LENDA DO ACUEDUTO DE SEGOVIA
SEGOVIA
A lenda do Acueduto de Segovia
A lenda do Acueduto de Segovia
Aínda que todos dan por válido que é unha obra romana, na capital segoviana corre outra versión sobre a súa construción.
Unha das construcións máis importantes non só de Castela e León, senón
de toda España é o Acueduto de Segovia, unha obra que segundo os
historiadores remóntase á época romana, pero que encerra tras de si unha
lenda que é coñecida por todos os segovianos e que serviría para
«explicar» o oco reservado para poñer a Virxe da Fuencisla.
A lenda di así:
Houbo un tempo no que a zona alta da cidade de Segovia non tiña fácil
acceso á auga. Para poder conseguila, os habitantes tiñan que realizar
un gran percorrido para poder traer a auga das fontes na zona exterior
da cidade.
Unha nova criada, tiña que levar cada día auga á casa na que servía no
alto da cidade, para o que tiña que baixar ao lombo co cántaro á zona
baixa onde se situaba a fonte, para logo facer o camiño de subida co
cántaro cheo.
Un día a nova criada, sumida na desesperación a metade de camiño,
exclamou no alto: «Daría o que fose porque a auga chegase soa ás portas
da cidade para non ter que volver nunca a percorrer este camiño». Entón
unha voz melodiosa tras ela respondeulle: «Estás segura de
que darías calquera cousa a cambio de que a auga chegase ás portas da
túa cidade».
A moza deuse a volta asustada e atopouse cun home aposto,
ao que respondeu que si sen dubidalo nin un momento, xa que poucas eran
as pertenzas que tiña que puidesen interesarlle ao home.
Entón o home pediulle algo que a muller si que posuía: a súa alma a
cambio de facer que a auga chegase directamente ata as portas da cidade.
No momento de baixeza, a moza pensou que a alma era algo
que de pouco lle valía, polo que aceptou sen dubidalo. Entón, decatouse
dun raro sorriso na cara do estraño, polo que antes de estreitar a man
con este e selar o trato, a moza engadiu que só lle daría a súa alma se
era capaz de facelo antes de que o primeiro raio do sol brillase á mañá
seguinte.
Tras pechar o trato cun apertón de mans, o home desvaneceuse ante os seus ollos, e a moza continuou o seu camiño a por auga pensando
que todo fora unha simple fantasía causada polo gran cansazo.
A noite caeu, e a moza comezou a dar voltas na cama sen poder durmir.
Non paraba de pensar no estraño encontro que tivera ao baixar á fonte
pola mañá, así que se levantou e foi dar un paseo para airear a mente.
Pero a súa sorpresa foi maiúscula cando se asomou ao miradoiro xunto á
porta de San Juan e observou como o estraño que coñecera esa mañá estaba
envolto en chamas e dando ordes a centos de diaños, dirixíndoos na
construción dunha estrutura que a moza non tardou en identificar cun
conduto para levar a auga ao alto da cidade.
A obra continuou toda a noite, durante a cal a moza non parou de rezar a
Deus arrepentida polo seu trato co diaño e pedíndolle que non deixase
que o diaño levase a súa alma, sen obter resposta algunha. Cando toda a
construción estaba practicamente finalizada, o home en chamas e todos os
seus axudantes comezaron a celebrar a vitoria mentres levaban a última
pedra ao oco, e xusto no momento que o home en chamas ía poñela, o
primeiro raio de sol golpeou a súa cara.
O diaño, indignado coa súa derrota, abandonou a cidade xunto a todos os
seus axudantes deixando a case terminada construción ás súas costas. A moza, sorprendida pola súa vitoria, correu á igrexa para confesar ante o
sacerdote..
No oco que quedou é onde está agora posta a estatua da Virxe
da Fuencisla
MAPA
Texto: Juan Giles
Fuente: ABC
XOAN ARCO DA VELLA