desaparecido.
Durante a Guerra da Independencia Española, as tropas francesas incendiaron Doncos e outros lugares. En 1835, a veciñanza formou unha partida de voluntarios para perseguir aos carlistas.
Até 1916 recibía simplemente o nome de Nogais, pero nese ano pasou a ser chamado As Nogais para distinguilo doutros concellos de España (Nogales de Badaxoz).
Da parroquia de Doncos foron naturais Balbino Santín Aira, de Sebrás e asasinado no campo de concentración nazi de Mauthausen o 10 de decembro de 1941 e Lisardo Freijo, nado en Doncos, e coñecido como Tenente Freixo ou Teniente Freijo, militar republicano primeiro, guerrilleiro antifranquista despois e morto o 26 de xuño de 1946 nun enfrontamento coa Garda Civil.
Economía
A poboación decae rapidamente. O hábitat é concentrado, arredor dos cursos de auga e da estrada e con algúns núcleos dispersos. Máis da metade dedícase ao sector primario en explotacións familiares reducidas. Destaca a gandaría.
Os cultivos máis importantes son os cereais (centeo, trigo e millo), patacas e hortalizas. Nos últimos anos tamén se repoboou moito o monte.
Non hai industria e o sector terciario dedícase á atención dos viaxeiros.
Parroquias das Nogais
A Alence (Santa Lucía), Doncos (Santiago), Noceda (San Xoán), As Nogais (Santa María Madanela), Nullán (San Cosmede), Quintá (San Pedro), Santo André (Santo André), Torés (San Xoán), Vilaicente (San Xoán)
Comarca dos Ancares
Os Ancares é unha comarca situada ó leste da provincia de Lugo cuxa capital é Becerreá, que á súa vez é o concello máis poboado.
Toma o nome da serra que está situada na parte máis oriental de Galiza, nos límites con Asturias e Castela e León. Pertencen a ela os concellos de Becerreá, As Nogais, Baralla, Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro.
Localización e características
É unha zona montañosa que forma parte das serras orientais, que tamén inclúen a comarca da Fonsagrada (ao norte) e O Courel (ao sur). Os Ancares tiña 9 662 habitantes no 2020, e 1 049,96 km2, polo que posúe unha baixa densidade de poboación de 9,20 hab/km2.
Os concellos que conforman Os Ancares galegos son Becerreá, As Nogais, Baralla, Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro.
Nos Ancares hai importantes masas forestais de carballo e bidueiro, acompañados de abeleiras, cancereixos, acivros, pradairos e teixos. Tamén hai mato abondo, como é o caso das uceiras e piornais predominantes.
Na comarca aínda se pode ver ocasionalmente o oso pardo, en vías de extinción, e podería quedar algún exemplar illado da pita do monte
MAPA
SÍGUENOS:
XOAN ARCO DA VELLA