36 FESTA DA FILLOA DE LESTEDO
LESTEDO - 2019
BOQUEIXÓN
A XXXVI Festa da Filloa de Lestedo agarda superar as 20.000 persoas o 10 de marzo
A Festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, contará con promocións gastronómicas previas no Centro Comercial Compostela, na hostalaría local e na Galiciana
Pola tarde celebraranse os tradicionais Altos dos Xenerais do Ulla, nos que se estrearán deseños específicos para as xeneralas creados pola estilista Carmen Pichel
A XXXVI Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón, prevé superar as 20.000 persoas durante a xornada do domingo 10 de marzo. Durante toda a xornada, esta celebración declarada Festa de Interese Turístico de Galicia combinará a proposta gastronómica coa tradición do entroido dos xenerais da Ulla, que gozan do mesmo recoñecemento turístico.
A programación foi presentada este mediodía no Hostal dos Reis Católicos de Santiago pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal; o empresario e creador da máquina das filloas, Orlando Vázquez; e a deseñadora, estilista e costureira local Carmen Pichel.
O programa da festa
As filloas comezarán a prepararse coas primeiras luces do 10 de marzo. A partir das 12:00 horas poderán degustarse soas pero tamén con acompañamentos como chourizos, panceta, rixóns e, para quen opte polo doce, con mel, nata ou crema.
Tamén a mediodía, a XXXVI Festa da Filloa de Lestedo celebrará a tradicional Parranda de Entroido no Campo da Feira. Media hora despois prevese o IV Gran Desfile de Xenerais da Ulla, no que participarán varias ducias de xenerais, correos e soldados ataviados con traxes da época. O seu percorrido pola parroquia rematará no recinto da festa.
A partir das 13:30 horas a actriz María Mera exercerá como presentadora dos actos, nos que o xornalista Ramón Castro, de Onda Cero Santiago, exercerá como pregoeiro. Como é costume, imporase o Mandil de Honra ao pregoeiro e a outros persoeiros que contribúen ao éxito da festa.
A sesión vermouth e toda a xornada contará coas actuacións dos grupos e charangas Ardora, Raeira, Raiola, Luz do Ilicino e O Recobío. A música terá continuidade pola tarde coa verbena das orquestras Finisterre e París de Noia, que se prolongará entre as 18:30 horas e a medianoite.
Os Altos dos Xenerais do Ulla están programados para as 17:30 horas. Xa están confirmados oito xenerais, que demostrarán o bo humor e a sorna deste entroido tradicional mediante estrofas rimadas que nunca deixan de lado a política, o deporte e calquera tema da actualidade xeral e local.
Xornadas gastronómicas previas
Para a promoción da festa e do produto que máis caracteriza a Lestedo, durante os días previos organízanse tres iniciativas de degustación no Centro Comercial Compostela – El Corte Inglés, no mercado La Galiciana en Santiago e nas xornadas da hostalaría local de Boqueixón.
A Semana da Filloa de El Corte Inglés comezará o 28 de febreiro e chegará ata o 9 de marzo. A clientela deste centro comercial poderá degustar filloas durante esas xornadas entre as 13:00 e as 16:30 horas.
A cita no Mercado La Galiciana será o 1 de marzo. Cada establecemento deste espazo santiagués ofrecerá esa xornada receitas especiais para a ocasión. A organización prepara música e diversas sorpresas para complementar a proposta culinaria.
Nas IV Xornadas Gastronómicas da Filloa de Boqueixón, entre o 4 e o 8 de marzo, varios establecementos locais ofrecerán petiscos e outras elaboracións innovadoras e suxerentes coa filloa como base e coa incorporación de produtos locais de tempada e de primeira calidade.
MAPA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA